Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.152

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA

ANUNCIO polo que se publican as bases específicas para a provisión dunha praza de auxiliar de Administración xeral no cadro de persoal deste concello.

Aprobadas polo Concello Pleno, en sesión ordinaria celebrada o día 27 de marzo de 1998, as bases que rexerán a convocatoria para a provisión dunha praza de Administración xeral vacante no cadro de persoal deste concello, convócase publicamente a dita praza segundo as bases que a seguir se transcriben:

Bases xerais que rexerán no procedemento selectivo convocado por este concello para cubrir en propiedade unha praza de auxiliar de administración xeral, vacante no cadro de persoal deste concello, polo sistema de concurso-oposición mediante promoción interna.

1ª. Obxecto:

Constitúe o obxecto das presentes bases a convocatoria de probas selectivas para cubrir en propiedade unha (1) praza de escala de Administración xeral, subescala auxiliar (grupo D), vacante no cadro de persoal deste concello e incluída na oferta de emprego público de 1997.

A praza cubrirase por promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, entre funcionarios deste concello pertencentes a escalas de Administración xeral ou Administración especial que reúnan os requisitos esixidos na base segunda, de conformidade co establecido no artigo 22 da Lei 23/1988, do 28 de xullo.

2ª. Requisitos dos aspirantes:

Para seren admitidos ás probas selectivas os aspirantes necesitarán reuni-los seguintes requisitos:

2.1. Xerais:

De acordo co artigo 135 do Real decreto ley 781/1986, do 18 de abril, para ser admitido ás probas selectivas será necesario que os aspirantes reúnan os requisitos sinalados neste artigo, sen o límite de idade máxima á que fai referencia o parágrafo segundo do apartado b) do citado artigo 135.

2.2. Específicos:

a) Estaren en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

b) Pertenceren a unha escala de Administración xeral ou especial deste concello, cunha antigüidade de polo menos dous anos de servicios prestados en propiedade. Os requisitos deste apartado b) acreditaranse mediante a certificación expedida polo secretario xeral do concello.

Tódolos requisitos establecidos nos apartados desta base deberán posuírse na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3ª. Instancias:

As instancias de solicitude de participación na convocatoria presentaranse no rexistro xeral do concello, no prazo de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, mediante extracto. Tamén poden presentarse nos lugares que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os solicitantes manifestarán nas instancias que reúnen todos e cada un dos requisitos da convocatoria e, en particular, os sinalados na base segunda.

As instancias dirixiranse ó alcalde-presidente do concello de Navia de Suarna e o modelo de solicitude será facilitado nas oficinas do concello.

De acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado que, no prazo de 10 días, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tido por desistido na súa petición e arquivarase a súa solicitude sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42. Os erros de feito que puidesen ser advertidos poderán rectificarse en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado.

Xunto coa instancia presentaranse os documentos acreditativos dos méritos que se valoran na fase de concurso.

Estes méritos acreditaranse mediante presentación de certificacións ou copias autenticadas de títulos ou diplomas, cando se trate de xustificar titulacións ou asistencias a cursos e mediante certificacións da secretaría do concello cando se xustifique a antigüidade ou grao persoal consolidado.

Dereitos de exame. Os aspirantes deberán ingresar na Tesourería municipal a cantidade de 2.000 pesetas en concepto de dereitos de exame, importe que deberá xuntarse á solicitude.

4ª. Admisión de aspirantes:

Transcorrido o prazo de presentación de instancias o alcalde dictará resolución no prazo máximo dun mes na que declarará a lista de admitidos e excluídos, cos nomes, apelidos e número de documento nacional de identidade.

Esta resolución publicarase no BOP, con indicación dos lugares onde estean expostas ó público as listas certificadas completas de aspirantes admitidos e, se é o caso, excluídos.

Os interesados poderán solicita-la corrección dos erros producidos nun prazo de 10 días desde a publicación da citada resolución.

