Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 08 de maio de 1998 Páx. 4.910

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de abril de 1998 pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia medidas sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias.

A agricultura galega está a facer fronte nos últimos anos ó reto da integración na Unión Europea, afrontando profundos cambios estructurais que se traducen nunha diminución do número de explotacións e unha mellora da estructura productiva, dimensión económica e calidade das produccións finais das explotacións que permanecen no sector.

Este proceso debe continuar nos vindeiros anos co fin de seguir mellorando a competitividade e eficacia productiva das explotacións, no marco da política de estructuras da Unión Europea, do previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias e do disposto no Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, modificado polo Real Decreto 1153/1997, do 11 de xullo, pero tendo en conta a problemática específica das explotacións agrarias de Galicia.

As axudas reguladas por esta orde van dirixidas, principalmente, a logra-la modernización das explotacións agrarias a través de investimentos para a mellora do seu sistema productivo, de medidas para a incorporación de agricultores mozos como titulares das explotacións do sector agrario, de axudas para a introducción da contabilidade en explotacións agrarias, medidas para o fomento de agrupacións de servicios e axudas para favorece-la mobilidade da terra.

Coa finalidade de incrementa-la competitividade das explotacións galegas é necesario dirixi-las actuacións a plans de mellora que teñan como obxectivo acadar unha dimensión económica mínima e que permitan asegura-la súa viabilidade e a dispoñibilidade de rendas para os agricultores dentro dun sistema productivo adaptado a un aproveitamento racional dos recursos naturais e respectuosos co medio ambiente.

A incorporación da poboación máis nova e capacitada á titularidade das explotacións agrarias é unha das mellores vías para estimula-la introducción de novas tecnoloxías no sector e contribuír a asegura-la súa competitividade e continuidade no desenvolvemento da actividade. Por iso é necesario incentivar en maior grao aquelas fórmulas de incorporación nas que exista unha maior ligazón entre o mozo e a explotación.

Por outra parte, o coñecemento dos resultados da contabilidade e os distintos índices técnico-económicos anuais das explotacións e a súa análise en cada sector productivo, para elaborar recomendacións de xestión que poidan servir na toma de decisións dos titulares das explotacións, é unha vía que contribúe claramente á diminución de custos e mellora da renda das explotacións. As axudas á introducción da contabilidade, por unha parte, e as axudas ás agrupacións de servicios, por outra, incentivan a consecución dos devanditos obxectivos.

Ademais, establécense tamén axudas para a adquisición de terras co obxectivo de acadar explotacións prioritarias coa dimensión axeitada para asegura-la súa rendibilidade e viabilidade.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liñas de axuda.

A través da presente orde establécense medidas para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do disposto no R.D. 204/1996, do 9 de febreiro, e normativa concordante, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións, en relación coas seguintes liñas de axuda:

1. Plans de mellora (liña B).

2. Primeira instalación de agricultores mozos (liña A).

3. Introducción da contabilidade (liña C).

4. Agrupacións de servicios (liña D).

5. Adquisición de terras (liña T).

6. Plans de mellora fóra da acción común (liña R).

Sección primeira

Plans de mellora

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os titulares de explotacións que desexen acceder ás axudas para investimentos en plans de mellora previstos no R.D. 204/1996, presentarán unha solicitude, segundo modelo que se especifica no anexo I, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 4 do devandito real decreto, do modo que segue, segundo sexa o titular da explotación agraria:

1. Persoa física.

a) A condición de agricultor profesional (no que respecta a que alomenos o 50% da súa renda total a obteña das actividades agrarias sinaladas no apartado 5 do anexo I do R.D. 204/1996), mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa finalizara o prazo para a súa presentación en período voluntario ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por el durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

1º As da actividade agraria da explotación.

2º As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas polo traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as perdas e haberes pasivos que fiscalmente haxa obriga de declarar.

3º O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

A procedencia agrícola-gandeira dos ingresos agrarios segundo o esixido nos apartados 7 e 21 do anexo I do R.D. 204/1996, comprobarase en función das marxes brutas das orientacións productivas e actividades económicas da explotación.

b) A capacitación profesional suficiente poderá acreditarse dalgunha das seguintes formas:

b.1. Achegando a documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola ou de formación profesional agraria de primeiro grao, ou outro de grao superior na rama agraria.

b.2. Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que deberá acreditarse, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social.

-No caso de que parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria o fose como man de obra familiar, será precisa unha declaración do titular da explotación onde realizou tal actividade na que se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.

-Os anos nos que non se exercese a actividade agraria, ata alcanza-los cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de capacitación agraria cunha duración de 25 horas lectivas por cada ano.

-En calquera caso, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), estudiará a documentación presentada e establecerá a súa idoneidade para os efectos de xustifica-la actividade agraria do solicitante.

b.3. No caso de agricultores mozos, e para os efectos de primeira instalación ou de incremento do 25% nas axudas ós investimentos en plans de mellora, a capacitación profesional suficiente adquirida xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:

b.3.1. Mediante fotocopia cotexada da titulación académica de capataz agrícola, formación profesional agraria de primeiro grao ou outra superior na rama agraria.

b.3.2. Cun certificado de asistencia ós cursos, de duración mínima de 200 horas lectivas, establecidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a través das súas unidades de Extensión e Capacitación Agraria, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b.3.3. Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 200 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias e previamente homologados pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

b.3.4. Considerarase tamén acreditada se o agricultor mozo se compromete a adquiri-la capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude da axuda deberá presentarse xustificante de ter pedida a admisión no centro correspondente. Posteriormente, o mozo deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter acadada a dita capacitación.

c) A afiliación ó réxime da Seguridade Social que corresponda á actividade desenvolvida na explotación poderá xustificarse con:

1. No caso do réxime especial agrario da Seguridade Social, co informe de vida laboral.

2. No caso do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos en función da súa actividade agraria ou outras, co informe de vida laboral, e documento de afiliación á Seguridade Social ou último pago do imposto de actividades económicas.

