Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 09 de xuño de 1998 Páx. 6.363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se regula o desenvolvemento dos programas de garantía social en centros públicos para o curso 1998-1999.

A Orde do 5 de maio de 1997 (Diario Oficial de Galicia, do 29 de maio) regula os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de facilita-la reinserción no sistema educativo dos mozos ou ben posibilita-lo principio constitucional de acceso a un posto de traballo nas mellores condicións posibles para aqueles que decidan incorporarse á vida activa.

Deste modo, coa oferta postobrigatoria e profesionalizadora que constitúen os programas de garantía social, adquire un maior significado o principio educativo de extensión do dereito á educación e o seu exercicio en condicións crecentes de calidade, como instrumento para evita-la desigualdade, ó ofrecer a estes mozos unha resposta específica que contribúa a potencia-la súa madurez, lles axude a logra-la autonomía necesaria para operar no seu medio e lles permita a adquisición das aprendizaxes básicas. Son, pois, unha medida máis de compensación da situación de desvantaxe e desigualdade de oportunidades que é necesario desenvolver co fin de evita-la discriminación derivada de factores sociais, culturais, económicos, étnicos ou doutra índole que lles impide a determinados alumnos acceder ó ensino en condicións de igualdade.

En virtude do punto décimo terceiro da citada Orde do 5 de maio de 1997 e coa finalidade de desenvolver aqueles aspectos que a completen e permitan levar a cabo os programas de garantía social durante o curso 1998-1999, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Destinatarios.

Poderán acceder ós programas de garantía social as persoas menores de 21 anos que, alomenos, cumpran 16 anos no ano natural no que inicien o programa e se atopen nalgunha das seguintes condicións:

a) Estar escolarizadas no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estean en condicións de acada-los obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, tamén poderá accede-lo alumnado ó que non lle fora posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

b) Estar desescolarizadas e non posuír titulación académica superior á do graduado escolar ou que tendo acadada esa titulación, carezan do título de formación profesional de primeiro grao.

No caso do alumnado citado na alínea a), o acceso ós programas de garantía social realizarase logo da avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención dunha titulación académica mediante as probas de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar de FP1 e/ou as probas libres para a obtención do título de educación secundaria obrigatoria que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Obxectivos.

Os programas de garantía social nas súas distintas modalidades orientaranse á consecución dos obxectivos indicados no apartado segundo da Orde do 5 de maio de 1997.

Terceiro.-.Constitución de grupos.

Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos cun mínimo de 10 alumnos e un máximo de 15. En tódolos programas poderá participar alumnado con necesidades educativas especiais, non podendo incorporarse máis de 3 alumnos destas características por grupo; de ser así, o número máximo de alumnos que constituirán o grupo reducirase en igual número ó de alumnos integrados. Non obstante, cando existan como mínimo 8 alumnos con necesidades educativas especiais, que polas súas características poida ter dificultades de integrarse nun programa de garantía social, poderá constituírse un grupo exclusivamente para este colectivo.

Cuarto.-Modalidades de programas.

Os centros educativos públicos poderán acollerse ós programas de garantía social que se desenvolvan segundo os tipos seguintes:

-Programas de formación educativa e profesional: programas que se desenvolverán integramente nun centro educativo no que se impartan ensinanzas de formación profesional, ensinanzas de educación secundaria, ensinanzas artísticas ou en centros de educación de adultos.

-Programas de iniciación profesional: programas nos que a área de formación básica se desenvolva nun centro educativo dos indicados no apartado anterior e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas coas que previamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecera convenios para o desenvolvemento de programas de garantía social.

Quinto.-Programa de formación educativa e profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no apartado segundo da Orde do

5 de maio de 1997, a modalidade de formación educativa e profesional considera de forma especial a formación para continuar estudios a través da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou para a obtención do título de graduado en ensino secundario obrigatoria.

2. Estructura e distribución horaria: nesta modalidade as áreas formativas e a súa distribución horaria para unha semana é a seguinte:

2.1. Área de formación profesional específica: entre 15 e 18 horas semanais.

2.2. Área de formación e orientación laboral: entre 2 e 3 horas semanais.

2.3. Área de formación básica: entre 6 e 10 horas semanais.

2.4. Titoría: entre 1 e 2 horas semanais.

2.5. Actividades complementarias: entre 1 e 3 horas semanais.

Non obstante, as delegación provinciais de Educación, a través do servicio de inspección educativa poderán autorizar horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

3. Formación en centros de traballo: complementando a formación impartida no centro educativo e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. De ser así, o número de horas destinadas a esta formación será considerado na área de formación profesional específica .

Sexto.-Programa de iniciación profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no apartado segundo da Orde do 5 de maio de 1997, os programas de iniciación profesional considerarán de forma especial a orientación para a inserción laboral das persoas, en colaboración con empresarios e axentes sociais en xeral e en conexión con plans de emprego e inserción laboral.

