Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 07 de maio de 1998 Páx. 4.849

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 125/1998, do 16 de abril, sobre normas de adxudicación de locais de negocio do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Entre os inmobles que como consecuencia do cumprimento das súas funcións o Instituto Galego da Vivenda e Solo incorpora ó seu patrimonio de destino, figuran os locais de negocio situados en edificios de vivendas de promoción pública.

Coa publicación e entrada en vigor do Decreto 336/1992, do 26 de novembro, quedaron determinados os procedementos para o alleamento dos locais de negocio así como os criterios para a valoración daqueles para os efectos de fixa-lo prezo de venda.

Tendo en conta que a devolución ó tráfico xurídico dos referidos locais se debe producir dun xeito áxil para a utilización do seu producto como fonte de financiamento, na actualidade, como consecuencia de diversos factores que concorren neste sector, cómpre utilizar uns parámetros valorativos máis próximos á realidade comercial da promoción privada.

Neste senso, o presente decreto ten por obxecto adoptar criterios que respecten un prezo de venda adecuado ás circunstancias de mercado, de tal xeito que sexa equivalente ó importe neto que razoablemente poderá esperar recibir un vendedor pola venda dunha propiedade na data da valoración.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Réxime de transmisión e uso.

O réxime de transmisión e uso dos locais de negocio de titularidade do IGVS ou que, como consecuencia da construcción de vivendas de protección oficial de promoción pública, se integren no seu patrimonio, será o establecido polo presente decreto e normas que o desenvolvan.

Artigo 2º.-Procedemento de poxa pública.

A transmisión dos locais de negocio ós que alude o artigo anterior efectuarase mediante o seu alleamento en poxa pública, sen outras excepcións que as sinaladas no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Procedemento de adxudicación directa.

1. Os locais de negocio poderán ser alleados mediante adxudicación directa nos seguintes supostos:

a) Cando se trate de instalar neles servicios de carácter público.

b) Por razóns cualificadas de interese público ou social que se farán constar na correspondente resolución.

c) Cando non fosen adxudicados en poxa pública por falta de licitadores, inadmisión das propostas presentadas ou incumprimento polo rematante das condicións esixibles para a formalización do contrato.

2. Nos supostos de adxudicación directa do parágrafo anterior xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI e do NIF ou CIF do solicitante.

-Declaración xurada de non incorrer nas prohibicións para contratar sinaladas no artigo 20 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas.

-Certificación de estar ó día nas obrigas tributarias expedido pola Axencia Estatal Tributaria.

-Certificado de non ter débedas pendentes coa Comunidade Autónoma galega.

-De se-lo caso, certificado de estar ó día no pagamento nas obrigas coa Seguridade Social.

-Proposición económica.

3. No caso de concorrencia de dúas ou máis solicitudes, a Dirección Xeral do IGVS, tralo estudio e valoración delas, poderá acorda-la celebración dunha nova poxa pública ou atender ó criterio de prioridade no tempo da solicitude.

Artigo 4º.-Prezo de venda.

1. O prezo que serve de base de licitación para o alleamento dos locais polo procedemento de poxa pública será o prezo de mercado. O dito prezo determinarase logo do informe da unidade técnica correspondente tendo en conta a localización e uso dos locais, así como a evolución esperada do mercado.

2. Os locais que, celebrada a poxa pública non chegaran a adxudicarse por algún dos motivos especificados no artigo 3.c), poderán ser adxudicados directamente durante o prazo de seis meses con suxeición ós mesmos prezos e condicións anunciados na poxa pública.

3. Trascorrido o prazo sinalado sen que se recibise ningunha solicitude de adxudicación directa nas condicións establecidas no parágrafo anterior, convocarase nova poxa pública para a que o prezo base de licitación poderá modificarse tendo en conta os criterios contidos no parágrafo 1 do presente artigo.

4. Se celebrada esta segunda poxa aínda permanecesen locais vacantes, poderán allearse mediante o procedemento de adxudicación directa e polo prezo que a Dirección Xeral do IGVS considere adecuado, tendo en conta as características da oferta e a demanda, así como as expectativas de mercado.

Artigo 5º.-Forma de pagamento.

O pagamento do prezo de venda do local efectuarase ó contado, debéndose acreditar tal extremo no momento de outorga-la correspondente escritura pública ou contrato de compravenda.

Únicamente se admitirá o adiamento do pagamento nos casos de adxudicación directa sinalados nos apartados a) e b) do artigo 3º. Neste caso as anualidades non poderán exceder de catro repartidas en oito pagamentos semestrais, agás que excepcionalmente e por proposta motivada da Dirección Técnica de Administración e Fomento, o director xeral acorde conceder prórroga por un prazo non superior ó inicialmente concedido. As cantidades adiadas devengarán un xuro anual do 5% con taxa crecente do 4% anual, debendo garantirse o seu pagamento por calquera dos medios admitidos en dereito.

Artigo 6º

A falta de ingreso do prezo ó contado ou de calquera dos prazos facultará o IGVS para resolve-la adxudicación con perda da garantía constituída, nun caso, ou o contrato, noutro.

Disposición adicional

No non previsto por este decreto poderá aplicarse o disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e disposicións que a desenvolven.

Disposición transitoria

Os locais de negocio propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo que na data de entrada en vigor do presente decreto se atopen adxudicados en réxime de aluguer continuarán baixo o referido réxime ata o remate do contrato.

Finalizado o dito prazo, e de non ter sido solicitado con anterioridade polo arrendatario, o IGVS ofreceralle a posibilidade da adquisición preferente do local, e polo prezo que resulte da aplicación do disposto no último parágrafo do artigo 4º deste decreto. O dito ofrecemento será extensible ós precaristas que na data de entrada en vigor do presente decreto acrediten ter cedidos os locais polo IGVS, debendo manifesta-la súa aceptación por escrito nun prazo de tres meses contados desde a recepción do ofrecemento.

No caso de non manifesta-la súa aceptación no prazo sinalado, entenderase que renuncian ó local e este poderá ser adxudicado novamente polos sistemas previstos nos artigos 2º e 3º deste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 336/1992, do 26 de novembro, sobre normas de adxudicación de locais de negocio do Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como, en xeral, tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

3893