Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 14 de maio de 1998 Páx. 5.217

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de abril de 1998 pola que se regulan os documentos básicos do proceso de avaliación do ensino básico para as persoas adultas.

A Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, regula o ensino básico para as persoas adultas e establece a súa estructura e currículo na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde adáptase a oferta da formación básica ás condicións, necesidades e intereses das persoas adultas, e establécense no seu capítulo VI as condicións xerais nas que se debe desenvolve-lo proceso de avaliación e as decisións sobre promoción e titulación do alumnado adulto.

Establecidos por Orde do 30 de outubro de 1992, Boletín Oficial del Estado do 11 de novembro, os elementos básicos dos informes de avaliación e os requisitos formais derivados dos procesos de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade do alumnado en todo o Estado, procede que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dicte normas que rexan a adaptación dos documentos básicos de avaliación á especificidade da organización do currículo do ensino básico para as persoas adultas e das condicións de acceso e de permanencia no dito ensino establecidos na devandita Orde do 26 de maio de 1997.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. Os documentos de avaliación das ensinanzas correspondentes ó ensino básico para as persoas adultas serán os seguintes:

a) Expediente académico do alumno/a.

b) Libro de escolaridade de ensino básico.

c) Actas de avaliación final.

d) Informes de avaliación individualizados.

2. Dada a especificidade da organización do currículo establecido na Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, para as persoas adultas, os documentos básicos de avaliación establecidos no apartado anterior deberán adecuarse á educación

para persoas adultas, segundo se establece na presente orde.

3. Os resultados da avaliación das ensinanzas básicas iniciais correspondentes ós niveis I e II, expresaranse nos termos de pendente de superación e superado.

4. Os resultados da avaliación do nivel III, que corresponde ás ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria, expresaranse nos termos de insuficiente, suficiente, ben, notable e sobresaliente.

5. A decisión de promoción reflectirase coas anotacións seguintes:

Promociona (P)

Non promociona (NP)

6. Cando o alumno adulto sexa obxecto de adaptación curricular, esta circunstancia farase constar nos documentos de avaliación.

Capítulo II

Expediente académico do alumno adulto

Artigo 2º

No expediente académico do alumnado adulto, que se axustará ó modelo que figura como anexo I desta orde, recolleranse, polo menos, os seguintes datos:

a) Datos de identificación do centro.

b) Datos persoais do alumno ou alumna.

c) Número de expediente e data de matrícula.

d) Resultados das avaliacións finais.

e) Decisións de promoción e titulación e, de se-lo caso, as medidas de adaptación curricular.

Capítulo III

O libro de escolaridade

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 3º

1. O libro de escolaridade para as persoas adultas que cursen as ensinanzas establecidas na Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia, será o libro establecido con carácter xeral para o ensino básico. O dito libro é o documento oficial no que se reflicten as cualificacións e as decisións relativas ó seu progreso académico, ten valor acreditativo dos estudios realizados e posibilita a mobilidade dos alumnos entre centros que impartan o ensino básico para as persoas adultas.

2. Asignarase un libro de escolaridade a tódalas persoas adultas que inicien os estudios das ensinanzas establecidas na Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, calquera que sexa o nivel no que inicien as ditas ensinanzas.

3. Para solicita-los libros de escolaridade do ensino básico aplicarase o disposto na Orde do 25 de outubro de 1993, Diario Oficial de Galicia do 26 de novembro, pola que se dictan instruccións sobre o procedemento de solicitude e rexistro do libro de escolaridade do ensino básico.

4. No libro de escolaridade consignarase unicamente a avaliación positiva acadada nos distintos ámbitos de coñecemento.

5. Non obstante, considerando as condicións de promoción e titulación establecidas no capítulo VI, sección segunda, da dita Orde do 26 de maio de 1997, no

libro de escolaridade consignarase igualmente a cualificación dos ámbitos de coñecemento ou das ensinanzas de oferta curricular propia de cada centro que, aínda sendo avaliados negativamente, non impidan a promoción daquelas persoas adultas que, a xuízo do equipo de avaliación, acadasen un nivel global de coñecementos que lles permita continuar con aproveitamento os estudios do nivel ou módulo seguinte ou ser propostos para o título de educación secundaria.

Sección segunda

As ensinanzas básicas iniciais

Artigo 4º

1. A adscrición do alumnado adulto ás ensinanzas básicas iniciais consignarase na páxina 4, mediante dilixencia na que se fará consta-la validación dos estudios realizados ou os resultados da avaliación inicial polos que se adscribe o dito alumno ó nivel e, de se-lo caso, ós módulos que se determinan, segundo o modelo do anexo II.

2. A inscrición do alumnado adulto consignarase na páxina 6 ou 7 do libro de escolaridade do ensino básico e cubriranse tódolos apartados.

3. Os resultados da avaliación positiva do nivel I e dos diferentes módulos do nivel II consignaranse na páxina 12 do libro de escolaridade, segundo o modelo do anexo III.

