Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 08 de xuño de 1998 Páx. 6.298

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 159/1998, do 22 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal da Estrada (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da Corporación municipal da Estrada, en sesión extraordinaria celebrada o 23 de abril de 1998, acordou a cesión á Xunta de Galicia dun predio para a construcción dun centro de educación secundaria obrigatoria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que

non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Estrada acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión a título gratuíto feita polo Concello da Estrada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo denominado A Granxa 2 situada no lugar de Granxa de Figueroa de Arriba, parroquia e termo municipal da Estrada (Pontevedra). Ten unha superficie aproximada de 7.250 m e linda ó norte, en 82 metros lineais con terreo de propiedade municipal destinado a zona deportiva e de lecer; ó sur, en 129 metros lineais con terreo de propiedade municipal detinado a carballeira; ó leste, en liña de 70 m coa pista de propiedade municipal que a separa do instituto de formación profesional, e ó oeste, en liña de 92 m, parte en curva, con franxa de terreo propiedade municipal pertencente ó predio denominado Granxa 3.

O dito inmoble está inscrito no Rexistro de Propiedade da Estrada no tomo 630, libro 513, folio 164, número 69.560, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5256