5ª. Designación, composición e actuación do tribunal:

O tribunal cualificador se constituirá da seguinte forma:

1. Presidente: o da corporación ou un membro desta no que delegue.

2. Secretario: o da corporación ou un funcionario desta no que delegue.

3º Vocais:

A. Un representante da Comunidade Autónoma de Galicia.

B. Un funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

C. Un funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Suplentes:

A. Un representante da Comunidade Autónoma.

B. Un funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional.

C. Un funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional.

O nomeamento das persoas que constituirán o tribunal cualificador e suplentes farase por decreto do alcalde, a excepción do representante da Comunidade Autónoma de Galicia. En calquera caso tódolos membros do tribunal deberán posuír titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza que se convoca.

Os membros do tribunal absteranse de intervir, notificándollo ó superior inmediato, cando concorran circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo os interesados poderán promove-la recusación de acordo co sinalado no artigo 29 da citada norma.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia, polo menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes.

O tribunal resolverá por maioría de votos dos seus membros presentes tódalas dúbidas e propostas que surxan para aplicación das normas contidas nestas bases e estará facultado para resolver tódalas cuestións que se poidan presentar durante a realización das probas, así como para adopta-las medidas necesarias que garantan a debida orde naquelas en todo o que non estea previsto nas bases.

Os seus acordos serán impugnables nos supostos e na forma establecida pola citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Os membros integrantes do tribunal terán dereito ás indemnizacións actualizadas previstas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

A resolución que conteña a composición do tribunal e a data, a hora e o lugar en que se procederá á valoración dos méritos e á celebración do primeiro exercicio publicarase no BOP cunha antelación mínima de 10 días da primeira reunión e de 15 da celebración do primeiro exercicio.

6ª. Procedemento de selección:

O procedemento de selección dos aspirantes constará de dúas fases: fase de concurso e fase de oposición.

A. Fase de concurso.

A fase de concurso será previa á de oposición, non terá carácter eliminatorio e, en ningún caso, a puntuación desta fase poderá aplicarse para supera-los exercicios da oposición. A puntuación máxima que se pode obter nesta fase será de 13,50 puntos.

1. Criterios de valoración. Os méritos dos aspirantes, que terán que ser probados documentalmente, valoraranse do xeito seguinte:

- Antigüidade: 0,30 puntos por cada ano completo de servicios prestados no grupo ou escala de procedencia, ata un máximo de 5 puntos, valorarase tendo en conta os servicios prestados ata a data de remate do prazo de presentación de instancias.

- Titulacións académicas:

Bacharel superior ou equivalente: 0,50 puntos.

Diplomatura en dereito, ciencias económicas ou empresariais: 1 punto.

Licenciatura en dereito, ciencias económicas ou empresariais: 1,5 puntos

Cando se posúa máis dunha titulación, só se puntuará a superior. A máxima puntuación deste apartado é de 1,5 puntos.

-Coñecemento acreditado de galego:

Curso de iniciación ou equivalente: 0, 25 puntos.

Curso de perfeccionamento ou equivalente: 0,50 puntos.

Curso de traductor en linguaxe xurídica administrativa: nivel básico: 0,50 puntos, nivel medio: 1 punto, nivel especialización: 2 puntos. Non se acumularán as puntuacións polos distintos cursos, por tanto o máximo de puntuación deste apartado non superará os dous puntos.

-Cursos de formación e perfeccionamento.

-Cursos ou xornadas relacionadas directamente coas funcións da praza á que se opta, realizados por escolas de Administración pública ou por entes

da Administración pública en xeral valoraranse segundo a seguinte escala:

-Ata 20 horas: 0,25 puntos.

- Ata 30 horas: 0,50 puntos.

- Máis de 30 horas: 1 punto.

- Cursos realizados directamente coas funcións da praza á que se opta, realizados por entidades privadas: ata 20 horas: 0,12 puntos; ata 30 horas: 0,25 puntos; máis de 30 horas: 0,50 puntos.

- Outros cursos e xornadas relacionadas coa Administración pública: 0,10 puntos por cada un, sen que poida exceder de 1 punto.

A puntuación máxima obtida neste apartado non poderá supera-los 5 puntos.

B. Fase de oposición.

A fase de oposición constará de dous exercicios:

Primeiro exercicio.

Terá carácter práctico e consistirá en demostra-los coñecementos en materia de manexo de terminais de ordenador, velocidade mecanográfica e presentación de textos. O exercicio realizarase coa ferramenta informática works para windows.