3. No caso de asalariados do réxime xeral, co correspondente documento de cotización á Seguridade Social.

d) A idade, mediante a copia cotexada do DNI.

e) A residencia, con copia cotexada do DNI ou certificado de empadroamento.

f) A xustificación de estar ó día as súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social realizarase mediante a presentación, no momento da comprobación das melloras realizadas, das correspondentes certificacións acreditativas.

2. Persoa xurídica.

1º Para a xustificación de que a actividade principal é a agrícola-gandeira deberán presentarse os estatutos ou documento de constitución e a declaración do Imposto de Sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agrícola-gandeira dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións productivas e actividades económicas da explotación.

2º A xustificación de que se trata dunha explotación agraria prioritaria, segundo se establece no apartado 20 do anexo I do R.D. 204/1996 realizarase:

a) No caso dunha cooperativa de explotación comunitaria da terra ou de traballo asociado dentro da actividade agraria, cunha certificación acreditativa desa codición expedida para tal efecto pola unidade correspondente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e copia dos seus estatutos.

b) No caso de cooperativa agraria, SAT, sociedade civil ou mercantil, deberase xustificar que se cumpre algún dos seguintes requisitos:

b.1. Que polo menos o 50% dos socios cumpran as condicións esixidas ó agricultor profesional en canto á procedencia de rendas e dedicación do traballo. Para xustificar este extremo, presentarase unha certificación do número de socios indicando quen son os que cumpren os requisitos así como a documentación indicada na letra a) do apartado 1 do presente artigo relativa a estes.

b.2. Que polo menos dous tercios dos socios que sexan responsables da xestión e administración cumpran os requisitos esixidos ó agricultor profesional en canto á dedicación ó traballo e procedencia de rendas, referidas á explotación asociativa, o que se acreditará da forma establecida na letra a) do apartado 1. Ademais, deberán cumpri-las condicións das letras b), c), d), e) do dito apartado 1 do presente artigo e acreditalo da forma indicada, e que 2/3, como mínimo, do volume do traballo desenvolvido na explotación sexa achegado polos socios que cumpran os requisitos anteriormente sinalados, o cal acreditarán cos xustificantes da Seguridade Social, as súas nóminas ou outras formas admitidas en dereito. Ademais, presentarase certificación acreditativa de quen son os socios responsables da xestión e

administración, indicando, tamén, cales son os que cumpren as devanditas condicións.

No caso de que o titular sexa unha sociedade civil, laboral ou outra mercantil, as súas accións ou participacións sociais deberán ser nominativas e, no caso de que non se trate dunha sociedade agraria de transformación, ter por obxecto exclusivo o exercicio da actividade agraria na explotación da que sexa titular; e máis do 50% do capital social, de existir este, deberá pertencer a socios que reúnan os requisitos de procedencia de rendas e dedicación do traballo esixidos ós agricultores profesionais, referidos á dita explotación, o que se xustificará coa documentación indicada na letra a) do apartado 1 do presente artigo.

Para estes efectos, considéranse rendas da explotación as remuneracións que devenguen os socios polo traballo de todo tipo desenvolvido nelas, as contraprestacións pola cesión a aquela da terra ou outros medios de producción e polas súas achegas ó capital social e as súas respectivas participacións nos resultados positivos da explotación.

3º Para a xustificación de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, xuntaranse os correspondentes certificados da Axencia Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social. Esta documentación será presentada no momento da certificación das melloras realizadas.

3. Comunidade de bens.

No caso de que o titular sexa unha comunidade de bens, só poderá ser beneficiaria destas axudas se existe un pacto de indivisión por un período mínimo de 6 anos a partir da data de solicitude e se polo menos o 50 % da comunidade de bens pertence a comuneiros que reúnen os requisitos especificados no apartado 1 deste artigo, para as persoas físicas.

Artigo 3º.-Cálculo da renda unitaria de traballo.

Para os efectos do cálculo da renda unitaria de traballo (RUT) á que se refire o apartado 19 do anexo I do R.D. 204/1996, teranse en conta os seguintes criterios:

1. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación:

a) Cando o titular sexa persoa física a achega de man de obra acreditarase das seguintes maneiras:

a.1. A man de obra familiar do titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

a.2. A achega da man de obra familiar do titular da explotación ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estean ó seu cargo e que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ó correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario polo primeiro traballador e 0,25 unidades por cada un

dos restantes membros. Para acreditar que esa man de obra pertence á unidade familiar, utilizarase a declaración do IRPF do titular ou o certificado de empadroamento.

a.3. A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

b) Cando o titular sexa persoa xurídica soamente se computará a man de obra achegada polos socios e asalariados non socios acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social.

c) No caso de comunidades de bens utilizaranse os mesmos criterios que para persoas físicas.

Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo de investimento por unidade de traballo agrario (UTA), considéranse as UTA iniciais indicadas nos apartados anteriores.

2. En relación coa marxe neta da explotación:

Entenderase por tal a diferencia entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades productivas, incluídas as subvencións de explotación, e tódolos gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar.

A marxe neta poderá estimarse como resultado de resta-los gastos fixos contabilizados ou, no seu defecto, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar; da suma das marxes brutas das actividades productivas da explotación, moduladas con criterios técnico-económicos polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

En ausencia de módulos de marxes brutas das actividades productivas poderanse utiliza-las marxes brutas estándar que sexan de aplicación.

3. En calquera caso, os titulares de explotacións poderán solicita-la determinación da renda unitaria de traballo con base ós datos da súa contabilidade documentalmente acreditados e, se é o caso, da documentación relativa á Seguridade Social.

Artigo 4º.-Condicións dos plans de mellora.

Os plans de mellora das explotacións agrarias deberán recoller unha mellora integral e duradeira da economía da explotación agraria, debendo cumprir, entre outras, as seguintes condicións:

a) Prever que, en xeral, trala realización do plan de mellora, ocupe, como mínimo, unha UTA, e proporcione unha renda unitaria de traballo (RUT) non inferior ó 35% da renda de referencia (RR). No caso de explotacións nas que a orientación productiva principal sexa o gando vacún de carne, o ovino de carne ou o caprino de carne, e estean situadas nun termo municipal incluído como zona desfavorecida, a RUT non será inferior ó 25% da RR.

b) O investimento previsto no plan de mellora para a adquisición de maquinaria, incluído o tractor, se é o caso, será inferior ó 35% do investimento total previsto nel.

