Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 02 de xuño de 1998 Páx. 5.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de maio de 1998 pola que se convocan exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

Ó abeiro do establecido na orde desta consellería do 28 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, esta consellería en uso das atribucións que lle están conferidas.

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia, de acordo coas bases contidas no anexo I desta orde.

Artigo 2º

Modifícase o tema 14 do temario cultural que figura no anexo I da orde da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 26 de marzo de 1998 pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, o cal queda redactado así:

14. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e escultura barrocas en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

Bases:

1. Para tomaren parte nos exames, os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ó acordo sobre o Espacio Económico Europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c)Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

-Técnico superior en información e comercialización turística.

-Técnico en empresas e actividades turísticas.

-Calquera outro título superior, licenciatura ou doutoramento.

d)Non padecer ninguha enfermidade nin limitación física que poidan ser incompatibles coas funcións de guías de turismo.

e)Acredita-lo dominio das linguas cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, castelán e galego, e algunha das seguintes linguas estranxeiras: inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés.

1.2. Todos estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Os que desexen tomar parte nestas probas de habilitación deberán facelo constar mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran nos anexos II, III e IV desta disposición, segundo corresponda, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na disposición adicional 2ª da Lei 9/1997, do 21 de agosto de ordenación e promoción do turismo en Galicia que modifica os subapartados 05, 06 e 07 do apartado 19 do artigo 23 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, e no título IV da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autonóma de Galicia para 1998, como requisito necesario para participar nestas probas deberase aboar, antes do día de celebración do primeiro exercicio, en concepto de dereitos de exame o importe de 5.300 pesetas e, se é o caso, os gastos da transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo V desta orde. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, debendo cubrirse

cos códigos que figuran no referido anexo V.

A non presentación deste impreso de autoliquidación no que figure o selo da entidade bancaria, antes do día de celebración do primeiro exercicio, determinará a exclusión do aspirante, aínda que este xa tivese realizado este primeiro exercicio. En ningún caso a presentación deste impreso suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da resolución da Dirección Xeral de Turismo pola que se declare tal exclusión.

2.1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Cultura, Comunicación Social e

Turismo, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou en calquera dos outros rexistros, oficinas ou organismos a que fai referencia o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, seran eximidos de realiza-las probas de idiomas que consten nas súas habilitacións, así como da avaliación sobre as materias que constan no temario cultural que figura no anexo I da Orde do 28 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

Así mesmo, os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que desexen ser habilitados para outros idiomas distintos ós da súa habilitación, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Por outra banda, os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, serán eximidos da avaliación sobre as materias que constan no temario cultural que figura no anexo I da Orde do 28 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen ser habilitados para algún dos idiomas convocados, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Nestes casos deberanse facer constar tales circunstancias na solicitude.

4. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral de Turismo dictará resolución pola que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou de calquera outro documento identificativo equivalente.

A lista de admitidos e excluídos expoñerase durante 15 días no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da

Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

4.1. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitivo.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral de Turismo dictará resolución pola que se declarará definitivamente aprobada a lista de admitidos e excluídos.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo exame, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste procedemento.

5. O tribunal cualificador destas probas será designado mediante resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que se expoñerá no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e a súa composición será a seguinte:

Presidente: o director xeral para o Turismo, que poderá delega-la súa representación para todas ou algunhas das sesións que celebre o tribunal, no subdirector xeral de Ordenación de Turismo.

Vocais:

-Un funcionario da Dirección Xeral de Turismo.

-Dous profesores de ensino oficial especializados, un en historia da arte e outro en xeografía.

-Un representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, designado pola dita asociación ou, no seu defecto, un profesional nomeado pola propia Administración.

Secretario: o xefe de Servicio de Ordenación de Turismo, con voz pero sen voto.

Para xulga-las probas de idiomas, o tribunal poderá solicita-la presencia de persoas cualificadas que o asistan se así o considera conveniente. A designación destas persoas deberá comunicárselle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

5.1. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro exercicio e maila primeira proba do terceiro exercicio sexan

corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que puidesen permitir coñece-la identidade do aspirante.

5.2. Por cada sesión do tribunal levantarase acta, que, lida ó principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

5.3. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

5.4. A totalidade dos membros do tribunal deberán posuír un nivel de titulación igual ou superior ó esixido na base 1.c) desta orde

5.5. As comunicacións que lle formulen os aspirantes ó tribunal dirixiranse á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo (praza de Mazarelos 15, Santiago de Compostela).

6. As probas de habilitación para guía de turismo especializado consistirán nos bloques seguintes de exercicios, todos eles eliminatorios e realizados na orde que se indica.

6.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 60 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ó chou entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo I da Orde do 28 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia. O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo, para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, tan só deberán contestar por escrito un cuestionario de 40 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ó chou entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes ós temas do 24 ó 55, ambos inclusive, do programa que figura no anexo I da devandita orde. Neste caso, o tempo

máximo para a realización desta proba será de 40 minutos.

Este exercicio poderase realizar en castelán ou galego, segundo a elección do aspirante, que a fará constar na solicitude.

Esta proba cualificarase con apto ou non apto e corresponderalle ó tribunal determina-lo nivel de coñecemento esixido para acorda-la condición de apto. Non obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, alomenos, a metade das preguntas do cuestionario.

As cualificacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

6.2. Segundo exercicio.

Consistirá na exposición oral, durante un tempo mínimo de 20 minutos e máximo de 30 minutos, de dous temas extraídos ó chou, un do temario cultural (temas 1 ó 23) e outro do de itinerarios e recursos turísticos (temas 24 ó 48).

