Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 21 de maio de 1998 Páx. 5.584

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de maio de 1998 pola que se regula o Rexistro de Confrarías de Pescadores de Galicia e as súas federacións.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 14, crea o Rexistro de Confrarías e das súas Federacións.

O Decreto 79/1998, do 12 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 12-3), faculta no seu artigo 4.2º a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar unha orde que regule o funcionamento do citado rexistro.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

O Rexistro de Confrarías creado pola Lei 9/1993 do 8 de xullo, quedará adscrito orgánica e funcionalmente á Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que será a encargada da súa organización, mantemento e custodia.

Artigo 2º

No rexistro deberán inscribirse tódalas confrarías e federacións, unha vez ratificados os seus estatutos pola

Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 3º

O rexistro levarase en libros foliados, numerados e dilixenciados polo encargado del.

Os libros expresados levaranse única e exclusivamente na Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 4º

O rexistro constará de dous libros:

a) Un para confrarías.

b) Un para federacións.

Artigo 5º

O rexistro levarase abrindo un folio particular a cada confraría e federación no seu libro correspondente.

Tódalas inscricións, anotacións e cancelacións posteriores relativas á mesma confraría e federación practicaranse a continuación sen deixar claros entre os asentos.

Artigo 6º

Cando unha inscrición, anotación ou cancelación afecte ós dous libros farase consta-la referencia rexistral nos dous libros, de xeito que quede acreditada a vinculación da actuación levada a cabo no rexistro en ámbolos sentidos.

Artigo 7º

Os asentos serán de tres clases:

De ingreso e inscrición, nos que se fará constar:

a) Nome da confraría ou federación.

b) Día de presentación da documentación.

c) Día de aprobación dos estatutos, dos actos ou acordos.

d) Sinatura do encargado do rexistro.

e) Persoas que integran os órganos de goberno.

-Anotacións: modificacións estatutarias, renovacións nos órganos de goberno con expresión de nomes e cargos, de cambios de domicilio social, sedes e delegacións, e outros acordos ou actos que afecten á estructura e funcionamento.

-De cancelación: de disolución ou extinción das confrarías ou federacións.

Os asentos dos libros serán correlativamente numerados, seguindo unha orde cronolóxica, sen deixar claros nin ocos, e pola orde de presentación.

No caso de que unha mesma confraría ou federación precisase para os seus asentos máis dunha folla consignarase en follas sucesivas a clave respectiva e numeraranse correlativamente.

Artigo 8º

Os interesados nalgunha inscrición, anotación ou cancelación poderán esixir antes de estender asento nos libros que se lles dea coñecemento da taxa correspondente.

Artigo 9º

Os libros de rexistro non se sacarán por ningún motivo das dependencias da subdirección xeral de relacións, planificación e sistemas de información; tódalas dilixencias xudiciais e extraxudiciais que esixan a presentación dos ditos libros, realizaranse nas citadas dependencias.

Artigo 10º

O procedemento para a inscrición rexistral será o seguinte:

1. Presentarase a solicitude de inscrición de confrarías e federacións no modelo formalizado que figura como anexo I á presente orde xunto coa seguinte documentación:

a) 3 orixinais dos estatutos.

b) Certificación emitida polo secretario da xunta xeral do acordo acadado na sesión de aprobación dos estatutos.

2. A subdirección xeral de relacións, planificación e sistemas de información analizará a solicitude xunto coa documentación presentada e, no caso de que se atope algún defecto, requirirase á confraría ou federación para que no prazo de dez días proceda á corrección das anomalías; se non se produce a corrección no prazo outorgado, procederase ó arquivo da solicitude sen máis trámite.

3. Se a solicitude e a documentación reúnen os requisitos esixidos ou se producise a corrección dos defectos observados, acordarase a inscrición do estatuto.

4. Unha vez inscrito o estatuto, este acadará eficacia xurídica.

5. A inscricción soamente poderá denegarse por resolución motivada.

Artigo 11º

Deberán anotarse no rexistro tódolos actos e acordos ós que fai referencia o artigo 7º.

O procedemento para levar a cabo a anotación será o seguinte:

1. A solicitude de anotación dos actos e acordos será presentada no modelo normalizado que figura como anexo II á presente orde xunto cos documentos acreditativos da anotación pretendida que a continuación se detallan.

a) Respecto á modificación estatutaria:

1. Certificación emitida polo secretario da xunta xeral do acordo acadado na sesión de modificación.

2. Copia do texto antigo.

3. Nova redacción dada ó articulado do estatuto.

4. Memoria explicativa da nova redacción.

b) Respecto á dos demais actos e acordos:

1. Certificación emitida polo secretario do órgano colexiado competente dos actos e acordos acadados.

2. Orixinal do acto ou acordo adoptado.

3. Memoria explicativa do acto ou acordo.

2. A subdirección xeral de relacións, planificación e sistemas de información analizará a solicitude xunto coa documentación presentada e, no caso de que se atope algún defecto, requirirase á confraría ou federación para que no prazo de dez días proceda á corrección das anomalías; se non se produce a corrección no prazo outorgado, procederase ó arquivo da solicitude sen máis trámite.

3. Se a solicitude e a documentación reúnen os requisitos esixidos ou se producise a corrección dos defectos

observados, acordarase a inscrición das modificacións, actos e acordos, acadando eficacia xurídica unha vez inscritos no rexistro.

Artigo 12º

1. Non poderán acceder ó rexistro aqueles estatutos, modificacións, actos e acordos que foran adoptados vulnerando o disposto nos propios estatutos, así como nas normas de xeral aplicación.

2. Neste suposto, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, requirirá a corrección dos defectos observados na tramitación ou adopción dun novo acordo, no prazo de 10 días. Se non se producise aquela, procederase ó arquivo da solicitude sen más trámite, quedando privados da eficacia xurídica que establece o artigo 3.2º do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro.

Artigo 13º

1. Poderán solicita-lo acceso ó libro de rexistro e a emisión de certificacións tódalas persoas que o requiran de xeito escrito, indicando cales son os motivos da súa solicitude e os datos que queren coñecer, podendo ser denegado cando prevalezan razóns de interese público, interese de terceiros máis dignos de protección e nos supostos establecidos na Lei 30/1992, do 28 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As certificacións expedidas polo rexistro conservarán a súa validez polo período que nelas se exprese e para os fins solicitados.

3. O dereito de acceso levará consigo o de obter copias ou certificacións dos documentos que a Administración autorice examinar, logo do pagamento das taxas legalmente establecidas.

Artigo 14º

No caso de erro ou omisión nos asentos rexistrados, a instancia dos interesados ou de oficio, a Administración poderá rectificalo, dándolles audiencia ós interesados por un prazo de 10 días para que alegaren o oportuno respecto da corrección.

Artigo 15º

Para proceder á cancelación da inscrición nos casos ós que se refire o artigo 7 será necesario presentar no rexistro certificación emitida polo secretario da xunta xeral do acordo de disolución.

No suposto previsto no artigo 20 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, a cancelación será practicada de oficio pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A cancelación producirá a extinción do asento correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1998.

P.O. (17-12-1997, DOG 246, do 22-12-1997)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

4519