Sen embargo, non se contabilizará, para os efectos do previsto no parágrafo anterior, o investimento para a adquisición dun tractor que leve aparellada a baixa definitiva no rexistro oficial de maquinaria agrícola doutro tractor que teña máis de dez anos de antigüidade e polo menos catro de permanencia na explotación do solicitante.

c) Cando o plan de melloras afecte a unha explotación gandeira:

c.1. Deberase xustificar que esta cumpre a normativa relativa a campañas de saneamento gandeiro, mediante a presentación da folla de saneamento da última campaña.

c.2. Se se trata dunha explotación con asignación de cantidade de referencia para a producción de leite ou productos lácteos ou con dereitos de prima, deberán presentarse os documentos de asignación a nome do solicitante. Sen embargo, no caso de agricultores mozos que se instalen co plan de mellora, as solicitudes de transferencia correspondentes poderanse presentar no momento da comprobación das melloras realizadas, sendo, neste caso, substituídas na documentación de solicitude da axuda por un compromiso asinado polo mozo e o actual titular de face-las ditas transferencias condicionado á aprobación da axuda.

c.3. Os investimentos no sector de producción de leite que teñan por efecto pasa-la cantidade de referencia, poderán ser obxecto de axuda se a explotación ten concedida previamente unha cantidade de referencia adicional de acordo coa normativa reguladora da taxa suplementaria. Nos supostos que permiten obte-las axudas inclúense os mecanismos de acceso á nova cota de producción de leite ou ó seu incremento establecidos nas normas reguladoras do sector lácteo. En todos estes casos a axuda quedará supeditada a que o investimento non sirva para incrementa-lo número de vacas a máis de 50 por UTA nin a máis de 80 por explotación. Se a explotación dispón de máis de 1,6 UTA, poderase supera-lo límite indicado de 80 vacas por explotación ata o resultado de incrementa-lo número de vacas nun 15%, sempre que non se supere así o límite de 50 vacas de leite por UTA.

c.4. No caso de explotacións productoras de leite, os plans de mellora preverán que ó seu remate as instalacións se adaptan ó disposto no capítulo II do anexo A do R.D. 1679/1994, do 24 de xullo.

d) Se os investimentos se realizan en obra civil, deberase presenta-lo correspondente esbozo acotado e memoria descritiva da construcción, adaptándose esta á tipoloxía da zona. Esta documentación substituirase por un proxecto asinado por técnico competente no caso de que o dito investimento sexa superior a 10 millóns de pesetas.

As construccións novas deberán contar coa preceptiva licencia municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para dar cumprimento a este requisito abondará con que coa documentación da solicitude de axuda ó plan de mellora se inclúa, se é o caso, a correspondente solicitude de licencia de obras. Para investimentos en construccións novas superiores a 10 millóns de pesetas será preciso ademais presentar, no momento da certificación, a correspondente licencia.

Artigo 5º.-Outros investimentos en plans de mellora.

Poderanse incluí-las axudas ós investimentos por traslado de edificios e instalacións gandeiras fóra dos núcleos urbanos do municipio por razóns hixiénico-sanitarias de interese público. Así mesmo, poderanse incluí-las axudas a investimentos para a mellora das condicións hixiénico-sanitarias das explotacións gandeiras, sempre que non supoñan un incremento da producción nin cambios na estructura productiva.

Os servicios veterinarios da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria informarán acerca da necesidade dos investimentos a que se fai referencia no parágrafo anterior.

Artigo 6º.-Tipo e contía das axudas.

As axudas ós investimentos para a realización de plans de mellora serán as establecidas nos artigos 7º, 8º, 9º e 10º e no anexo VI do R.D. 204/1996, modificados polo R.D. 1153/1997. Sen embargo, non será de aplicación o establecido no apartado 5º do anexo VI do R.D. 204/1996 ós expedientes con solicitude de axuda en forma exclusiva de subvención de capital.

No caso de plans de mellora nos que participe un agricultor mozo instalado nos cinco últimos anos, xa sexa baixo a modalidade de titularidade compartida ou cotitularidade, ou como socio de entidade asociativa, presentarase un documento asinado por tódolos partícipes no plan de mellora no que se estableza o grao de participación do mozo nos investimentos que se van realizar, para aplica-la axuda suplementaria establecida no apartado 6º do artigo 7 do R.D. 204/1996, modificado polo R.D. 1153/1997, na proporción que corresponda.

Artigo 7º.-Prazo de execución do plan de mellora.

O prazo de execución dos investimentos recollidos no plan de mellora será, como máximo, de 18 meses computados a partir do día seguinte á data de concesión da axuda ou, se é o caso, da data de formalización do préstamo subvencionado correspondente. Só por petición expresa do interesado e en casos excepcionais, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) poderá aprobar prazos de execución superiores cando as características do investimento así o aconsellen.

En calquera caso, se por causa xustificada o solicitante non puidese remata-la mellora no prazo pre

visto, deberá solicitar prórroga, especificando os motivos e o novo prazo de execución, que deberá ser aprobada pola Subdirección Xeral do ILGG. O incumprimento dos anteditos prazos de realización das melloras poderá levar aparellada a perda dos dereitos á axuda prevista na presente orde.

Artigo 8º.-Superficie forraxeira da explotación.

No caso de que as axudas se concedan para realizar investimentos no sector de vacún de carne, a xustificación da superficie forraxeira da explotación, para os efectos do cumprimento da densidade de vacún de carne establecida no apartado 4º do anexo III do R.D. 204/1996, realizarase coa presentación da documentación prevista na orde anual da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, sobre axudas por superficie e declaración de superficies forraxeiras, ou documento similar que indique as referencias catastrais, superficie e aproveitamento das parcelas da explotación utilizadas para a alimentación do vacún de carne.

Artigo 9º.-Compromiso de leva-la contabilidade.

