Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 10 de xuño de 1998 Páx. 6.415

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 166/1998, do 28 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha parcela sita no lugar de Tras das Presas, termo municipal de Oroso (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario obrigatorio.

O Pleno da Corporación Municipal de Oroso, en sesión celebrada o 3 de marzo de 1998, acordou a cesión á Xunta de Galicia dunha parcela para a construcción dun centro de ensino secundario obrigatorio.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma Lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Oroso acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta dunha parcela de terreo pertencente ó Concello de Oroso, sita no lugar de Tras das Presas, cunha superficie duns 12.000 m que linda ó norte, con José Luis Varela Villar; ó sur, con parcelas do plano de concentración parcelaria nº 1760 de Germán Iglesias Amigo, 1761 de Jesús Mirás Liñares, 1762 de Manuel Bermúdez Rivera e 1763-2 de José Luis Varela Villar; ó leste, con parcela de Juan Soto Raña e outros e; ó oeste, con rúa da Tosca.

A dita parcela atópase inscrita no Rexistro da Propiedade de Ordes, no tomo 664 do arquivo, libro 97 do concello de Oroso, folio 91, predio número 10.820, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de ensino secundario obrigatorio.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5248