Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 04 de maio de 1998 Páx. 4.657

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de marzo de 1998 pola que se convoca o programa de fomento de emprendedores de iniciativas empresariais. Programa Lanza.

A mellora da competitividade da Comunidade Autónoma de Galicia depende en gran medida do grao de desenvolvemento económico que esta poida acadar polos seus propios medios. Neste sentido, as políticas de promoción económica deben de incidir no apoio á creación de empresas como un dos alicerces básicos do desenvolvemento endóxeno que Galicia necesita.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5 autoriza a este ente público para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera acción que favoreza o desenvolvemento económico de Galicia.

Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, establece como funcións do Igape, entre outras:

-Promover actividades creadoras de emprego e as que utilicen máis racionalmente recursos internos.

-Promove-la creación de empresas nos distintos sectores da actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega.

-Promover, fomentar e potenciar actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais como territorias.

-En xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema productivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

Por outra parte, as políticas activas de emprego deseñadas pola Xunta de Galicia propoñen, entre outros temas, axudar con especial atención ós xoves, estimulándoos a crear empresas propias, como alternativa á inserción laboral por conta allea.

Por todo iso, o Igape, en colaboración con aqueles organismos, institucións e entidades que, en Galicia, teñen por obxecto o apoio á promoción económica e o fomento empresarial, pretende:

-Estimula-las vocacións empresariais da nosa rexión, especialmente as dos xoves.

-Apoiar aqueles emprendedores para que desenvolvan as súas iniciativas empresariais de forma rigorosa.

-Animar a todo o potencial humano que poida contribuír á creación de empresas e, por tanto, ó desenvolvemento da nosa rexión.

-En definitiva, consolidar un maior número de empresarios en Galicia.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do obxecto e dos beneficiarios

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de accións que o Instituto Galego de Promoción Económica pode promover para favorece-la creación de empresas innovadoras ou que teñan un importante impacto no desenvolvemento socioeconómico da zona na que se localicen, en especial, aquelas que sexan promovidas por xoves menores de 40 anos.

Artigo 2º.-Xestión e instrumentación das axudas.

A concesión e xestión destas axudas será efectuada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con cargo ós conceptos de gastos 0499 71301

2260202 99; 0499 71301 2270601 99 e 0499 71301 2270606 99 do seu orzamento para 1998. A concesión de axudas en exercicios posteriores estará supeditada á existencia de créditos orzamentarios suficientes e adecuados.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán participar no programa Lanza todas aquelas persoas físicas residentes en Galicia que pretenden individual ou colectivamente poñer en marcha unha iniciativa que leve consigo a creación dunha empresa de carácter innovador ou que teña un importante interese para o desenvolvemento socioeconómico do seu contorno, a cal deberá ter domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Accións.

O Igape porá á disposición dos beneficiarios admitidos unha serie de accións estructuradas en función das diferentes fases do proceso de creación dunha empresa e que se concretan en:

a) Formación. A través dun curso de formación empresarial dirixido a:

-Dota-los emprendedores de coñecementos e habilidades de xestión necesarias para levar a cabo con éxito o seu proxecto de empresa.

-Aporta-la metodoloxía necesaria para a realización do seu plan de empresa e a formulación da estratexia futura do proxecto.

b) Titorías para a elaboración do plan de empresa. O promotor e promotores do proxecto terán á súa disposición un titor profesional que lles axudará a:

-Asimilar e aplica-las habilidades e coñecementos adquiridos na fase de formación.

-Resolver dúbidas e guialos na elaboración do seu plan de empresa.

c) Titorías para a implantación do plan de empresa. O promotor ou promotores do proxecto terán á súa disposición un titor profesional que lles axudará a:

-Da-los primeiros pasos na posta en marcha da empresa, especialmente os orientados á xestión e organización dos recursos necesarios para o inicio da actividade.

-Xestiona-las axudas financeiras ou doutro tipo que, se é o caso, poida merece-lo proxecto.

Artigo 5º.-Contía máxima.

O importe equivalente ás axudas que se concedan con cargo á presente orde non superarán o límite establecido pola Comisión da Unión Europea na súa comunicación 96/C 68/06, ou o que se é o caso o sustitúa.

Capítulo II

Do proceso de admisión

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no programa Lanza deberán presentarse, por cuadriplicado exemplar,

nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debéndose presentar en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo o formato establecido no anexo I.

2. Cando nalgunha solicitude figuren varios interesados as actuacións que dea lugar efectuaranse co representante que expresamente designen e no seu defecto co que figure no primeiro termo na solicitude.

3. A instancia deberá levar anexa da seguinte documentación:

a) Memoria do proxecto segundo o modelo establecido no anexo II, ó que se poderá xunta-la documentación complementaria que se considere oportuna.

b) Fotocopia do DNI ou outro documento identificativo oficial do solicitante ou solicitantes que promovan o proxecto.

c) Currículum vitae do solicitante ou solicitantes que promovan o proxecto, destacando neles aqueles aspectos máis relevantes en relación co proxecto presentado. Previamente á resolución de admisión, o Igape poderá requirir ós candidatos admitidos a acreditación das circunstancias indicadas no currículum vitae.