A contabilidade simplificada á que se refire o artigo 4.1º.d do R.D. 204/1996 e o artigo 1.a do R.D. 1153/1997 debe incluír:

1. A consignación dos ingresos e gastos de explotación, cos documentos xustificativos.

2. O establecemento dun balance anual do activo e o pasivo da explotación.

No momento da comprobación da realización das melloras ou, en todo caso, previo ó pagamento da axuda concedida, o beneficiario deberá presenta-los documentos xustificativos que acrediten o cumprimento deste compromiso. Sen a dita acreditación o beneficiario perderá a axuda concedida.

Sección segunda

Primeira instalación de agricultores mozos

Artigo 10º.-Solicitude e documentación complementaria.

O mozo que desexe acceder ás axudas á primeira instalación previstas no Real decreto 204/1996, presentará unha solicitude, segundo o modelo especificado no anexo I, xunto coa da seguinte documentación:

1. Fotocopia cotexada do DNI.

2. Plan de explotación, conforme ó establecido no apartado 3º do artigo 13 do R.D. 204/1996, agás cando o mozo presente un plan de mellora dos previstos no apartado 1º do artigo 4 do mencionado real decreto. En calquera dos casos, deberá poñerse de manifesto que a explotación teña ou acade, ó final do plan de mellora, as condicións establecidas no artigo 4º letra a) da presente orde.

3. Informe da Tesourería da Seguridade Social sobre afiliación, tipo de réxime e períodos de alta (informe de vida laboral).

4. Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo solicitante e, se é o caso, copia das indicadas na letra a) do apartado 1 do artigo 2º da presente orde.

5. Xustificante da capacitación profesional, segundo o apartado 1.b.3 do artigo 2 da presente orde.

6. Segundo a modalidade da primeira instalación prevista no artigo 14 do R.D. 204/1996:

a) Documento público que acredite o acceso á titularidade, exclusiva ou compartida, da explotación agraria por compra, herdanza, pacto sucesorio, doazón, arrendamento, parcería ou figuras xurídicas análogas, asumindo o mozo que se instala máis do 50% dos riscos e das responsabilidades civil, fiscal e social da xestión da explotación, así como a declaración do IRPF do anterior titular, se a primeira instalación se realiza de acordo co apartado a) do artigo 14º.

b) Se se accede á cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria conforme o apartado b) do artigo 14 do R.D. 204/1996, presentarase escritura pública que conteña os seguintes acordos:

-Que o titular e o agricultor mozo acordan que este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e os investimentos que nela se realicen, nunha proporción superior ó 50%. O dito acordo deberá ter unha duración mínima de 6 anos.

-Que o titular transmita ó agricultor mozo, polo menos, un tercio da súa propiedade nos elementos que integran a súa explotación, continuando o seu uso e aproveitamento integrado nela. Esta transmisión deberá ser inscrita no Rexistro da Propiedade se os predios estaban previamente inscritos a favor do titular, presentándose neste caso o correspondente xustificante da inscrición.

c) Certificación expedida polo órgano rector da entidade onde se especifiquen as condicións de participación do agricultor mozo e a súa achega, os estatutos da entidade, a relación de socios que exercen a dirección técnica e de xestión, así como a documentación que acredite a condición de prioritaria para a dita explotación, segundo o apartado 4º do punto 20 do anexo I do R.D. 204/1996, no caso de integración como socio nunha entidade asociativa con personalidade xurídica, preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación prioritaria conforme o apartado c) do artigo 14º.

Cando a axuda á primeira instalación sexa solicitada segundo o previsto na letra a) do punto 14 do anexo I do R.D. 204/1996, ademais das fotocopias das declaracións do IRPF sinaladas na letra a) do apartado 1 do artigo 2º, xuntarase a documentación

acreditativa da dimensión económica da explotación. Para os efectos desta modalidade de primeira instalación a marxe neta da explotación na situación inicial obterase como suma das marxes netas das distintas orientacións productivas, moduladas de acordo cos valores establecidos polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, salvo que o rendemento neto da actividade agraria obtido das declaracións do IRPF achegadas sexa superior, sendo, neste caso, o rendemento neto a marxe neta que se considerará.

7) Solicitude de cambio de titularidade da explotación, se é o caso.

8) Solicitude de transferencia en favor do novo titular dos dereitos de prima e cantidade de referencia de leite e productos lácteos que tivese a explotación.

Os documentos públicos sinalados nas letras a) e b) do apartado 6, así como a solicitude de cambio de titularidade do apartado 7 e a solicitude de transferencia recollida no apartado 8, poderán ser presentados unha vez aprobado o expediente, xunto coa xustificación de realización de melloras, sendo, neste caso, substituídos na documentación que xunte á solicitude de axuda á primeira instalación, por un compromiso debidamente aceptado por ámbalas dúas partes.

Artigo 11º.-Adquisición ou acondicionamento da vivenda.

Cando os gastos se dediquen á adquisición ou acondicionamento da vivenda, esta deberá constituí-la residencia habitual do mozo e estar vinculada ás dependencias, situarse na mesma edificación ou noutros edificios destinados a atende-las necesidades derivadas das actividades agrarias ou das de transformación e venda directa dos productos da súa explotación, as relacionadas coa conservación do espacio natural e a protección do medio ambiente e as turísticas, cinexéticas ou artesanais realizadas na súa explotación.

Cando se trate de construcción ou acondicionamento exterior da vivenda, esta deberá ser acorde coa tipoloxía da zona.

Ademais, no caso de construcción de vivenda nova, esta deberá contar coa preceptiva licencia municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para dar cumprimento a este requisito abondará con que coa documentación da solicitude de axuda se presente, de se-lo caso, a correspondente solicitude de licencia de obras, presentándose esta no momento da certificación dos investimentos e gastos.

En tódolos casos deberase presentar un deseño acotado e unha memoria indicativa de tódalas melloras que se van realizar.

Artigo 12º.-Axudas á primeira instalación.

