Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 04 de maio de 1998 Páx. 4.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 8 de abril de 1998 pola que se convocan prazas de educadores bolseiros para o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo da Coruña, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; así como, no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura dos servicios centrais da consellería, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo

co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas que conceda a Administración autonómica, ás que se adaptará a presente orde, que atende en todo caso ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV, no período de prórroga dos orzamentos xerais unha vez aprobado o proxecto de orzamentos.

Coa presente convocatoria preténdese dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial ó Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo, persoal que, como contrapartida, gozará de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 1998-1999, así como de axudas para sufraga-los gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

Entre outros fins, na Lei de orzamentos para 1998 citada, na aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0, existe crédito axeitado e suficiente para este gasto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 1998-1999, no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Segundo.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na seguinte convocatoria:

a) Ser español.

b) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

c) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade.

d) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

e) Estar cursando estudios superiores nunha facultade ou nun colexio universitario e ter aprobados integramente dous cursos dos devanditos estudios ou ter rematados estes durante os cursos 1995-1996 ou 1996-1997.

Terceiro.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa á Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais na Coruña, r/ Gregorio Hernández, 2-4, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou resgardo de que se solicitou a súa expedición.

-Currículum vitae do solicitante.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir da data en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Dereitos dos adxudicatarios.

a) A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 1998 ata o 30 de xuño de 1999. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

b) O pagamento por parte do centro de ata 26.825 ptas. para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

c) O pagamento por parte do centro de ata 13.415 ptas. para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros nas condicións fixadas no apartado b).

d) O pagamento por parte da Dirección Xeral de Servicios Sociais da contía de 9.385 ptas. mensuais, logo de certificación do servicio prestado pola dirección do centro.

e) Ó remata-la estadía no centro, serálles entregado un diploma acreditativo pola devandita dirección xeral, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Quinto.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 1998 ó 30 de xuño de 1999.

Sexto.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0.

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención dos acollidos nel, en horas de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Oitava.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

Unha comisión, presidida polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña ou persoa en quen delegue, sendo vocais o xefe da Área de Servicios Sociais da Coruña, dous funcionarios designados polo delegado provincial e o director do centro, examinará as solicitudes, valorando no seu conxunto os seguintes datos, por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Pedagoxía e Escolas Universitarias de EXB, ademais de Enfermería.

Confeccionarase unha lista das solicitudes recibidas, elevando a correspondente proposta ó delegado provincial, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presenta-las instancias.

A resolución correspóndelle ó delegado provincial competente logo de fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ó centro como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro para presentaren a documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña. De non cumprirse tal esixencia non se procederá a ningún pagamento.

Novena.-Natureza da relación bolseiros-administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Décima.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

O director xeral de Servicios Sociais resolverá a perda da condición de bolseiro polo incumprimento das súas obrigas, ausencias inxustificadas ou, se é o caso, por non cumpri-la disciplina do centro, logo dos informes pertinentes.

O suposto de revogación obrigará ó adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do gozo da bolsa, o director xeral, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá, se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3640