2. Estructura e distribución horaria:

A estructura desta modalidade de programas implica o desenvolvemento en tres bloques que se indican a continuación:

-Bloque 1. Formación no centro educativo: esta parte terá unha finalidade fundamentalmente motivadora e orientadora e será impartida integramente no centro educativo. Estará estructurada en áreas, cunha distribución horaria que se axustará ó que se indica a continuación para cada unha elas. As horas asignadas ós bloques da área de formación profesional específica teñen un carácter orientativo.

2.1. Área de iniciación técnico-profesional: 150 horas.

-Formación económica e laboral: 60 horas.

-Aproximación ó mundo das profesións e ó contorno productivo: 60 horas.

-Introducción á informática do usuario: 30 horas.

2.2. Área de formación e orientación laboral: 60 horas.

2.3. Área de formación básica: 60 horas.

2.4. Titoría: 20 horas.

2.5. Actividades complementarias: 20 horas.

-Bloque 2. Formación tecnolóxico-práctica: desenvolverase como módulo de formación profesional ocupacional relacionado co perfil do programa que terá lugar en talleres do centro educativo, en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas autorizadas para impartir programas formativo-productivos. Este bloque terá unha duración entre 400 e 800 horas.

-Bloque 3. Formación en centros de traballo: complementando a formación práctica deste bloque e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. O número de horas destinadas a este bloque serán contabilizadas dentro das horas do bloque de formación práctica.

Non obstante, as delegacións provinciais de Educación, a través do Servicio de Inspección Educativa, poderán autorizar horarios distintos dos citados, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sétimo.-procedemento para solicitar programas de garantía social.

Os centros públicos interesados en implantar programas de garantía social deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

a) Modalidade á que se acollen, denominación do programa, segundo a relación do anexo I, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario se aparte da distribución que se establece para cada modalidade indicaranse as razóns que aconsellen esta modificación.

b) Profesorado con dispoñibilidade no centro.

c) Xustificación da existencia do material didáctico que se vai empregar.

d) Dispoñibilidade de espacio físico e instalacións adecuadas para impartir estas ensinanzas.

e) Metodoloxía e estratexias de avaliación.

f) Relación de empresas nas que o alumnado desenvolverá a formación en centros de traballo así como a súa temporalización, se é o caso.

g) Na modalidade de programas de iniciación profesional, xuntaranse os acordos de colaboración coas correspondentes entidades que participan no programa.

h) No caso de programas de garantía social destinados exclusivamente a un grupo de alumnos con necesidades educativas especiais, deberán indicarse as características de cada un dos alumnos.

i) Outros aspectos que consideren oportuno indicar.

Oitavo.-Presentación e tramitación de solicitudes.

1. As solicitudes e as memorias deberán presentarse nas correspondentes delegacións provinciais antes do día 11 de setembro.

2. As delegacións provinciais remitiranlle as correspondentes solicitudes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do día 18 de setembro, xunto cun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportunos.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

Noveno.-Desenvolvemento dos programas de garantía social.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos servicios de inspección educativa, realizarán o apoio e o seguimento precisos para a posta en marcha e desenvolvemento dos programas de garantía social autorizados, considerando as memorias indicadas no punto sétimo e velando pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo.-Metodoloxía.

A metodoloxía que se empregará nos programas de garantía social basearase nos principios de:

-Individualización, a través de estratexias individuais diversas que posibiliten unha mellor aprendizaxe dos contidos da área de formación básica; para iso é imprescindible identifica-lo nivel de coñecementos previos do alumnado. A partir deste coñecemento poderanse deseñar, seleccionar e aplica-las actividades que permitan supera-las dificultades, fallos ou erros de aprendizaxe, respectado sempre os diferentes ritmos de traballo e de aprendizaxe e tendo en conta que as actividades deben seguir un proceso gradual e secuenciado. Favorecerase que

o alumnado empregue as súas propias estratexias para desenvolve-lo seu nivel de autoestima.

-Interdisciplinariedade: coa formulación que se propón como principio na área de formación básica para o alumnado dos programas de garantía social preténdese:

-Servirse da vida mesma para aprender.

-Desenvolve-las capacidades básicas a través do emprego de técnicas de traballo.

-Adquirir contidos de formación básica, evitando a parcelación dos seus compoñentes, apoiándose no medio real e conectando as actividades no taller.

Décimo primeiro.-Sesións de avaliación.

Denomínanse sesión de avaliación as reunións de carácter colexiado que celebre o profesorado que imparte áreas a un mesmo grupo de alumnado para a valoración do progreso deste, seguindo as directrices especificadas no correspondente proxecto curricular do centro.

Décimo segundo.-Proceso avaliativo.

A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social, en calquera das súas modalidades, será continua, individualizada e integradora, coa finalidade de detecta-las dificultades no momento en que se produzan, investiga-las súas causas e adopta-las medidas correctoras oportunas. Para tal fin o profesorado fará o seguimento e avaliación da área que imparta, referida a cada un dos alumnos. Terá como referencia os obxectivos e criterios de avaliación sinalados nas programacións didácticas, así como o grao de madureza acadado.