Artigo 7º.-Confidencialidade.

Os emprendedores terán garantida a confidencialidade de toda a información que comuniquen ó Instituto sobre o seu proxecto agás aquela que sexa indispensable para realiza-las actividades de formación, titoría e seguimento de proxectos, así como para a elaboración de estudios e para a investigación, de acordo coa Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento dos datos de carácter persoal.

Artigo 8º.-Prazo de presentación.

Poderán presentarse solicitudes para acollerse ás axudas previstas na presente orde a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado á execución do programa, circunstancia que será obxecto de adecuada publicidade no DOG e no taboleiro de anuncios do Igape.

Artigo 9º.-Emenda e mellora de solicitudes.

Na fase de instrucción do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados, requirindo o interesado ou interesados para que, se é o caso, emende a falta, acompañe e mellore os documentos preceptivos no prazo máximo de dez días, con indicación de que se así non o fixera, terase por desistido da súa petición, arquivándose

sen máis trámite de acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

Artigo 10º.-Criterios de avaliación para o proceso de formación e titoría.

Unha vez completa e examinada a solicitude, o Igape citará os promotores dos proxectos a unha entrevista na que un comité de admisión designado polo Instituto e formado por un mínimo de tres membros e un máximo de seis, avaliará a idoneidade do proxecto en relación co programa Lanza.

Na fase de admisión dos proxectos de empresa avalarianse os seguintes factores:

a) Actividade. Este aspecto será determinante á hora de aceptar un proxecto para participar no programa, valorándose, en xeral, aqueles proxectos que aproveiten recursos endóxenos da zona de implantación, introduzan novas actividades, complementen sectores básicos da zona ou melloren a cadea de valor de sectores tradicionais.

En particular, terán preferencia aqueles proxectos dos que a súa actividade pertenza a algún dos sectores que se relacionan seguidamente:

1. Silvicultura, madeira e actividades industriais ou de servicios relacionadas.

2. Pesca, acuicultura e actividades industriais ou de servicios relacionadas.

3. Agricultura, gandería e actividades industriais ou de servicios relacionadas.

4. Industria en xeral.

5. Loxística e distribución.

6. Novas tecnoloxías da información e telecomunicación.

7. Servicios de apoio industrial.

8. Turismo.

9. Artesanía.

10. Servicios de carácter social, sanitario e educativos.

b) Capacidades persoais do promotor ou promotores. Neste sentido prestarase especial atención ós antecedentes profesionais e empresariais do promotor/es, así como ós coñecementos específicos que poida/n ter sobre o sector de actividade do seu proxecto. Tamén, se terá en conta a idade dos promotores, dando preferencia ós menores de 40 anos.

c) Nivel de viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto presentado.

d) Grao de innovación do proxecto. Neste apartado valorarase, fundamentalmente, o ámbito da innova

ción (productivo, comercial ou de organización) e o seu espacio competitivo (local, provincial, rexional, estatal ou internacional).

e) Zona de implantación do proxecto. Primaranse aqueles proxectos que se localicen en territorios que sufran procesos de reconversión dun sector de actividade ou con altos niveis de desemprego ou que a súa economía se fundamente na actividade do sector primario.

f) Xeración de postos de traballo. Valorarase a capacidade de xeración de emprego do proxecto a medio/longo prazo.

Artigo 11º.-Resolución.

Rematado o estudio de cada proxecto e acreditadas, se é o caso, as circunstancias indicadas no/nos currículum vitae, o comité de admisión emitirá un informe, de acordo cos criterios indicados no artigo 10º, elevándoo ó director xeral do Igape para a súa resolución.

A resolución de concesión incluirá a designación do titor do proxecto, o lugar e data de inicio do curso, se procede, e establecerá as obrigas económicas, que se detallan no artigo 19º da presente orde, de observancia obrigatoria para a participación no programa Lanza.

A resolución de concesión deberá ser expresamente aceptada polo beneficiario quen deberá comunicar fidedignamente dita aceptación no prazo de quince días hábiles desde a notificación. A aceptación deberá ser acompañada polo resgardo da fianza á que se fai referencia no artigo 19º da orde. O incumprimento destes requisitos entenderase como unha renuncia á participación do programa, arquivándose a solicitude sen máis trámites.

O prazo máximo para resolve-la solicitude de apoio do programa Lanza será de tres meses, no caso de non terse dictado resolución no dito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

A resolución non porá fin á vía administrativa, podendo interporse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda.

Capítulo III

Do proceso de formación e titoría

Artigo 12º.-Titor.

O titor será unha entidade ou un profesional de recoñecido prestixio, estreitamente vinculados ó sector productivo da economía galega e que terá como misión apoiar ós emprendedores na elaboración do plan de empresa e informa-lo Igape sobre a evolución deles.

Artigo 13º.-O plan de empresa.

O plan de empresa é un documento subscrito polo emprendedor ou emprendedores que reflicte cun alto grao de desenvolvemento o deseño e formulación

do proxecto de empresa. Este documento estructurarase en:

-Un plan estratéxico que cubre un horizonte de 3 a 5 anos e serve para orienta-lo futuro da empresa.

