Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 08 de maio de 1998 Páx. 4.978

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

BASES da convocatoria para prover en propiedade unha praza de sarxento da policía local.

Primeira.- Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria a provisión, polo procedemento de concurso por promoción interna, dunha praza de sarxento, pertencente á escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase policía local, dotada co soldo do grupo C incluída na oferta de emprego público de 1997, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, de 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galica, Lei 7/1985 do 2 de abril, de bases de réxime local, texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, das disposicións vixentes en materia de réxime local Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, sobre as regras básicas e programas mínimos ós que debe axustarse o procedemento de selección de funcionarios da Administración local, Decreto 121/1995, do 20 de abril e, no non previsto nelas, o Regulamento de selección do persoal da

Administración da Comunidade Autónoma de Galicia do 20 de marzo de 1991, e supletoriamente o Real decreto 364/1995, de 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

1. De conformidade co artigo 25.5º da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, poderán concorre-los funcionarios de emprego inmediatamente inferior, é dicir, cabo, que prestasen polo menos dous anos de servicios neste concello.

2. Estar en posesión do título de bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente ou ter realizado o curso de capacitación para a pro

moción interna con dispensa dun grao, convocado pola Academia Galega de Seguridade, segundo o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 3/1992, do 23 de marzo. Este requisito deberá reunirse antes do derradeiro día do prazo de presentaren as solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar na presente convocatoria presentarán instancia dirixida ó alcalde presidente deste Concello de Cambre, na que farán constar que reúnen tódolos requisitos sinalados na base 2 anterior, e achegarán con ela unha relación dos méritos que aleguen para a súa valoración acompañada da documentación orixinal (ou fotocopia autenticada) que os acredite. Presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

As instancias poderanse remitir tamén na forma determinada no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os dereitos de exame, por unha contía de dúas mil cincocentas pesetas (2.500 ptas.), serán aboados directamente ou por xiro postal; á instancia xuntará recibo que acredite o ingreso na Tesourería do concello ou, se é o caso, xustificante do ingreso polo sistema de xiro postal.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo para presentaren as instancias, o presidente da corporación dictará resolución pola que se aprobará a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

As citadas reclamacións, se as houbera, resolveraas o mesmo órgano que aprobou a lista provisional, que aprobará tamén, a lista definitiva, que se publicará de novo na forma sinalada. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, lugar, data e hora do comezo da valoración do concurso.

Quinta.-Tribunal cualificador.

De conformidade co artigo 4 do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, o tribunal terá a seguinte composición:

Presidente/a: o/a da corporación ou membro da mesma en quen delegue.

Secretario/a: o/a da corporación ou funcionario da mesma en quen delegue.

Vocais:

Un/Unha representante da Comunidade Autónoma de Galicia.

O/A xefe/a da área de urbanismo e Réxime Interior.

O/A xefe/a da Unidade de Réxime Interior.

Os vocais deberán ter titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.

Os membros do tribunal deberanse abster de intervir comunicándollo á autoridade convocante, cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de 26 de novembro. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran aquelas circunstancias.

Para os efectos de asistencia, os compoñentes dos tribunais que actúen nestas probas terán as categorías segundo establece o Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

Sexta.-Concurso.

A resolución do concurso non poderá exceder dun mes desde a publicación da lista definitiva de aspirantes, composición do tribunal e do lugar, data e hora na que se procederá a efectua-la cualificación dos méritos.

Valoraranse os méritos segundo o baremo para promoción interna aprobado pola orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do 2 de xullo de 1997, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 10 de xullo de 1997.

O tribunal examinará as solicitudes presentadas avaliando unicamente os méritos xustificados documentalmente.

A cualificación acadada será a que corresponda á suma das distintas valoracións segundo o baremo antes citado.

Sétima.-Relación de seleccionados.

Rematada a valoración dos méritos, alegados e xustificados, o tribunal publicará a relación por orde de puntuación. Dado que en ningún caso o número de aspirantes propostos pode supera-lo número de prazas convocadas, só se propoñerá o aspirante que acade maior puntuación.

O tribunal presentará a citada relación á presidencia da corporación, á cal compete o nomeamento correspondente.

Oitava.-Nomeamento e toma de posesión.

No prazo de vinte días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación da relación, o aspirante proposto deberá presentar no rexistro xeral do concello os documentos que seguidamente se relacionan:

Copia autenticada ou fotocopia (que deberá presentar co orixinal para autenticar) do título académico esixido para participar no proceso selectivo, ou do curso de capacitación para a promoción interna con dispensa dun grao do requisito de titulación ó que se refire a disposición transitoria 3ª da Lei 3/1992, de coordinación de policías locais, ou xustificante de aboa-los dereitos para a súa expedición. Se estes documentos se expediran despois da data na que rematou o prazo para presenta-las instancias, deberá xustifica-lo momento en que remataron os correspondentes estudios.

Ó te-lo aspirante proposto a condición de funcionario público de carreira non terá que xustificar documentalmente os requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, unicamente deberá presentar certificación da Administración pública da que dependa que acredite tal condición e demais

circunstancias que consten no seu expediente persoal.

Os que dentro do prazo sinalado, e salvo casos de forza maior, non presentaren a súa documentación ou non reúnan os requisitos esixidos non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puideran incorrer por falsidade na súa instancia solicitando participar no proceso selectivo.

O aspirante proposto que presentase a documentación preceptiva será nomeado funcionario en prácticas, sendo indispensable supera-lo curso selectivo de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade (artigo 9 do Decreto 121/1995), antes do seu nomeamento como funcionario de carreira.

Se non superase o curso de formación teórico-práctico poderá repetilo, por unha soa vez, se o concello o considera oportuno; deberá neste caso incorporarse ó curso seguinte.

No prazo de trinta días, contados a partir da notificación do nomeamento, o aspirante nomeado, deberá tomar posesión do seu cargo, quedando en situación de cesante cando, se causa xustificada, non o fixese dentro do prazo sinalado.

Novena.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presentaren e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

Décima.

Os interesados poderán impugna-la presente convocatoria e as súas bases, así como tódolos actos administrativos que se derivan dela nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Cambre, 3 de abril de 1998.

Antonio Varela Saavedra

Alcalde

3537