Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 01 de xuño de 1998 Páx. 5.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 19 de maio de 1998 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas de interese agrario.

A realización de viaxes de interese agrario contribúe á innovación empresarial e tecnolóxica e ó coñecemento de técnicas, equipos, instalacións, métodos de traballo

e novas experiencias prácticas, que poden ser aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de mellora-la rendibilidade das explotacións agropecuarias e das industrias agroalimentarias galegas. Polo tanto, esta consellería considera necesario apoia-la realización deste tipo de viaxes, por proposta do sector, e sempre que cumpran as expectativas sinaladas anteriormente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co fin de fomenta-las viaxes e visitas técnicas colectivas de interese agrario, establécese unha liña de axudas regulada pola presente orde.

Artigo 2º

1. Poderán solicitar estas axudas:

-Organizacións profesionais e asociacións relacionadas co sector agropecuario, legalmente constituídas.

-Asociacións empresariais e outras entidades relacionadas co sector agroalimentario, legalmente constituídas.

-Agrupacións de agricultores creadas con este fin.

2. Para efectos de solicitude e pagamento, a organización, asociación ou grupo de agricultores interesados deberá designar unha comisión organizadora da viaxe. Esta comisión terá tres membros como mínimo, actuando un deles como presidente e outro como tesoureiro.

Artigo 3º

1. Entre os gastos que ocasiona a viaxe poderán subvencionarse os de desprazamento e os de aloxamento e manutención.

2. A subvención poderá chegar:

-Ata o 60%, no caso dos gastos de desprazamento.

-Ata o 40%, no caso dos gastos de aloxamento e manutención.

3. Esta consellería, se o considera oportuno, poderá establecer uns importes máximos auxiliables por persoa e día de viaxe, para os capítulos de gastos citados anteriormente.

4. En calquera caso, a subvención total nunca superará as 70.000 ptas. por persoa que efectivamente realice a viaxe.

Artigo 4º

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo E anexo, debidamente cuberto e asinado polo presidente da comisión organizadora. Ademais, deberá xuntarse a seguinte documentación:

-Breve memoria, que conteña os obxectivos xerais da viaxe.

-Datas e programa da viaxe, incluíndo a relación de visitas e contactos técnicos que se van realizar, cunha sucinta descrición e xustificación do seu interese.

-Composición da comisión organizadora.

-Relación de agricultores e outras persoas relacionadas co sector agroalimentario que estea previsto que participen na viaxe.

-Orzamento da viaxe desagregado por capítulos, e o seu financiamento.

-Xustificante bancario de apertura dunha conta específica a nome da comisión organizadora, para efectua-lo pagamento da subvención.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, nas axencias de extensión agraria ou nos lugares e forma indicados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes presentaranse cun mínimo de 15 días naturais de antelación á viaxe. En todo caso, non se admitirán solicitudes con data posterior ó 30 de xuño.

4. Non se subvencionarán viaxes que se realicen con posterioridade ó 31 de outubro do presente ano.

Artigo 5º

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, comunicaralles ós beneficiarios a concesión da axuda e o seu importe previsto, en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

2. Para a aprobación das solicitudes de axuda consideraranse preferentes:

-As viaxes promovidas por organizacións profesionais, asociacións empresariais e outras entidades relacionadas co medio agrario, que estean legalmente constituídas, en relación cos grupos de agricultores creados con este fin.

-As viaxes promovidas por organizacións profesionais, asociacións empresariais e outras entidades, que veñan realizando actividades formativas de interese agrario.

-As viaxes promovidas por organizacións profesionais, asociacións empresariais e outras entidades galegas, en réxime de correspondencia con organizacións semellantes doutras rexións españolas, da Unión Europea, ou incluso de terceiros países.

3. En relación cos criterios de preferencia e como complemento ó citado no punto anterior teranse en conta tamén:

-O interese das visitas e contactos técnicos programados.

-O número de participantes na viaxe.

Artigo 6º

As axudas establecidas na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.611A.481.0 Axudas a estudios e traballos sobre temas agrarios, dos orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, por un importe máximo de cinco millóns novecentas mil pesetas (5.900.000 ptas).

Artigo 7º

1. Previamente ó pagamento das axudas, os solicitantes deben presentar:

-Informe da viaxe efectuada, sinalando aquelas incidencias e aspectos técnicos máis interesantes. Debe asinalo o presidente da comisión organizadora.

-Relación definitiva de tódolos participantes na viaxe, cos seus correspondentes datos persoais.

-Relación de facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas. Nas facturas e recibos deberán consta-las datas da viaxe, cántas persoas a realizaron, os lugares visitados e o medio de transporte utilizado.

2. Os gastos da viaxe presentaranse agrupados en capítulos: desprazamento, e aloxamento e manutención. Nunha mesma factura poden incluírse gastos correspondentes a estes capítulos, sempre que aparezan perfectamente desagregados.

3. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deben presentarse nun prazo máximo de 15 días naturais a partir da data de finalización da viaxe. O non cumprimento deste prazo suporá a perda da subvención aprobada.

Artigo 8º

1. O importe definitivo da axuda determinarase en función da documentación citada no artigo anterior, fundamentalmente mediante as facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, e respectando en todo caso a dotación orzamentaria existente.

2. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente.

3. A concesión e/ou percepción desta axuda polos beneficiarios é incompatible con calquera outra concedida pola Administración autonómica para a mesma finalidade.

Disposición transitoria

Pódese solicitar esta axuda para todas aquelas viaxes realizadas durante este ano antes da publicación desta orde, e serán subvencionables sempre que cumpran as condicións esixidas e haxa dotación orzamentaria suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

5000