Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 10 de xuño de 1998 Páx. 6.415

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 167/1998, do 28 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 4.200 m situado en Viaño Pequeno, parroquia de Campo, do concello de Trazo para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Trazo reunido en sesión ordinaria o día 27 de marzo de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 4.200 m situado en Viaño Pequeno (concello de Trazo) para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/85, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Trazo acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 4.200 m situado en Campo de Brandián, concello de Trazo, parroquia de Campo, que linda: norte, con masa común, terreos onde se atopan as actuais instalacións de EXB, pistas polideportivas e patio cuberto; sur, con camiño; leste, con Mª Josefa Viqueira Veiras e oeste, con camiño.

O inmoble descrito figura inscrito no tomo 596, libro 34 de Trazo, folio 157, predio rexistral número 5.483 a favor do Concello de Trazo en virtude de escritura autorizada polo notario de Ordes o 5 de marzo de 1998 co número 410 do seu protocolo.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro de educación secundaria en Trazo.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5373