Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 08 de xuño de 1998 Páx. 6.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de xuño de 1998 pola que se establece un réxime de axudas á apicultura.

O Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello, do 25 de xuño de 1997, polo que se establecen as normas xerais de aplicación das medidas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, e o Regulamento 2300/1997, da comisión, que establece disposicións de aplicación do anterior, consideran o cofinanciamento comunitario das accións previstas no Programa Nacional- Anual de medidas de axuda á apicultura.

Ó dito programa nacional español para o ano 1998, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas en estreita colaboración coas organizacións representativas e as cooperativas do sector apícola, foi aprobado pola Comisión Europea na decisión do 11 de marzo de 1998.

No marco do dito Programa Nacional Anual establécese un réxime de axudas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel.

Finalmente, e como no artigo 3 do Regulamento (CE) número 1221/1997, do Consello, se establece que os gastos dos estados membros deberán efectuarse como máis tardar, o 15 de outubro, con carácter de urxencia e para un mellor aproveitamento dos fondos comunitarios polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, foi dictada a Orde do 5 de maio de 1998 (BOE do 8 de maio), pola que se establece un réxime de cofinanciación e axudas á apicultura no marco do Programa Nacional Anual, con carácter de normativa básica, de acordo co disposto no artigo 149.1.13 da Constitución.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

Poderán ser obxecto de axudas, conforme o disposto no anexo I da decisión da Comisión do 11 de marzo de 1998, aquelas actividades ou investimentos realizados desde esa mesma data, encamiñadas a:

a) Prestar información e asistencia técnica.

b) Loita contra a varroase.

c) Racionaliza-la transhumancia.

d) Establecer medidas de apoio para a análise do mel.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar ás medidas de axuda previstas no artigo 2º aqueles beneficiarios que cumpran como mínimo os seguintes requisitos:

a) As persoas físicas ou xurídicas titulares dunha explotación apícola inscritas, polo menos, cun ano de antelación respecto á entrada en vigor da presente orde no Rexistro Apícola desta Comunidade Autónoma. A dita antigüidade no exercicio da actividade apícola deberá ser acreditada polos titulares de explotacións apícolas con menos de dez colmeas, ós que non lles é esixible a súa inscrición mediante certificación expedida polo concello onde se atopen situadas as colmeas e indicando o seu número.

b) As cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos establecidos no apartado anterior.

2. Ademais, e para as medidas de axuda previstas na letra d) do artigo 2º, os beneficiarios poderán ser tamén os laboratorios que efectúen ou poidan efectuar análise das características fisicoquímicas do mel, debidamente recoñecidos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de 20 días naturais desde a publicación da presente orde, segundo o modelo do anexo I, achegando a seguinte documentación:

-Acta de constitución da entidade, se é o caso.

-Relación nominal de apicultores no programa, se é o caso.

-Código de identificación fiscal e certificado de conta bancaria.

-Programa de actuación que se pretende desenvolver.

-Contrato dos veterinarios responsables da execución do programa sanitario.

-Declaración xurada de exclusividade dos veterinarios.

Artigo 5º.-Xustificación.

1. O investimento previsto nos subprogramas aprobados realizarase antes do 15 de setembro de 1998, aínda que a execución poderá diferirse ata o 31 de decembro de 1998.

2. O beneficiario comunicaralle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a realización do investimento previsto, xuntando os xustificantes dela e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización antes do 15 de setembro de 1998.

3. A contía das axudas será satisfeita, mediante pagamentos parciais, unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, trala súa comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Artigo 6º.-Anticipos.

Poderán realizarse, por petición dos interesados, os anticipos correspondentes á contratación dos técnicos responsables do seguimento dos distintos subprogramas, de conformidade co disposto no artigo 36. Dous. B) 3 da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Artigo 7º.-Concorrencia con outras axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 8º.-Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde teñen o carácter de cofinanciadas, en virtude do Reglamento (CE) 1221/1997, do Consello e a Orde do 5 de maio de 1998, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

As axudas que se deriven da aplicación da presente orde con cargo á Comunidade Autónoma financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 09.03.613-A.780.10 Plan apícola galego, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, dotado de 15.000.000 de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

5071