As axudas á primeira instalación de agricultores mozos, dirixidas a auxiliar gastos e investimentos derivados desta poderán consistir en:

a) Unha bonificación de xuros, na que o importe actualizado non supere a cantidade indicada na letra a) do apartado 1º do artigo 15 do R.D. 204/1996, resultante de aplicar, durante un período máximo de quince anos, unha reducción do tipo de xuro preferente das entidades de crédito, establecido, se é o caso, nos convenios financeiros para os préstamos de primeira instalación.

b) Unha prima por explotación, que poderá substituírse, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuros equivalente e con contía máxima de:

1. A indicada na letra b) do apartado 1º do artigo 15 do R.D. 204/1996, se a incorporación se realiza segundo o apartado b) do artigo 14 da precitada norma.

2. O 80% da anterior, nos demais casos.

A prima de instalación aboarase dunha soa vez ó interesado, unha vez efectuados os gastos aprobados, que deberán realizarse no prazo máximo de 18 meses desde a aprobación da axuda, salvo petición xustificada de aprazamento feita polo solicitante, que deberá ser aprobada pola Subdirección Xeral do ILGG.

Ademais, no caso de que a primeira instalación non sexa como agricultor con dedicación principal agrícola-gandeira ou como profesional con dedicación agrícola gandeira, a contía máxima da axuda será do 35% dos gastos ou investimentos, sen supera-los límites establecidos no artigo 15 do R.D. 204/1996

Artigo 13º.-Casos especiais de primeiras instalacións.

Nunha mesma explotación non poderá percibirse máis dunha prima nin máis dunha bonificación de xuros de primeira instalación. No caso de existir instalacións múltiples, estas axudas distribuiranse en función do grao de participación de cada mozo no conxunto dos gastos e investimentos derivados das ditas instalacións. Exceptúanse desta regra as primeiras instalacións que se produzan mediante a integración como socio nunha entidade asociativa, neste caso as axudas outorgaranse de forma íntegra a cada mozo solicitante que se instale, sempre e cando o volume de traballo na explotación asociativa alcance unha UTA, reducíndose proporcionalmente as axudas dos que non acaden o dito volume de traballo.

Nos casos en que o réxime económico do matrimonio sexa o de gananciais, non poderá ser beneficiario dunha axuda á primeira instalación un agricultor mozo cando o seu cónxuxe sexa xa titular dunha explotación agraria.

En ningún caso un cónxuxe poderá ser beneficiario das axudas da primeira instalación cando esta se efectúe na explotación da que é titular o outro cónxuxe.

Artigo 14º.-Acreditación da primeira instalación.

Para acreditar que se produciu a primeira instalación e poder percibi-las axudas solicitadas deberase presentar:

1. Documentación suficiente que xustifique a realización dos gastos de instalación aprobados.

2. O documento de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime de autónomos na actividade agraria e o documento de alta no censo de actividades económicas do Ministerio de Economía e Facenda (declaración censual modelo 036 ou 037).

3. Declaración do IRPF correspondente ó último período, se é o caso.

4. Os documentos indicados nas letras a) e b) do apartado 6 e nos apartados 7 e 8 do artigo 10º, de non telos presentados coa solicitude.

Sección terceira

Introducción da contabilidade

Artigo 15º.-Axudas para leva-la contabilidade.

1. As axudas para incentiva-la introducción da contabilidade nas explotacións agrarias, previstas no artigo 16 do R.D. 204/1996, poderán concederse ós agricultores con dedicación principal agrícola-gandeira ou que, non téndoa, sexan titulares de explotacións prioritarias. Estas axudas distribuiranse entre os catro primeiros anos nos que os beneficiarios leven a contabilidade da xestión das súas explotacións.

Os agricultores que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar unha solicitude segundo o modelo especificado no anexo I, xunto coa documentación recollida nun dos dous apartados seguintes:

a) Para acreditar que o titular ten dedicación principal agrícola-gandeira, segundo se define no punto 7 do anexo 1 do R.D. 204/1996: coa documentación indicada na letra a) do apartado 1 do artigo 2º.

b) Para acreditar que a explotación cumpre as condicións de prioritaria, segundo se establece no punto 20 do anexo 1 do R.D. 204/1996: do xeito que se indica na disposición adicional primeira desta orde.

2. A axuda máxima por solicitante establecida no punto 1 do artigo 16 do R.D. 204/1996 percibirase se o beneficiario, ademais, é socio de agrupacións de xestión empresarial de explotacións autorizadas polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia e leva as anotacións pertinentes, achegando información ós programas de xestión de explotacións leiteiras, cunícolas, porcinas, hortícolas ou outros establecidos polo devandito instituto, a través da dita agrupación de xestión.

3. Nos casos en que o beneficiario da axuda leve as anotacións pertinentes e subministre a información ós programas de xestión de explotacións citados no punto anterior, directamente, a subvención que se percibira será dun 70% da máxima establecida no punto 1 do artigo 16 do R.D. 204/1996.

4. No resto dos supostos, cando o beneficiario leve exclusivamente a contabilidade e anotacións que establece o artigo 16 do R.D. 204/1996, a axuda que se percibira será a mínima fixada no apartado 1º do dito artigo.

5. En todo caso, se o beneficiario é titular dunha explotación prioritaria pero non é agricultor con dedicación principal agrícola-gandeira, a contía máxima da axuda será do 35% dos gastos xustificados, sen supera-los límites establecidos con carácter xeral para os agricultores con dedicación principal agrícola-gandeira nos apartados anteriores.

Sección cuarta

Agrupacións

Artigo 16º.-Agrupacións de servicios de axuda mutua.

Conforme o disposto no artigo 18 do R.D. 204/1996, aquelas agrupacións de servicios de axuda mutua creadas con posterioridade ó 1 de abril de 1985, que teñan como obxectivo algún dos sinalados no dito artigo, poderán acceder á axuda total especificada nel, a pagar nun máximo de 5 anos, para contribuír ó pagamento dos gastos de cada ano de xestión, funcionamento e posta en marcha do servicio de axuda mutua implantado pola asociación.

A contía da axuda e forma de pagamento será determinada polo ILGG de acordo coa importancia da agrupación e servicios creados.

Para poder acollerse a estas axudas, as agrupacións deberán estar formalmente constituídas e nos seus estatutos recoller explicitamente os seus obxectivos e a forma de participación dos socios, que deberán ser concordantes cos obxectivos do servicio de axuda mutua.