Sección terceira

As ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria

Artigo 5º

1. A adscrición do alumnado adulto ó nivel III, que corresponde ás ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria, consignarase na páxina 19, mediante dilixencia na que se fará consta-la validación dos estudios realizados ou os resultados da avaliación inicial polos que se adscribe o dito alumno ós módulos que se determinan, segundo o modelo do anexo IV.

2. A inscrición do alumnado adulto consignarase na páxina 16 ou 17 do libro de escolaridade do ensino básico e cubriranse tódolos apartados, agás o dedicado ás materias optativas.

3. Os módulos avaliados positivamente consignaranse nas páxinas 29 e 30, segundo o modelo do anexo V.

4. Consignarase nas páxinas 31 e 32, segundo o modelo do anexo VI, os módulos avaliados negativamente que, a xuízo do equipo de avaliación, se consideren superados por te-lo alumno adulto acadados en termos globais os obxectivos que lle permitan continuar con aproveitamento os estudios de módulos seguintes ou acada-lo título de graduado en educación secundaria.

5. Cando o alumnado adulto remate os seus estudios de ensino básico, consignarase na páxina 25 a proposta para o título de graduado en educación secundaria, facendo constar mediante dilixencia na parte superior desta páxina a normativa que regula a educación secundaria para as persoas adultas, segundo o modelo do anexo VII.

6. A entrega do libro de escolaridade faráselle ó alumnado cando remate os seus estudios como consecuencia da obtención do título de graduado en educación secundaria, facendo consta-la dita entrega na páxina 28 mediante dilixencia, segundo o modelo do anexo VIII.

Capítulo IV

As actas de avaliación

Artigo 6º

1. Establecerase unha acta para cada módulo e para cada grupo de alumnos. Nela constarán os ámbitos de coñecemento correspondentes ó nivel que se cursa, a oferta curricular propia do centro, a cualificación obtida e a decisión de promoción ó módulo seguinte, segundo se recolle no anexo IX para os niveis I e II, e no anexo X para o nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

2. Cando existan alumnos que cursen módulos diferentes nos distintos ámbitos de coñecemento, serán asignados ó grupo do módulo de maior nivel, de xeito que cada alumno ou alumna figure nunha única acta.

3. Na secretaría do centro existirá unha acta-resumo cuadrimestral elaborada alfabeticamente a partir das actas dos diferentes grupos. Nela constarán tódolos alumnos e alumnas que estean a cursa-lo ensino básico para as persoas adultas en cada cuadrimeste, segundo o modelo do anexo XI.

Capítulo V

Informes de avaliación individualizados

Artigo 7º

1. Os informes de avaliación individualizados teñen como finalidade salientar aqueles aspectos que facilitan a continuidade do proceso de aprendizaxe dos alumnos. En consecuencia, deberase reflecti-la situación dos alumnos en relación coa consecución dos obxectivos establecidos no momento no que se emite o informe, facendo fincapé nos logros e dificultades máis significativos en relación cos obxectivos xerais dos diferentes ámbitos de coñecemento, así como, de se-lo caso, as medidas de adaptación curricular.

2. Os titores elaborarán un informe de avaliación individualizado cando algún alumno se traslade a outro centro sen remata-los módulos iniciados, ou cando se traslade o titor ou, excepcionalmente, se altere a súa adscrición funcional sen remata-lo cuadrimestre iniciado.

3. En todo caso, os informes farán referencia, cando menos, ós seguintes aspectos:

a) Grao de consecución das capacidades enunciadas nos obxectivos xerais do ensino básico para as persoas adultas e dos distintos ámbitos.

b) Grao de asimilación dos contidos dos diferentes ámbitos.

c) Aplicación, de se-lo caso, de medidas de reforzo educativo ou de adaptación curricular.

4. O centro receptor trasladará do informe ó expediente os datos relativos ás posibles medidas de adaptación curricular e porá o informe ó dispor do titor do grupo ó que se incorpore o alumno.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO VII

DILIGENCIA para hacer constar que se solicita la expedición del título de graduado en educación secundaria conforme al Decreto 78/1993, de 25 de febrero, y a la Orden de 26 de mayo de 1997.

DILIXENCIA para facer constar que se solicita a expedición do título de graduado en educación secundaria consonte o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, e a Orde do 26 de maio de 1997.

ANEXO VIII

En el día de la fecha se hace entrega del presente libro de escolaridad al/a la alumno/a

que superó sus estudios de educación secundaria para personas adultas en el centro

de acuerdo con lo establecido en la Orden de 26 de mayo de 1997, Diario Oficial de Galicia de 15 de julio.

No día da data faise entrega do presente libro de escolaridade ó/á alumno/a

que superou os seus estudios de educación secundaria para persoas adultas no centro

de acordo co establecido na Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo.

4019