Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo extraestatutario para o persoal laboral do Concello de Antas de Ulla.

Visto o texto do convenio colectivo extraestatutario para o persoal laboral do Concello de Antas de Ulla, da provincia de Lugo, asinado o día 10 de marzo de 1998, pola parte da empresa, en representación do concello, José Antonio Varela Casal, e pola parte dos traballadores, Mª Teresa Batán Buján, Mª Carmen Pérez Rodríguez e Alfonso Vázquez Besteiro, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartado 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 13 de maio de 1998.

José María Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo para o persoal laboral do cadro de persoal do Concello de Antas de Ulla

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O contido do presente convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal laboral con contrato indefinido do Concello de Antas de Ulla.

Capítulo II

Artigo 2º.-Período de vixencia.

A duración do presente convenio será desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1998, entendéndose prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes con un mínimo de quince días de antelación á terminación de cada anualidade.

Capítulo III

Artigo 3º.-Representación dos traballadores.

Ante a inexistencia de delegados de persoal, por non alcanzarse o número mínimo de traballadores precisos para iso, negocia este convenio directamente a totalidade do persoal laboral incluído nel, constituída en asemblea para estes efectos o día 9-3-1998.

Capítulo IV

Artigo 4º.-Órgano de control e seguimento.

Como órgano de control e seguimento do presente convenio establécese unha comisión paritaria integrada por dous membros da corporación e dous traballadores designados para o efecto de entre eles por escrito subscrito, cando menos, por máis da metade dos traballadores do cadro de persoal.

A comisión reunirase por petición de calquera das partes e os seus membros poderán ser asistidos por un asesor técnico con voz e sen voto.

Capítulo V

Artigo 5º.-Calendario laboral.

1. Será o que establezan os organismos competentes da Administración central, autonómica e local. En todo caso, cando nalgunha dependencia do concello se estableza xornada festiva, será extensible a tódolos centros de traballo ou persoal laboral dependente do concello. No caso de non ser así pola natureza do servicio ou polas súas necesidades, compensaranse con igual tempo de descanso nos seguintes quince días ou, se é o caso, economicamente como horas extras.

2. A festividade de Santa Rita, patroa da Administración local, é festa non recuperable.

Artigo 6º.-Vacacións.

Todo o persoal laboral acollido a este convenio cun ano mínimo de servicios terá dereito a unhas vacacións retribuídas de duración igual á do mes natural en que se desfruten. De non levar un ano de servicios, desfrutaranse as vacacións en proporción ós días traballados, a razón de dous días e medio por mes traballado.

Artigo 7º.-Permisos.

En materia de permisos, ó persoal laboral do Concello de Antas de Ulla seralle de aplicación o establecido no artigo 30 da Lei 30/1984 e artigo 70 da Lei da función pública de Galicia.

Artigo 8º.-Licencias.

Con carácter xeral desfrutaranse as mesmas licencias establecidas para os funcionarios na lexislación vixente.

Capítulo VI

Artigo 9º.-Equiparación retributiva.

Establécense como obxectivo a equiparación retributiva entre o persoal funcionario e o persoal laboral fixo do concello.

Artigo 10º.-Retribucións.

As retribucións anuais do persoal acollido ó presente convenio son as reflectidas no seu anexo I, e están constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador fixada para a xornada ordinaria de traballo en función da súa categoría profesional. Será da mesma contía que o soldo establecido para os funcionarios no grupo a que correspondan, segundo a mesma clasificación que establece o artigo 25 da Lei 30/1984.

b) Complementos salariais:

1. Antigüidade: establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías consistente en

trienios por un importe igual ó que lle corresponde ó persoal funcionario para o mesmo grupo de clasificación, conforme o establecido no artigo 25 da Lei 30/1984, que se devengará desde o primeiro de mes no que se cumpra o trienio.

O recoñecemento dos trienios e dos servicios computables para estes efectos farase por aplicación das mesmas normas que regulan esta materia para os funcionarios.

2. Plus de convenio ó posto de traballo: é o complemento salarial que, na contía que para cada posto figura na correspondente relación de postos de traballo, retribúe as especiais dificultades materiais e técnicas que esixa o desempeño do posto de traballo e, entre outras, a especial dedicación, responsabilidade, perigosidade ou penosidade.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias serán igual ó 100 por 100 das retribucións íntegras de cada traballador.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

1. Os traballos extraordinarios que deban realizarse fóra da xornada laboral establecida, e que en ningún caso terán o carácter de periódicos e fixos, unicamente se realizarán en casos realmente necesarios e aceptados polo persoal afectado, agás supostos de recoñecida urxencia.

2. Sempre que a organización do traballo o permita, cada hora extraordinaria compensarase con 1,5 horas de tempo de descanso. Poderanse acumular eses tempos de descanso ata constituíren xornadas completas, que nunca se poderán sumar ós períodos de vacacións e permisos ordinarios.

3. Para efectos económicos, o valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 50% o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa fórmula seguinte:

(Salario bruto anual+antigüidade)x1,5

1.700 h (nº horas efectivas anuais)

Capítulo VII

Artigo 13º.-Póliza de vida e accidentes.

O concello subscribirá para tódolos seus traballadores unha póliza de vida e accidentes.

Artigo 14º.-Prestacións médicas.

O concello comprométese a satisfacerlle ó persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio o 50 por 100 do importe do prezo de elementos médicos (exceptuando medicamentos, que seguen a normativa vixente) prescritos por facultativos colexiados como ocasión de tratamentos odontolóxicos, ópticos, ortopédicos, etc., agás que tal prestación se encontrase recoñecida pola Seguridade Social. Nestes casos o concello complementará ata o 50% as diferencias que poida haber entre o custo real e a achega establecida pola Seguridade Social.

Artigo 15º.-Anticipos.

1. O concello, a pedimento do interesado, concederalles ós traballadores cantidades sobre o total das

súas retribucións no concepto de axuda económica para adquisición ou mellora de vivenda propia ou para gastos de enfermidade do solicitante, o seu cónxuxe, fillos ou persoas dependentes economicamente del; a súa devolución efectuarase mediante decuccións mensuais en nómina e sen que xeren ningún tipo de xuros.

2. A contía dos citados anticipos será de ata catro mensualidades, cun tope máximo de 500.000 pesetas e o tempo máximo de amortización será de 24 mensualidades.

Capítulo VIII

Artigo 16º.-Saúde, seguirade e condicións de traballo.

O concello orzará anualmente unha cantidade destinada á mellora-la prevención de riscos laborais, e daráselles participación ós traballadores na súa xestión.

Artigo 17º.-Réxime disciplinario.

Aplicaráselles tanto para as faltas como para a tramitación do procedimiento disciplinario como para as sancións a mesma normativa de aplicación ós funcionarios públicos.

ANEXO I

Posto de traballoSalario basePlus de convenioPagas extrasTrieniosTotal xeral

Administrativa-operadora de ordenadores1.178.5081.153.620395.84642.9482.770.922
Encargada de biblioteca pública (1)780.768764.280257.50856.9041.859.460
Operario multiservicios879.720861.156290.1461.7922.032.814

(1) Con xornada a tempo parcial de 26,5 horas semanais

5240