Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 21 de maio de 1998 Páx. 5.603

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV subestación de Mondoñedo-parques eólicos de Montouto-O Cadramón-Soán-Nordés, nos termos municipais do Valadouro, Alfoz, Abadín e Mondoñedo, da provincia de Lugo. (Expediente 4817 A.T.).

Vistos os escritos e a documentación presentados polas empresas Ineuropa Eólica do Xistral, S.A. e Norvento, S.L., con enderezos para efectos de notificación en r/ Marcelo Spínola, 28014 Madrid e r/ Ribadeo, nº 2 entreplanta. 27002 Lugo, respectivamente, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 9 de xuño de 1997 a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV desde a subestación de Mondoñedo ata a subestación de Nordés, pasando polas de Soán, O Cadramón e Montouto sucesivamente, discorrendo polos termos municipais de Mondoñedo, Alfoz, Abadín e O Valadouro (Lugo); acompañan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 52 da Lei 40/1996, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, de aplicación o presente expediente de acordo co establecido no apartado segundo da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación, para os diferentes tramos son as seguintes:

-Tramo Sub. Mondoñedo - Sub. Montouto: liña aérea de 132 kV de circuíto simple, de 15.946 m de lonxitude, sobre apoios metálicos de celosía, con conductor LA-280, que discorre polos termos municipais de Mondoñedo e Abadín.

-Tramo Sub. Montouto - Sub. O Cadramón: liña aérea de circuíto simple, de 3.668 m de lonxitude, sobre apoios metálicos de celosía, con conductor LA-280, que discorre polos termos municipais de Abadín, Alfoz e O Valadouro.

-Tramo Sub. O Cadramón - Sub. Nordés: liña aérea de circuíto simple, de 5.659 m de lonxitude, sobre apoios metálicos de celosía, con conductor LA-180, que discorre polo termo municipal do Valadouro.

-Tramo derivación a Sub. Soán: liña aérea de circuíto simple, de 946 m de lonxitude, sobre apoios metálicos de celosía, con conductor LA-280, que discorre polo termo municipal do Valadouro.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública, sendo publicado no DOG do 3-12-1997, BOP de Lugo do 25-11-1997, xornal El Progreso do 4-12-1997, no taboleiro de anuncios das casas do concello de Mondoñedo,

Abadín, Alfoz e O Valadouro e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselles individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Terceiro.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1) O Concello de Mondoñedo solicita que, por razóns de seguridade, medioambientais, urbanísticas e de saúde, as conduccións se realicen soterradas nas zonas habitadas.

2) A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Labrada solicita que se modifique a afectación dos predios pertencentes a esa comunidade que aparece na relación de bens e dereitos publicada, xa que constan como monte baixo, cando en realidade o voo da liña afecta a 6.350 m de prado, sendo o resto monte baixo, ademais, tres dos apoios, nº 45, 46 e 47, sitúanse neste terreo de prado. Expón tamén outras cuestións relativas á utilidade pública do proxecto e a súa prevalencia sobre a utilidade pública do monte veciñal.

3) Pilar Villalba Muíño expón que os predios referenciados cos números 12, 36 e 104-b aparecen a nome de María Villalba Muíño, sendo realmente da súa propiedade, polo que solicita que se cambie a titularidade na relación de bens e dereitos afectados; así mesmo solicita unha comprobación da superficie que se vai ocupar no predio 104-b.

4) A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Espiñarcao expón cuestións relativas á utilidade pública do proxecto e a súa prevalencia sobre a utilidade pública do monte veciñal.

5) Genma Ares Leiras, titular dos predios 34, 45-b, 65-b, expón que no seu momento asinou un acordo coas empresas promotoras do proxecto, accedendo á ocupación de 480, 130 e 120 m respectivamente, notificándoselle nembargantes unhas ocupacións de 720, 290 e 240 m respectivamente, polo que solicita que as empresas beneficiarias aboen as cantidades correspondentes ó resto da superficie realmente ocupada.

6) A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Romariz considera que a superficie realmente afectada polo tendido eléctrico é maior có reflectido na relación de bens e dereitos. Engade que o cultivo existente non é de prado e monte baixo, como se indica na mencionada relación, senón de monte repoboado

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Cuarto.-Con data do 13 de febreiro de 1998, Pilar Villalba Muíño e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Espiñarcao e Labrada. presentan acordos subscritos coas empresas promotoras, nos que solicitan que queden sen efecto as alegacións presentadas.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 do título IX da Lei 40/1994.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e no Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/68, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, cos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) Non se pode acepta-la alegación presentada polo Concello de Mondoñedo; con respecto ás razóns medioambientais, non existe ningunha normativa que recolla o establecemento de liñas eléctricas de 132 kV. Respecto as razóns de seguridade e saúde invocadas, as distancias de seguridade establecidas pola regulamentación de liñas eléctricas de alta tensión garanten ámbalas cuestións. Por último, ó te-los terreos polos que discorre a liña eléctrica no citado concello a cualificación urbanística de solo rústico, non se pode esixi-la instalación soterrada; para que a esixencia de transformación das liñas aéreas en soterradas fose esixible, sería necesario que os terreos estivesen urbanizados ou en curso de urbanización.

2) As empresas beneficiarias modificarán os datos correspondentes ós predios da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Romariz, sen prexuízo de que durante o levantamento de actas previas á ocupación presenten a documentación xustificativa oportuna.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º Autoriza-la instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV desde a subestación de Mondoñedo ata as subestacións dos parques eólicos de Montouto - O Cadramón - Soán - Nordés, nos termos municipais de Mondoñedo, Abadín, Alfoz e O Valadouro.

2º Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3º Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, ante

o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

4690