Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 22 de maio de 1998 Páx. 5.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de maio de 1998 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monte-Castrove.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monte-Castrove, con domicilio na rúa Marquesa nº 5-local 2º. Pontevedra.

Supostos de feito:

Primeiro.-Rafael Sáenz-Díez Malvar, como representante da fundación, en escrito do dez de marzo de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día vinteún de febreiro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Eduardo Méndez Apenela co número oitocentos oitenta e catro do seu protocolo por Juan Luis Pedrosa Fernández, José Manuel Cores Tourís, Jorge Domínguez Rosal, Jorge Casal Pintos, Rafael Louzán Abal, José Luis Rodríguez Lorenzo, Elena Rodríguez Leis, Joaquín Javier Gago López, Antonio Grande Santos e Fernando María Lafuente Lestón; intervén Juan Luis Pedrosa Fernández en nome propio e dereito e, ademais en nome e representación do Concello de Pontevedra; José Manuel Cores Tourís intervén en nome e representación do Concello de Cambados; Jorge Domínguez Rosal intervén en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Meaño; Jorge Casal Pintos en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Meis; Rafael Louzán Abal en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación

do Concello de Ribadumia; José Luis Rodríguez Lorenzo en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Sanxenxo; Elena Rodríguez Leis en nome e representación do Concello de Vilanova de Arousa; Joaquín Javier Gago López en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Vilagarcía de Arousa; Antonio Grande Santos en nome e representación e como presidente da agrupación deportiva Chan do Fento e Fernando María Lafuente Lestón intervén en nome propio e dereito; esta escritura foi emendada por outra posterior con data do seis de marzo de mil novecentos noventa e oito ante o mesmo notario e co número mil douscentos cincuenta e catro do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Monte-Castrove, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 24 de marzo de 1998 (DOG do 8 de abril) clasificouse como de interese cultural a Fundación Monte-Castrove, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a realización na zona de influencia das rías de Arousa e Pontevedra, de actividades deportivas, turísticas e culturais encamiñadas á promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos deportivos, turísticos e culturais da comunidade, así como a realización doutras actividades que poidan coadxuvar á consecución do obxecto social.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Monte-Castrove, capacidade xurídica, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas no artigo 10 dos estatutos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monte-Castrove, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a

protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Monte-Castrove.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

4592