1. O proceso de avaliación continua do alumnado require a súa asistencia regular ás clases e actividades programadas para as distintas áreas.

2. Ó longo do proceso formativo deben considerarse os seguintes tipos de avaliación:

-Avaliación inicial: ó comezo do curso estudiarase o nivel co que accede o alumnado en canto a actitudes, capacidades e coñecementos básicos; isto permitirá que o proceso de ensino-aprendizaxe adquira o carácter individualizado que estes programas requiren, e que se fagan explícitas as adaptacións e apoios que precise o alumnado. Os seus resultados quedarán recollidos no expediente académico do alumnado.

-Avaliación procesual ou formativa: cómpre que esta avaliación, especialmente ó principio do proceso formativo, valore máis a evolución persoal do alumnado que a aprendizaxe de contidos instructivos.

-Avaliación final: representa o resultado do seguimento e da avaliación de todo o proceso formativo e dará lugar ás cualificacións das áreas formativas destas ensinanzas.

3. As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco. No caso da área de formación tecnolóxico-práctica e na formación en centros de traballo, a cualificación expresarase como apto ou non apto. A cualificación destas áreas prácticas será realizada polo profesorado que efectúe o seu seguimento.

4. Na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente. De tratarse dunha adaptación curricular significativa, incorporarase ó seu expediente unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

5. Polo menos celebrarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo, o que se fará constar na acta correspondente, segundo modelo do anexo II.

6. Nalgunha das sesións de avaliación, o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada alumno que curse a oferta formativa completa, co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional ou para proseguir ensinanzas a través do acceso ós ciclos formativos de grao medio.

7. A superación dun programa de garantía social requirirá a avaliación positiva en todas e cada unha das áreas que o compoñen.

Décimo terceiro.-Certificacións, acreditacións e orientación.

1. Ó remate dun programa de garantía social autorizado ó abeiro desta resolución, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del na que se farán consta-las áreas e os contidos que as integran, as cualificacións obtidas e o número de horas destinadas a cada unha delas. Este certificado será expedido polo secretario/a do centro co visto e prace do/a director/a do mesmo: (modelo anexo III)

2. A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno; a dita orientación preservará o dereito do alumno á confidencialidade e non terá, para o alumno, carácter prescritivo.

3. A superación dun programa de garantía social permitiralle ás persoas interesadas concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Décimo cuarto.-Período de validez.

As autorizacións de ensinanzas derivadas desta resolución teñen validez durante o curso 1998/99.

Décimo quinto.-Dereitos e deberes.

Para o alumnado matriculado nos programas de garantía social é de aplicación a normativa pola que

se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos institutos de ensinanza secundaria.

Décimo sexto.

A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1998.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CATÁLOGO DE PROGRAMAS EN RELACIÓN COAS FAMILIAS PROFESIONAIS

Familia profesional Perfil (programa)

Iniciación a actividades forestais
Iniciación a cultivos hortícolas
Actividades agrariasIniciación a explotacións agropecuarias
Iniciación á florería
Iniciación a viveiros e xardíns
Actividades marítimo-pesqueirasIniciación ó marisqueo
Iniciación marítima
AdministraciónIniciación a servicios auxiliares de oficina
Iniciación ás técnicas administrativas
Artes gráficasIniciación á imprenta rápida e manipulados.
Comercio e marketingIniciación a comercio e marketing
Iniciación á obra civil
Iniciación á albanelería
Edificación e obra civilIniciación á carpintería de obra
Iniciación a pintor-empapelador
Iniciación a xeseiro-escaiolista.
Iniciación á electricidade
Electricidade e electrónicaIniciación á electrónica
Iniciación ás instalacións eléctricas de baixa tensión

Familia profesional Perfil (programa)

Iniciación a ferreiro e forxa agrícola
Iniciación á maquinaria de confección industrial
Fabricación mecánicaIniciación a construccións metálicas en aluminio
Iniciación a máquinas e ferramentas
Iniciación á soldadura e ás construccións metálicas
Iniciación á soldadura
Iniciación á cociña e á restauración
Iniciación á cociña
Hostalería e turismoIniciación á repostería-pastelería
Iniciación ó aloxamento, lencería e lavandería
Iniciación ós servicios de restaurante e bar
Imaxe persoalIniciación á perruquería
Industrias alimentariasIniciación a matadoiro e primeira transformación

Familia profesional Perfil (programa)

InformáticaIniciación á informática
Iniciación á fabricación e instalación de mobles modulares sinxelos
Madeira e mobleIniciación á carpintería de madeira maciza.
Iniciación ó mecanizado de madeira
Iniciación á mecánica xeral e á electricidade do vehículo
Mantemento de vehículos autopropulsadosIniciación a operacións de carrocería do vehículo
Iniciación á reparación de automóbiles
Mantemento e servicios á producciónIniciación á maquinaria de confección industrial
Iniciación á refrixeración e climatización
Servicios á comunidade e socioculturaisIniciación á axuda no domicilio e residencias asistidas
Vidro e cerámica.Iniciación á olería-cerámica

5111