De cada un dos temarios o candidato extraerá dous temas e expoñerá, á súa escolla, un de cada temario, de entre os que extraese.

Este exercicio poderase realizar en castelán ou galego, á elección do aspirante, que a fará constar na solicitude.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, só deberán realiza-la exposición oral en que consiste este segundo exercicio, respecto ó temario de itinerarios e recursos turísticos (temas 24 ó 48), e durante un tempo mínimo de 10 minutos e máximo de 15 minutos. O candidato extraerá deste temario dous temas e expoñerá, á súa escolla, un deles.

Esta proba cualificarase con apto ou non apto e corresponderalle ó tribunal determina-lo nivel de coñecemento esixido.

As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se celebren as probas. Así mesmo, unha vez rematada

a avaliación de tódolos aspirantes, publicaranse as súas cualificacións nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provincias da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

6.3. Terceiro exercicio, ó que concorrerán unicamente aqueles candidatos que superen os exercicios anteriores e mailos candidatos que estean exentos de realiza-los exercicios anteriores.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá nunha traducción dun texto castelán para o galego, e doutro galego para o castelán, elixidos ó chou de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización desta proba será dunha hora.

Non obstante, os aspirantes que desenvolvesen un dos exercicios anteriores en castelán e outro en galego, estarán exentos de realizar esta proba.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo ou guías de turismo estarán exentos de realizar esta proba.

As cualificacións desta proba publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Segunda proba: consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ó bloque do programa Itinerarios e Recursos Turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se celebren as probas.

7. Os interesados que, ó abeiro do establecido no artigo 10 da Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, solicitasen antes da finalización do prazo establecido na base 2 desta convocatoria o recoñecemento profesional do seu título ou conxunto de títulos, e que se lles tivese comunicado por parte da Dirección Xeral de Turismo a necesidade de someterse a unha proba para obter ese recoñecemento, realizarán a totalidade ou parte dos exercicios previstos nesta convocatoria segundo se lles determinase en cada caso.

8. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas dos candidatos declarados aptos

e propoñeralle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo a súa habilitación como guías de turismo especializados, ou ampliada a habilitación xa outorgada a todo o territorio da Comunidade Autónoma ou para determinados idiomas, segundo se trate, sempre que cumpran tódolos requisitos esixidos nas bases da presente orde. As listas expoñeranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais de Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

8.1. Mediante resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo elevarase a definitiva a proposta dos tribunais dos aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase nos taboleiros de anuncios referidos. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os ditos aspirantes presenten na Dirección Xeral de Turismo os seguintes documentos:

-Tres fotografías tamaño carné.

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade, ou de calquera outro documento acreditativo da súa identidade e nacionalidade.

-Fotocopia compulsada dalgún dos títulos esixidos na base 1ª alínea c) desta orde. No caso de títulos estranxeiros deberá ser acreditada a súa homologación en España pola autoridade competente.

-Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base 1ª alínea d) desta convocatoria.

A Dirección Xeral de Turismo poderá solicitar, cando o considere conveniente, a presentación dun certificado oficial que expedirá o órgano competente, acreditativo da equivalencia dos títulos presentados.

8.2. Os candidatos declarados aptos que non presenten a documentación esixida no prazo establecido ou a presenten incompleta ou incorrecta, salvo casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promoveren os recursos que correspondan.

8.3. Completada a referida documentación, ós candidatos outorgaráselles, por parte do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a habilitación como guías de turismo especializados de Galicia, ou ampliaráselles a que posúan para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou para os idiomas que corresponda segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné no que constará o idioma ou idiomas que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

O ámbito territorial da habilitación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

INSTRUCCIÓNS PARA O/A INTERESADO/A.

-Escriba soamente a máquina ou con bolígrafo sobre superficie dura, empregando maiúsculas tipo imprenta.-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles.-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas o riscadas.

-Non esqueza asina-lo impreso.-Non esqueza achega-lo impreso de autoliquidación de taxas debidamente cuberto e selado pola entidade bancaria.-Non esqueza xuntar fotocopia do seu DNI ou de calquera outro documento acreditativo da súa identidade e nacionalidade.

INSTRUCCIÓNS PARA O/A INTERESADO/A.

* INSTRUCCIÓNS XERAIS.-Escriba soamente a máquina ou con bolígrafo sobre superficie dura, empregando maiúsculas tipo imprenta.-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles.-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas ou riscadas.-Non esqueza asina-lo impreso.

-Non esqueza achega-lo impreso de autoliquidación de taxas debidamente cuberto e selado pola entidade bancaria.-Non esqueza xuntar fotocopia do seu DNI ou de calquera outro documento acreditativo da súa nacionalidade.

* INSTRUCCIÓNS PARTICULARES.

(1) Consigne o ámbito territorial que conste na súa habilitación.

(2) Sinale os idiomas que consten na súa habilitación.

(3) Especifique os outros idiomas dos convocados, sobre os que desexe examinarse.

INSTRUCCIÓNS PARA O/A INTERESADO/A.

* INSTRUCCIÓNS XERAIS.-Escriba soamente a máquina ou con bolígrafo sobre superficie dura, empregando maiúsculas tipo imprenta.-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles.-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas o riscadas.-Non esqueza asina-lo impreso.

-Non esqueza achega-lo impreso de autoliquidación de taxas debidamente cuberto e selado pola entidade bancaria.-Non esqueza xuntar fotocopia do seu DNI ou de calquera outro documento acreditativo da súa identidade e nacionalidade.

* INSTRUCCIÓNS PARTICULARES.

(1) Consigne o ámbito territorial inferior ó autonómico que conste na súa habilitación.

(2) Especifique os idiomas convocados sobre os que desexa examinarse.

4906