Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 20 de maio de 1998 Páx. 5.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 1998 pola que se convoca un curso sobre formación en procedementos estatísticos.

En cumprimento do Decreto 472/1997, do 12 de decembro, polo que se aproba o Programa Estatístico

Anual e en execución da operación estatística denominada Formación en Procedementos Estatísticos, suscribiuse o 24 de abril de 1998, un convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Estatística e a Escola Galega de Administración Pública, para a xestión do programa de formación en materia estatística. Con base niso, convócase o presente curso, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Proporcionar coñecementos teóricos e prácticos en materia estatística que, ademais de permitir unha adecuada interpretación de datos estatísticos, contribúan a unha maior capacitación dos funcionarios que desenvolven un traballo relacionado con esta materia.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal dos grupos A e B que presten servicios na Xunta de Galicia.

Terceira.-Solicitudes.

1. Aqueles que aspiren a participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial que figura como anexo I desta resolución, cuberto en tódolos epígrafes. Coa solicitude acompañaranse os seguintes datos:

-Descrición das tarefas que desenvolve no posto de traballo que ocupa actualmente, con indicación de que se realizan traballos relacionados con rexistros administrativos.

-Conformidade do responsable da unidade na que presta servicios.

-Documentación que acredite, de se-lo caso, coñecementos en materia estatística.

A presentación da solicitude supón a aceptación expresa das presentes bases e das normas e procedementos polos que se rexe.

2. As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais desde a publicación desta convocatoria.

Cuarta.-Selección.

As solicitudes serán seleccionadas segundo os seguintes criterios:

-Contido estatístico das tarefas desempeñadas.

-Grao de coñecemento en materia estatística.

-Desempeño de traballos relacionados con rexistros administrativos susceptibles de utilización no Plan Galego de Estatística.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto de 1994).

Quinta.-Desenvolvemento.

5.1. Duración: 24 horas.

5.2. Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

5.3. Datas: 22, 23, 24, 25, 29 e 30 de xuño e 1 e 2 de xullo.

5.4. Horario: tardes, de 17 a 20 horas, de luns a xoves.

5.5. Prazas: 30.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificados e asistencia.

1. Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada ó 10% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

2. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada a máis do 10% das horas lectivas programas, imposibilitará a expedición do certificado, e dará lugar á baixa no curso con perda de tódolos dereitos.

O presente curso valorarase en función do baremo que por cada concurso aprobe a Dirección Xeral da Función Pública.

Oitava.-Contido.

-Organización estatística na Comunidade Autónoma galega.

-Fontes estatísticas.

-Censos, rexistros administrativos e enquisas.

-Descrición de datos estatísticos.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

4571