Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.371

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 165/1998, do 22 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Grove (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de nova canalización de abastecemento ó Grove.

O Concello do Grove (Pontevedra), en sesión celebrada o día 30 de outubro de 1997, aprobou o proxecto de nova canalización de abastecemento ó Grove e na sesión celebrada o día 26 de febreiro de 1998

acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se motiva a urxencia na insuficiencia do abastecemento de auga e baseándose no artigo único do Decreto 3376/1971, do 23 de decembro, que dispón que as obras e instalacións necesarias para a potabilidade das augas destinadas ó abastecemento de poboacións decláranse de recoñecida urxencia para tódolos efectos de aplicación do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Grove (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de nova canalización de abastecemento ó Grove.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5299