Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 20 de maio de 1998 Páx. 5.521

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 6 de maio de 1998 pola que se modifica a do 16 de xullo de 1996 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria de transferencias correntes e de capital.

A disposición adicional primeira da Orde do 16 de xullo de 1996 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, establece que polo que se refire ós recursos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial ou de subvencións finalistas incluídos no orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e que financien créditos que serán transferidos ós organismos autónomos, o recoñecemento do dereito efectuarase cando estes certifiquen a execución do gasto financiado pola transferencia, para posteriormente procederse por parte da consellería correspondente a efectua-lo envío material de fondos ó organismo autónomo.

A finalidade desa disposición é a de vincula-lo recoñecemento do dereito ó ingreso coa execución do acto para o que a subvención foi concedida e que dá orixe á concesión de recursos económicos en favor da Comunidade Autónoma, permitindo desa forma o mantemento do equilibrio orzamentario na execución de gastos e ingresos.

O ámbito de aplicación da referida orde comprende unicamente a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os seus organismos autónomos, pero a xestión dos dereitos incluídos nos capítulos IV e VII dos seus orzamentos esténdese á totalidade dos recursos con independencia do destinatario final dos créditos que financian, que no caso de ingresos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial ou de subvencións finalistas poden selo tamén as sociedades públicas ás que se refire o artigo 12 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ás que resulta necesario, polo tanto, facer extensiva a aplicación do criterio previsto na mencionada orde en relación cos organismos autónomos.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a disposición adicional primeira da Orde do 16 de xullo de 1996, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, que queda redactada como segue.

«Polo que se refire ós recursos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial ou de subvencións finalistas, que figuren incluídos no orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e que financien créditos incluídos no orzamento de gastos para a súa transferencia ós organismos autónomos ou ás sociedades públicas ás que se refire o artigo 12 da

Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o recoñecemento do dereito efectuarase unha vez que estes certifiquen a execución do gasto financiado pola transferencia, acreditando desa forma o cumprimento da obriga que dá orixe ó dereito da Comunidade Autónoma a percibi-los fondos correspondentes.

Unha vez recoñecido o dereito no orzamento de ingresos da Administración xeral, a consellería correspondente procederá a realiza-lo recoñecemento da obriga e a proposta de pago para a transferencia material de fondos, e cando o destinatario sexa un organismo autónomo á contabilización por este das fases de compromiso, contraído, e recadado, no seu orzamento de ingresos».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4590