Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 14 de maio de 1998 Páx. 5.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 28 de abril de 1998 de axudas ós concellos para a infravivenda rural no exercicio de 1998.

O Decreto 343/1992, do 26 de novembro, modificado polo Decreto 195/1996, do 17 de maio, regula as axudas ós concellos para a infravivenda rural.

A Orde do 29 de xaneiro de 1993 desenvolve o Decreto 343/1992, do 26 de novembro, e continúa vixente en canto á determinación dos ingresos familiares, á súa ponderación e o impreso cos datos da unidade familiar e da infravivenda.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde e sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para cada concello no exercicio de 1998.

A disposición derradeira primeira do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, faculta ó conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, actualmente Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para dictar, no marco das súas competencias, as disposicións que cumpran para o desenvolvemento e aplicación da devandita norma.

A disposición adicional 2ª do Decreto 195/1996, do 17 de maio, faculta, así mesmo, ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para determinar por orde, dentro dos límites da consignación orzamentaria de cada exercicio, a cantidade máxima que se concederá en concepto de subvencións para cada concello.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 31 de outubro de 1998.

Artigo 2º

1. Estas axudas tramitaranse financeiramente durante o presente exercicio a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. Para o exercicio de 1998 a cantidade máxima que se concederá, en concepto de subvencióins, para cada concello será de quince millóns de pesetas (15.000.000 de ptas.) dentro dos límites da devandita consignación orzamentaria.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1998.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

4071