Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.165

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 137/1998, do 30 de abril, polo que se crea a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista e se regula a súa composición e funcionamento.

O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 4.1º e 2º considera a posibilidade de que os poderes públicos leven a cabo as accións encamiñadas a promove-las condicións de igualdade do individuo e dos grupos nos que se integran, así como para remove-los obstáculos que a impiden ou dificulten, para o que adoptarán as medidas que estimen oportunas.

O artigo 2 da Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, establece como fin esencial del a consecución da igualdade real e efectiva do home e da muller en tódolos ámbitos da vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

A pesar dos avances experimentados nas últimas décadas en canto á participación das mulleres en diferentes ámbitos da sociedade, os medios de comunicación seguen reflectindo maioritariamente unha imaxe estereotipada destas, non acorde coa realidade actual.

Na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade (BOE nº 274, do 15 de novembro) establece no seu artigo 3 que é ilícita a publicidade que atente contra a dignidade da persoa ou vulnere os dereitos recoñecidos na Constitución, especialmente a que se refire á muller.

As resolucións do Consello da Unión Europea, do 5 de outubro de 1995, sobre o tratamento da imaxe da muller na publicidade e os medios de comunicación, e do 16 de setembro de 1997, sobre discriminación de mulleres na publicidade, invitan os estados membros a fomentar en unha imaxe diversificada e realista de mulleres e homes na sociedade, emprendendo iniciativas para difundir esta imaxe garantindo a non discriminación por razón de sexo.

A necesidade de impulsa-la creación dunha conciencia crítica na cidadanía e estimular unha nova maneira de facer publicidade determina a necesidade da creación dun órgano colexiado dedicado á consecución desta finalidade.

Con base no exposto, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e finalidade.

1. Créase a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, como órgano colexiado adscrito ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da

Muller, co obxecto de asesorar e orienta-las entidades, asociacións, axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para elimina-lo sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que coadxuven á erradicación de todo tipo de discriminación por razón de sexo das persoas.

2. Así mesmo, por instancia de parte interesada, canalizará as queixas que se reciban en relación coa publicidade sexista.

Artigo 2º.-Ámbito de actuación.

O labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista estará centrado na publicidade que se difunda a través de soportes publicitarios e os medios de comunicación que teñen a súa sede principal nesta Comunidade Autónoma.

Naqueles casos nos que a publicidade sexa de ámbito estatal, a comisión asesora, unha vez analizado o anuncio obxecto da protesta, remitirá o asunto para o seu coñecemento ó órgano creado para o efecto polo Instituto da Muller do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

Artigo 3º.-Funcións.

Corresponderán á Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista as seguintes funcións:

a) Atende-las peticións de asesoramento que se remitan, facilitando criterios e alternativas co fin de evita-lo sexismo na publicidade.

b) Servir de vía para canaliza e orienta-las queixas que se reciban coa publicidade sexista, de acordo co establecido na Lei xeral de publicidade.

c) Calquera outra función que, no marco das súas competencias, se lle atribúa por algunha disposición xeral ou regulamentaria.

Artigo 4º.-Composición.

A Comisión Asesora e Publicidade Non Sexista, estará integrada:

a) Presidente: directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualde do Home e da Muller.

b) Vicepresidente: secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

c) Vocais:

* Un/Unha representante, con categoría de director/a xeral por cada unha das seguintes consellerías, designado polo conselleiro/a respectivo/a:

-Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Consellería de Industria e Comercio.

-Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

* Un/unha representante da Secretaría Xeral de Relacións cos Medios Informativos designado polo seu secretario xeral.

* Un/unha representante dunha asociación de mulleres que forme parte da Comisión Autonómica

da Muller, designado/a pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por proposta da refirida Comisión Autonómica da Muller.

* Un/unha representante das asociacións de consumidores/as, designado/a polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

* Un/unha representante da Compañía de RadioTelevisión de Galicia designado/a polo presidente do Consello Asesor por proposta deste.

* Un/unha representante das asociacións de xornalistas designado/a pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por proposta das asociacións de xornalistas do territorio da Comunidade Autónoma.

* Un/unha representante do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designado pola directora xeral del.

* A xefa de gabinete de comunicación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

d) Secretario/a: funcionario/a do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designado/a pola súa directora xeral.

Artigo 5º.-Sesións.

1. A comisión reunirase alomenos dúas veces ó ano, podendo celebrarse reunións extraordinarias por petición da presidencia ou cando o solicite a maioría dos membros dela, nos casos en que se considere necesario dar unha resposta urxente ás cuestións solicitadas.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. O voto de calidade do presidente dirimirá os acordos no suposto de empate.

Disposicións adicionais

No non previsto no presente decreto, será de aplicación ó disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

4018