Para acceder a esta axuda, as agrupacións interesadas presentarán unha solicitude, de acordo co modelo do anexo e os seguintes documentos:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia dos estatutos da agrupación.

c) Relación de socios participantes no servicio.

d) Memoria xustificativa do servicio de axuda que se vai a establecer, orzamento de gastos anuais e plan de financiamento deste.

e) Certificado de titularidade de conta en entidade bancaria.

f) Certificados de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Para a percepción anual da axuda a agrupación deberá xustifica-la prestación do servicio e a realización dos gastos obxecto de subvención.

Artigo 17º.-Agrupacións de servicios de substitución.

1. Poderán ser beneficiarios desta axuda as asociacións agrarias que teñan por obxecto a creación de servicios de substitución na explotación, se así o solicitan. A dita axuda destinarase a contribuír á cobertura dos gastos de xestión, funcionamento e posta en marcha.

2. Para ter dereito á axuda establecida no punto 1, o servicio de substitución deberá ser autorizado polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia e empregar, polo menos, unha persoa a tempo completo, cualificada para o traballo que deberá desempeñar.

3. Os casos de substitución, que poderán comprende-la substitución temporal do titular da explotación, do seu cónxuxe ou dun colaborador adulto que traballe nela, serán os seguintes: enfermidade, accidente, asistencia a actividades de formación profesional, necesidade familiar ou períodos vacacionais.

4. As agrupacións beneficiarias das axudas deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Que a súa forma xurídica sexa cooperativa, SAT ou agrupación de agricultores formalmente constituída mediante documento subscrito por tódolos seus membros.

b) Levar unha contabilidade que permita determina-los gastos e ingresos derivados do servicio de substitución e un control dos servicios prestados polo axente.

c) Comprometerse a mante-lo servicio por un período mínimo de 10 anos.

d) Que o número de agricultores afiliados sexa, como mínimo, de 20.

5. A axuda de posta en marcha non poderá supera-la establecida no punto 4º do artigo 19 do R.D. 204/1996, distribuída en 5 anualidades iguais.

Para obter esta axuda as agrupacións interesadas presentarán unha solicitude, de acordo co modelo do anexo I da presente orde, acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia dos estatutos da agrupación.

c) Relación de socios participantes no servicio.

d) Memoria xustificativa do servicio de substitución, orzamento de gastos anuais e plan de financiamento.

e) Certificado de titularidade de conta en entidade bancaria.

f) Certificado de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Para a percepción anual da axuda a agrupación deberá presentar:

a) Copia das nóminas do axente de substitución.

b) Documentos TC-1 e TC-2 da Seguridade Social.

c) Informe do responsable da agrupación indicando as substitucións realizadas en cada explotación.

Artigo 18º.-Agrupacións de xestión empresarial das explotacións.

1. Para ter acceso ás axudas para a creación ou incremento dos servicios de xestión de explotacións, establecidas no artigo 20 do R.D. 204/1996, as agrupacións e asociacións agrarias de agricultores deberán estar autorizadas para tal fin polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia e empregar a tempo completo, polo menos, a un técnico cualificado para o desenvolvemento da xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións agrarias, sen que o número de agricultores afiliados sexa inferior a 20.

2. As agrupacións de xestión empresarial de explotacións (AXE) que desexen acollerse a estas axudas presentarán unha solicitude, de acordo co modelo do anexo I, e cumprirán, como mínimo, os seguintes requisitos para seren autorizadas:

a) Estar constituídas como cooperativa, SAT ou outra forma contractual con personalidade xurídica de seu, subscrita polos agricultores titulares das explotacións, agás sociedades mercantís, sempre que entre os seus obxectivos se encontre a prestación, ós seus socios, dalgún dos servicios de xestión indicados no apartado 1º do artigo 20 do R.D. 204/1996.

Para acreditalo presentarán copia dos estatutos e do CIF da entidade.

b) Presentar un documento subscrito por cada un dos membros participantes no programa, no que se indiquen os seus datos de identificación dos mesmos e das súas explotacións, así como a finalidade do programa de xestión empresarial que se van realizar e os compromisos adquiridos para levalo a cabo.

c) Presentar un programa de xestión empresarial, que inclúa unha memoria, indicando a necesidade, medios materiais e humanos para realizalo, normas de funcionamento e fins e resultados esperados para cada ano. Este programa de xestión empresarial, que deberá ser aprobado polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, terá que considerar, polo menos, algún dos seguintes obxectivos:

-Analiza-los resultados das contabilidades dos agricultores, co fin de fundamentar consellos de xestión para as súas explotacións e as de agricultores con explotacións similares.

-Prestar asistencia técnica en aspectos relacionados coa actividade productiva desenvolvida polas explotacións dos asociados, así como asesorar en materia de planificación, execución e financiamento de investimentos nas explotacións.

-Outros aspectos relacionados coa xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións.

d) Presenta-lo currículum vitae que inclúa copia da titulación académica do axente de xestión, segundo o cal o ILGG determinará, en cada caso, a idoneidade súa para o desenvolvemento das funcións previstas no programa de xestión empresarial. Cando un axente de xestión cause baixa na agrupación e sexa substituído por outro, esta circunstancia deberá ser posta en coñecemento do dito instituto nun prazo máximo de 30 días desde que se produciu a baixa, solicitándose a autorización para o cambio e presentando a documentación devandita referida ó novo técnico.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá organizar cursos de especialización para a formación complementaria de axentes de xestión que presten, ou vaian prestar, os seus servicios en agrupacións de xestión acollidas a esta axuda.

e) Certificado de titularidade de conta en entidade bancaria.

f) Certificado de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

3. Anualmente, a agrupación de xestión empresarial, enviará ó ILGG unha memoria da actividade realizada na que se indicarán os datos técnicos e económicos que, de acordo co programa de xestión desenvolvido, permitan avalia-los resultados de cada ano. Esta memoria incluirá, ademais, unha relación das explotacións que recibiron asistencia técnica e un resumo das visitas efectuadas.

