Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.369

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 163/1998, do 22 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica, a 20 kV, ós CC.TT. de Texo e Ramil, concellos de Vedra e Boqueixón, provincia da Coruña. (Expediente 96/121-1).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa, nº 2 15008 A Coruña, solicitou desta, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da L.M.T. aérea a 20 kV, con conductor L.A.-56 sobre apoios de formigón e metálicos, de 1.872 m de lonxitude, co orixe na L.M.T. Gándara-Nande, e final no C.T. que se vai instalar en Ramil, centros de transformación de 50 kVA en Texo e en Ramil e RR.BB. nos termos municipais de Vedra e Boqueixón (A Coruña) (expediente 96/121-1)

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 4-12-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 16-1-1997, no BOP da Coruña do 17-1-997, e no BOE do 8-1-1997.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 11-11-1997, no BOP da Coruña do 24-10-1997, no xornal El Correo Gallego do 22-10-1997, e nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Vedra e Boqueixón e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

1) Carmen Devesa Pazos, propietaria do predio nº 40 (Boqueixón), mostra a súa total desconformidade coa declaración de urxente ocupación da liña, manifestando que a notificación recibida non vai acompañada do proxecto nin de exposición dos motivos que a xustifican, ademais de non entende-lo trazado da liña, o cal considera ilóxico, engadindo que a liña pode instalarse sobre terreos de dominio,

uso ou servicio público, ou incluso a través dos lindeiros dos predios de propiedade privada.

2) Mª Rosario García Rúa, propietaria dos predios 14 e 14/1 (Vedra), manifesta que a numeración dos predios non corresponde coa dada pola Consellería de Agricultura, circunstancia que lle impide saber se lle afecta a liña eléctrica; ademais alega que tódalas propiedades que ten nos termos municipais de Vedra e Boqueixón o son en réxime de copropiedade. En relación co predio nº 14/1 manifesta que descoñece a identidade de Jesús García Devesa, nome que acompaña ó seu na notificación individual

3) Jesús Lortés Miranda, propietario do predio finca nº 20 (Vedra), manifesta estar de acordo co paso da liña, sen embargo considera que a oferta que recibiu por parte da empresa beneficiaria non é suficiente.

4) José Lortes Miranda, propietario dos predios nº 22 e 30 (Vedra), manifesta que existe un erro nos datos referentes ó seu primeiro apelido que é Lortes e non Cortés como figura na relación de bens e dereitos publicada.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Á vista das alegacións presentadas e da resposta da empresa beneficiaria, considérase que non se pode acepta-la alegación presentada por Carmen Devesa Pazos, xa que o proxecto estivo á súa disposición na Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña como indicaban tanto os anuncios de información pública como a notificación individual; por outra banda, a traza proposta para a liña achégase o máis posible á pista; a modificación da traza rebaixaría o dano no seu predio pero aumentaríao nos do outro lado da pista e non se pode ir polos lindes, por non coincidir estos coa dirección da liña, nin sobre terreos de dominio público; con respecto á xustificación da construcción da liña eléctrica, esta xa foi exposta na declaración de utilidade pública. Non se pode estima-la alegación presentada por Jesús Lortes Miranda, xa que a determinación do prezo xusto non corresponde a esta fase do expediente. Por último, a empresa beneficiaria procederá a correixi-los erros

cometidos na relación de bens e dereitos afectados.

Unha vez realizada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo a traza aprobada para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro,

do sector eléctrico, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.- De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso da liña eléctrica, a 20 kV, ós CC.TT. de Texo e Ramil (expediente 96/121-1) proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos ós que afecta esta disposición están situados nos termos municipais de Vedra e Boqueixón (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5113