Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.161

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 12 de maio de 1998 pola que se regulan os libros oficiais de rexistro en materia de policía sanitaria mortuoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) atribúelle á Comunidade Autónoma no seu artigo 33.1º o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade anterior.

O Decreto 134/1998, do 23 de abril, establece a necesidade de que os cemiterios, tanatorios, velatorios, crematorios e servicios funerarios conten cun libro oficial de rexistro de actividades, correspondéndolle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o establecemento dos modelos e datos que deben figurar nos ditos libros, así como o modelo de comunicación que para o traslado de cadáveres sen inhumar, criaturas abortivas, membros procedentes de amputaciones e restos cadavéricos, esixe o artigo 33 do Decreto 134/1998, do 23 de abril, ás empresas funerarias.

Na súa virtude, en desenvolvemento da previsión contida na disposición derradeira primeira do Decreto 134/1998, do 23 de abril, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo 1º

As entidades propietarias dos cemiterios, crematorios, tanatorios, velatorios e empresas funerarias disporán dun libro oficial de rexistro de acordo co formato e cos datos que se especifican nos anexos desta orde.

Artigo 2º

Os libros de rexistro oficiais serán dilixenciados polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da provincia correspondente, e permanecerán custodiados baixo a responsabilidade do titular do establecemento.

Estes libros poderán ser controlados, en calquera momento, por requirimento da inspección sanitaria.

Artigo 3º

As entidades propietarias estarán obrigadas a inscribir cada servicio que presten nos libros oficiais, cubrindo na súa totalidade os datos especificados en cada un dos seus apartados.

Artigo 4º

Poderase autoriza-la utilización das follas en soporte informático, que terán que ser posteriormente dilixenciadas polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da provincia correspondente, en substitución dos libros oficiais de rexistro citados no artito 1º.

Artigo 5º

As empresas funerarias comunicaranlle os traslados de cadáveres sen inhumar, criaturas abortivas e membros procedentes das amputacións clasificados no grupo 2º do artigo 4º do Decreto 134/1998, do 23 de abril, así como dos restos cadavéricos á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da provincia na que se orixine o traslado mediante o modelo da comunicación recollido no anexo VI desta orde, á que xuntará a certificación do médico que realizou as prácticas de tanatopraxia e selado do féretro, así como unha copia do certificado de falecemento.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo de 1 ano a partir da entrada en vigor desta orde, tódalas entidades propietarias recollidas no artito 1º deberán contar cos libros oficiais correspondentes debidamente dilixenciados.

Segunda.-Así mesmo, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta orde as empresas funerarias deberán axustarse ó establecido no artigo 3º.

Disposicióins derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Saúde Pública para que dicte as normas necesarias para a execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

4208