Así mesmo, con idéntica periodicidade, a AXE remitirá copia do contrato laboral e das nóminas percibidas polo axente de xestión no dito período.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá realizar controis sobre as explotacións para determina-lo cumprimento do programa de xestión empresarial.

As agrupacións de xestión empresarial de explotacións autorizadas poderán utiliza-las aplicacións informáticas de xestión que o devandito organismo autónomo ten establecidas para diversos tipos de actividades agrícolas e gandeiras, mediante a aceptación previa das correspondentes condicións de cesión e uso.

Dependendo das características da agrupación e da actividade productiva desenvolvida polos socios, o ILGG poderá establecer, en cada caso, o número mínimo de socios necesario, que nunca será inferior a 20, así como a axuda que se concederá, dentro do disposto no artigo 20 do R.D. 204/1996.

A duración mínima da agrupación de xestión será de 10 anos.

Sección quinta

Adquisición de terras

Artigo 19º.-Beneficiarios, tipo e contía das axudas.

1. Poderanse conceder axudas ós titulares de explotacións agrarias con actividade mínima de dous anos, persoas físicas ou xurídicas, para a adquisición de terras, co fin de que a súa explotación poida acada-la consideración de prioritaria.

2. Poderanse conceder axudas para a adquisición de terras ós socios dunha persoa xurídica titular dunha explotación agraria, que reúnan as condicións de procedencia de rendas e de dedicación de traballo establecidas para o agricultor profesional, condicionadas á cesión do uso das terras adquiridas á citada explotación e a que esta acade, non séndoo xa, mediante a cesión, os requisitos necesarios para ser considerada prioritaria.

3. Poderanse conceder axudas ós pequenos agricultores que sexan titulares dunha explotación agraria prioritaria, para a adquisición de terras integrantes da dita explotación que veñan cultivando en réxime de arrendamento durante un tempo mínimo dun ano, sempre que, trala adquisición, a explotación manteña a súa condición de prioritaria.

4. O tipo e contía das axudas serán os indicados nos puntos 4 e 5 do artigo 26 do R.D. 204/1996, modificado polo R.D. 1153/1997.

5. Os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a mante-la integridade da explotación agraria e a actividade agrícola-gandeira nela durante un período mínimo de dez anos desde a aprobación do expediente de axuda á compra de terras. En caso contrario, poderáselles esixi-la devolución total ou parcial das axudas percibidas e dos xuros correspondentes.

Así mesmo, unha vez aprobada a axuda, o interesado deberalle comunicar ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia tódolos cambios que poidan afectar á cualificación da explotación como prioritaria.

Artigo 20º.-Solicitude e documentación.

1. Os agricultores que desexen acollerse ás axudas para a adquisición de terras deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo do anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF ou CIF.

b) Xustificantes da capacitación profesional, de acordo co establecido no artigo 2º.1 b).

c) Xustificantes da afiliación ó réxime da Seguridade Social que corresponda á actividade desenvolvida na explotación agraria, segundo o establecido no artigo 2º.1 c).

d) Fotocopia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do último exercicio respecto do cal xa rematase o prazo para a súa presentación no período voluntario, ou dos dous últimos no caso do punto 1 do artigo 19º.

e) No caso de persoa xurídica, xustificación de que é explotación agraria prioritaria, de acordo co punto 2º do apartado 2 do artigo 2º.

f) Contrato de arrendamento, en escritura pública, no suposto do punto 3 do artigo 19º.

g) Precontrato de compravenda das terras.

h) Documentación expedida polo Catastro relativa á identificación e superficie das parcelas que forman parte da explotación, sexan ou non propiedade do titular, así como das que van ser obxecto da compravenda.

i) Planos ou esbozos acotados das parcelas obxecto da compravenda.

j) Conformidade da entidade bancaria á concesión do préstamo.

k) Certificación bancaria de titularidade de conta.

l) Xustificantes de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

m) Solicitude ou certificación, de se-lo caso, de cualificación da explotación como prioritaria.

2. Unha vez efectuada a adquisición, o beneficiario deberá presenta-lo correspondente documento público de compravenda coa liquidación dos impostos correspondentes.

Sección sexta

Plans de mellora fóra da acción común

Artigo 21º.-Beneficiarios e limitacións.

1. No marco do previsto no artigo 12 do Regulamento (CE) 950/1997 do consello, do 20 de maio e da disposición adicional 3ª do R.D. 204/1996, de 9 de febreiro, establécense axudas específicas da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de investimentos en plans de mellora que cumpran o establecido nos artigos 5 e 6 e anexo IV do precitado real decreto.

2. Poderán acollerse a estas axudas aqueles titulares de explotacións agrarias que non cumpran tódalas condicións do artigo 4 do R.D. 204/1996, pero que reúnan e acrediten, na forma indicada, os seguintes requisitos:

a) Ser titular de explotación agraria, que acreditará coa última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

b) Presentar un plan de mellora da súa explotación, de acordo co previsto no apartado A.1 do anexo II do R.D. 204/1996, cumprindo os índices técnico-económicos establecidos.

c) Comprometerse a exerce-la actividade agraria na explotación durante 5 anos como mínimo.

d) Estar ó día das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, que xustificará coas correspondentes certificacións.

3. A contía máxima destas axudas, expresada en porcentaxe do importe do investimento será:

a) Nas zonas desfavorecidas consideradas no Regulamento (CE) 950/1997:

Bens inmobles: 20%.

Outros bens: 15%.

b) Nas demais zonas:

Bens inmobles: 15%.

Outros bens: 10%.

As indicadas axudas poderán concederse por un volume total de investimento que non poderá exceder dos límites por UTA e por explotación establecidos no apartado 3º do artigo 7 do R.D. 204/1996, para os plans de mellora, para un período de 6 anos, e consistirá na subvención total ou parcial dunha ou varias anualidades de amortización dos préstamos formalizados para levar a cabo o investimento. Estes préstamos non poderán supera-lo 90% do investimento total que se vai realizar e serán formalizados no marco dos convenios financeiros previstos no artigo 30 do R.D. 204/1996 ó xuro preferente establecido neles.

