Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 08 de maio de 1998 Páx. 4.907

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 129/1998, do 16 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Bergondo (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da Corporación Municipal de Bergondo, en sesión extraordinaria celebrada o 6 de febreiro de 1998, acordou a cesión gratuíta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun predio para a execución das obras de adaptación da LOXSE.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles superase o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Bergondo acordou a cesión, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Bergondo, a cesión gratuíta a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo situado na parroquia e termo municipal de Bergondo e que se describe a continuación:

Labradío denominado Taimonde, dunha superficie aproximada de vinte áreas. Linda: ó norte, máis de Juan Suárez Barros; ó sur, terreo municipal e José Varela; ó leste, José Varela e herdeiros de Joaquín López e ó oeste, terreo municipal.

O inmoble descrito figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos, no tomo 1.529, libro 198 de Bergondo, folio 209, predio número 19.599, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3815