Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 14 de maio de 1998 Páx. 5.254

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 1998 pola que se modifica o apartado 2.2.2 da do 15 de abril de 1998 (DOG do 24), pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ó corpo de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, en expectativa de ingreso, e procedemento de adquisición de novas especialidades polos funcionarios de carreira dos anteditos corpos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril de 1998 (BOE do 8 de maio), establece na súa disposición

transitoria segunda o seguinte: as equivalencias para efectos de docencia recollidas no anexo III do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, polo que se regula o ingreso e a adquisición de especialidades nos corpos de funcionarios docentes a que se refire a Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo, serán de aplicación nos procedementos selectivos que efectúen as administracións educativas, nas tres primeiras convocatorias de cada especialidade, para o ingreso no corpo de profesores técnicos de formación profesional, para aqueles aspirantes que acrediten experiencia docente de, polo menos, dous anos en centros educativos públicos dependentes da Administración educativa convocante.

O precitado real decreto publicouse no BOE do día 8 de maio de 1998 e polo tanto con anterioridade ó remate do prazo para a presentación de solicitudes para participar no procedemento selectivo de acceso e ingreso ó corpo, entre outros, de profesores técnicos de formación profesional, fixado na base 3.5 da Orde do 15 de abril de 1998.

A modificación dos requisitos esixidos para acceder ó corpo de profesores técnicos de formación profesional con anterioridade ó remate do prazo de presentación de solicitudes esixe a adecuación da Orde do 15 de abril 1998 á nova regulación existente.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón:

Primeiro.-No apartado 2.2.2, da base común 2, inclúese o seguinte parágrafo:

Poderán, así mesmo, presentarse os técnicos especialistas e os técnicos superiores, a unha especialidade que pertenza á familia profesional correspondente, sempre que acredite experiencia docente de, polo menos, dous anos en centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sendo para estes efectos computable o nomeamento que actualmente teñan en vigor.

Segundo.-Ábrese un prazo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG, para que as persoas afectadas polo establecido no apartado anterior poidan presenta-la súa solicitude de participación.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

4027