4. Malia o disposto no punto 1, as axudas previstas no apartado anterior poderán concederse tamén para compra de gando para repo-lo sacrificado como consecuencia de programas de saneamento gandeiro, naqueles casos nos que o sacrificio afecte a unha porcentaxe superior ó 30% do censo da explotación, sendo necesario presentar un informe técnico do Servicio Provincial de Sanidade e Producción Animal e Vexetal correspondente, acreditativo desta circunstancia. Nestes casos se, ademais, o titular é agricultor profesional con dedicación agrícola-gandeira, a axuda verase incrementada en 5 puntos.

A axuda á amortización prevista poderá aboala o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia dunha soa vez directamente ó interesado, despois de formalizado o préstamo e certificada a realización dos investimentos previstos no plan de mellora.

Artigo 22º.-Solicitudes.

Os interesados neste tipo de axudas deberán presentar unha solicitude, de acordo co modelo do anexo, xunto coa fotocopia cotexada do CIF ou NIF e da documentación xustificativa dos requisitos especificados no punto 2, e 4, se é o caso, do artigo 21º.

Sección sétima

Tramitación

Artigo 23º.-Presentación de solicitudes e prazo.

A presentación das solicitudes de axudas para cada medida das recollidas nesta orde realizarase segundo

o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, preferentemente, nas oficinas das axencias de Extensión Agraria, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo da presente orde, que estarán a disposición dos interesados nos mencionados servicios, xunto coa documentación complementaria prevista para o tipo de axuda solicitada.

As distintas unidades administrativas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou do ILGG asesorarán os solicitantes na realización dos estudios técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora das estructuras das explotacións, así como na tramitación das restantes axudas previstas nesta orde.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará, con carácter xeral, o 30 de setembro de 1998. Sen embargo, para os casos de primeiras instalacións motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollido ás axudas do R.D. 1695/1995, xubilación, falecemento ou invalidez do actual titular da explotación; ou por estar próximo o mozo a cumpri-los corenta anos de idade, este prazo permanecerá aberto.

Artigo 24º.-Conformidade previa de entidade bancaria.

Na tramitación de axudas vinculadas a préstamos, para a súa aprobación polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, o solicitante deberá achegar, previamente, a conformidade dunha entidade bancaria asinante do convenio financeiro coa Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación do MAPA, á concesión do préstamo correspondente.

Artigo 25º.-Resolución.

O presidente do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia resolverá os expedientes, comunicándollo ó interesado, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e, se e o caso, á entidade bancaria correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e convenios establecidos ou que se establezan entre o devandito ministerio, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e as entidades financeiras.

Artigo 26º.-Certificación de investimentos e gastos.

Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de solicitude, sempre e cando recaia resolución aprobatoria de axuda ós ditos investimentos.

Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, se é o caso, os compromisos adquiridos, os interesados deberán poñelo en coñecemento das respectivas axencias de Extensión

Agraria, que procederán a efectua-las correspondentes certificacións, previas ó pagamento da axuda.

Artigo 27º.-Convenios de financiamento.

A participación do ILGG no financiamento do programa de axudas que establece esta disposición axustarase ó convenio bilateral entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e o MAPA sobre financiamento de actuacións en aplicación do R.D. 204/1996 sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias.

Artigo 28º.-Dotación orzamentaria.

O financiamento correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia derivado do convenio citado no artigo anterior, efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.50.614 A.770 e 09.50.712 A.770, dotadas con 235 e 706 millóns de pesetas respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, aprobados pola Lei 1/1998, do 7 de abril.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, nos casos en que a documentación achegada polo solicitante das axudas previstas nesta orde sexa suficiente e se reúnan os requisitos esixidos, efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias, comunicándollo ó interesado.

Para estes efectos considérase documentación suficiente para a cualificación, a necesaria para a aprobación das seguintes axudas:

a) Plans de melloras.

b) Incorporación de mozos.

c) Compra de terras.

Nos restantes casos os solicitantes interesados en obte-la cualificación deberán presenta-la solicitude que se xunta no anexo e documentación citada nos apartados a), b), c), d) e e) do apartado 1 do artigo 2º, se o titular é persoa física, ou da citada no punto 2º do apartado 2 dese mesmo artigo, se o titular é persoa xurídica. Ademais, deberán presentarse, sexa cal fose o tipo de titular, os datos necesarios para avalia-la dimensión económica da explotación, que será determinada segundo a modulación da marxe neta que para as distintas orientacións productivas estableza o ILGG.

Segunda.-Solicitudes de exercicios anteriores.

As solicitudes formuladas ó abeiro das ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 21 de maio de 1991 pola que se regula un sistema de axudas ás explotacións agrarias para axiliza-la

percepción das subvencións derivadas do R.D. 808/1887, do 18 de maio de 1990, pola que se establecen axudas complementarias para a mellora da estructura das explotacións agrarias; a Orde de 30 de xaneiro de 1995, pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de apoio para a mellora das estructuras agrarias establecidas no R.D. 1887/1991; e a orde da CAGM do 22 de maio de 1996 pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia medidas sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, ás que non lles foi concedida a subvención solicitada, teranse en conta na presente convocatoria coa consideración establecida na disposición transitoria primeira do R.D. 204/1996, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó servicio provincial correspondente do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia. A tramitación dos expedientes continuará dende o trámite no que se encontraba ó final do exercicio anterior.

Terceira.-Cómputo de prazo para ás axudas á primeira instalación.

Para os efectos de dar cumprimento á posibilidade de solicitar unha axuda dentro dos seis primeiros meses seguintes á primeira instalación á que fai referencia o artigo 13.2º do R.D. 204/1996, así como para o cumprimento do límite máximo de idade que se establece no anexo 1.9 deste, non se terá en conta o período no que non estivo aberto o prazo de presentación de solicitudes inmediatamente anterior a esta convocatoria.

Cuarta.-Incompatibilidades.

Na concesión das axudas reguladas na presente orde aplicarase o disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, en canto á concorrencia na obtención de subvencións ou axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural establecerá a duración e programas dos cursos de incorporación á actividade agraria, en función da idade e grao de experiencia, para os mozos que soliciten a súa instalación no sector como agricultores mozos.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

3888