Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 08 de maio de 1998 Páx. 4.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 131/1998, do 16 de abril, polo que se acorda a mutación de dominio público do inmoble situado na rúa Ricardo Sánchez, s/n, termo municipal de Pontedeume (A Coruña), e a súa adscrición ó Servicio Galego de Saúde, para destinalo a centro de saúde.

A Comunidade Autónoma de Galicia ostenta a titularidade do inmoble coñecido como antigo Instituto de Bacharelato Mixto de Pontedeume, situado na rúa Ricardo Sánchez, s/n, en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo (BOE nº 306, do 22 de decembro) sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de educación. A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o oportuno expediente de mutación de dominio público, logo da solicitude do Servicio Galego de Saúde de adscrición do dito inmoble por consideralo necesario para a súa utilización como centro de saúde.

A conformidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que na actualidade ten adscrito o inmoble, para os efectos do trámite de audiencia establecido nos artigos 31.2º do Regulamento de Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, dedúcese do informe favorable de desafectación do devandito inmoble.

Á vista do disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 20, 21, 30, 31 e 32 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a mutación de dominio público do inmoble situado na rúa Ricardo Sánchez, s/n de Pontedeume, coñecido como antigo Instituto de Bacharelato Mixto de Pontedeume, que se destinará a centro de saúde.

Artigo 2º

Adscríbese o antedito inmoble ó Servicio Galego de Saúde, sen que isto supoña cambio na titularidade ou cualificación xurídica do ben cedido.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3817