Este exercicio terá carácter eliminatorio. Puntuarase de 0 a 10 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 5 puntos.

Segundo exercicio.

Consistirá en contestar verbalmente, nun prazo de 30 minutos, tres temas extraídos ó chou, de entre os que figuran no programa que se inclúe como anexo destas bases. Ó remate dos temas, o tribunal poderá dedicar un prazo máximo de 10 minutos para formular preguntas sobre os temas desenvolvidos.

Este exercicio terá carácter eliminatorio. Puntuarase 0 a 10 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 5 puntos.

7ª. Cualificación.

As cualificacións obteranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número dos asistentes daquel. O cociente será a cualificación definitiva da fase de oposición.

A cualificación derradeira das probas virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de concurso e oposición. En caso de empate terá preferencia o aspirante de maior antigüidade. O tribunal non poderá, en ningún caso, aprobar ou declarar que superaron as probas selectivas un número de aspirantes superior ó das prazas convocadas.

8ª. Listaxe de aprobados e proposta do tribunal cualificador.

Rematada a cualificación dos opositores, o día hábil seguinte á celebración das probas, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da casa do concello o nome, apelidos e DNI do opositor proposto para ser nomeado funcionario de carreira da subescala auxiliar da escala de Administración xeral do concello de Navia de Suarna.

O tribunal cualificador elevaralle a proposta expresada á alcaldía-presidencia para efectua-lo nomeamento. Ó mesmo tempo remitiralle á dita autoridade a acta da sesión.

9ª. Presentación de documentos.

O candidato proposto presentará na secretaría da corporación, dentro do prazo de 20 días naturais a partir da publicación da lista de seleccionados, os documentos acreditativos das condicións que para formar parte do concurso se esixan na convocatoria e que son os sinalados na base segunda 2.2 a) e b).

Os que dentro do prazo indicado non presentasen a súa documentación non poderán ser nomeados e quedarán anuladas tódalas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na instancia.

10ª. Nomeamento e toma de posesión.

Á vista da relación de aprobados formulada polo tribunal e comprobado que os aspirantes incluídos na relación de aprobados presentaron a documentación esixida o alcalde realizará o nomeamento correspondente a favor do opositor proposto, e a resolución será publicada no BOP e no Boletín Oficial del Estado.

A toma de posesión dos aspirantes que superasen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes desde a data do seu nomeamento.

11º. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO

Fase de oposición

Materias comúns.

Tema 1. A Constitución española de 1978: significado e estructura. Principios xerais. O Tribunal Constitucional.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

Tema 3. A organización do Estado na Constitución. A Coroa. As Cortes Xerais. O poder xudicial.

Tema 4. O Goberno e a Administración do Estado.

Tema 5. A organización territorial do Estado na Constitución. As comunidades autónomas.

Tema 6. O Estatuto de autonomía, en especial o de Galicia. O sistema institucional das comunidades autónomas.

Tema 7. O procedemento administrativo. Fases do procedemento administrativo xeral.

Tema 8. A responsabilidade da Administración.

Tema 9. Sometemento pleno da Administración á lei e ó dereito. Fontes de dereito público.

Tema 10. Principios de actuación da Administración pública: eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

Tema 11. A Administración local: concepto, entidades que comprende. O réxime local español. Regulación xurídica.

Tema 12. Facenda pública e administración tributaria.

Materias específicas.

Tema 13. O municipio: concepto. O termo muncipal, a poboación e o empadroamento.

Tema 14. A organización municipal. O alcalde. O Pleno do Concello. A Comisión de Goberno.

Tema 15. Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria, orde do día. Actas e certificacións de acordos.

Tema 16. Procedemento administrativo local. O Rexistro de Entrada e Saída de Documentos. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 17. A función pública e a súa organización.

Tema 18. A Lei de facendas locais: clasificación de ingresos. As ordenanzas fiscais.

Tema 19. O orzamento das entidades locais. Concepto. Procedemento de elaboración e contido. Xestión do orzamento.

Tema 20. Contabilidade. Estados e contas anuais dos entes locais.

Navia de Suarna, 1 de abril de 1998.

V. Flores

Alcalde

4205