-Un plan operativo que cubre un horizonte de 12 meses e constitúe un instrumento de xestión e control das operacións a desenvolver na futura empresa.

O plan de empresa deberá definir como mínimo:

-A estratexia da empresa, indicando os productos ou servicios que ofrecerá ós seus clientes, os mercados nos que actuará a empresa, así como a tecnoloxía que se vai utilizar.

-A estructura da empresa, reflictindo os investimentos necesarios tanto en fixo como en circulante, o persoal que se vai contratar e a súa organización, así como os recursos financeiros necesarios e formas de obtelos.

-Os obxectivos de negocio (vendas, custos, resultados), de investimentos, de recursos humanos e o equilibrio financeiro da empresa.

-Os plans operativos de investimento/financiamento, marketing, loxística e producción e administración e finanzas.

Para que o plan de empresa, unha vez elaborado, teña validez ante o Igape deberá contar co informe favorable do titor asignado ó proxecto e ser aprobado, posteriormente, polo Igape.

Artigo 14º.-Titoría de acollida.

Unha vez que aceptasen a resolución de admisión e constituída a fianza á que se fai referencia no artigo 19º, o promotor ou promotores do proxecto concertarán a primeira reunión ou titoría de plan de empresa co seu titor. Esta reunión denomínase titoría de acollida e ten por obxecto:

-Avalia-lo estado de maduración do proxecto por parte do titor.

-Determina-lo plan de traballo conxuntamente cos promotores.

Artigo 15º.-Formación.

Os beneficiarios admitidos para a fase de formación asistirán a un curso de formación empresarial estructurado nos seguintes contidos:

-Deseño da empresa.

-Elaboración dos programas operativos (comercial, financeiro e recursos técnicos e humanos).

-Administración e control do proxecto empresarial.

-Nocións básicas de fiscalidade, contratación e contabilidade.

-Simulación empresarial.

Se o proxecto presentado está promovido por máis dunha persoa, o Igape decidirá que promotores poderán asistir á fase de formación, cun máximo de dúas persoas por proxecto.

O curso realizarase, preferentemente, as fins de semana co obxecto de facilita-la asistencia dos interesados. Estes deberán asistir como mínimo ó 70 por cento da duración do curso, pois, en caso contrario, perderán o dereito a continuar no programa Lanza e a fianza prevista no artigo 19º da presente orde.

Ante a imposibilidade de asistir con regularidade ás sesións do programa de formación e con obxecto de non incorrer nas penalizacións indicadas no parágrafo anterior, o beneficiario ou beneficiarios deberán comunicar por escrito ó Igape a renuncia a participar no curso indicando os motivos que xustifiquen tal decisión.

Artigo 16º.-Titorías de plan de empresa.

Os beneficiarios admitidos para a fase de titoría de plan de empresa contarán coa asistencia dun titor que lles axudará a desenvolve-lo plan de empresa do seu proxecto.

As titorías consistirán en reunións co titor co obxecto de:

-Facilita-la asimilación de habilidades e coñecementos adquiridos polos promotores dos proxectos na fase de formación.

-Axudar ós emprendedores a aplicar nos seus proxectos as habilidades e coñecementos en temas de empresa, pasasen ou non pola fase de formación e,

-En xeral, resolver dúbidas e guia-los emprendedores na elaboración do seu plan de empresa.

Artigo 17º.-Prazos para a execución dos plans de empresa.

Os beneficiarios deberán entregar 3 copias do plan de empresa no Igape realizado conforme as directrices marcadas polo titor do proxecto e co informe favorable deste, nun prazo non superior a:

-3 meses a partir do día de finalización do curso de formación empresarial no caso de que algún dos emprendedores do proxecto participase no mencionado curso.

-4 meses a partir da primeira reunión co titor do plan de empresa ou titoría de acollida, no caso de que ningún dos emprendedores do proxecto participase no curso de formación empresarial.

Os promotores do proxecto, co visto e prace do seu titor, poderán solicitar unha prórroga no prazo de entrega do plan de empresa, para o que deberán

dirixir un escrito ó director xeral do Igape motivando as causas obxectivas que xustifican o aprazamento.

Todos aqueles participantes no proceso de formación e/ou titoría que respectasen os prazos arriba sinalados, así como cumpridos os requisitos indicados nos artigos 13º e 15º da presente orde recibirán un certificado acreditativo de que participaron no Programa Lanza.

Artigo 18º.-Titorías de implantación do plan de empresa.

A partir da data de presentación no Igape das tres copias do plan empresa validadas polo titor, o Instituto porá á disposición dos beneficiarios, polo período de nove meses, un titor que os asistirá en:

-Da-los primeiros pasos na posta en marcha da empresa, especialmente os orientados á xestión e organización dos recursos necesarios para o inicio da actividade.

-A xestión das axudas financeiras ou doutro tipo que, se é o caso, poida merece-lo proxecto.

Capítulo IV

Da fianza e obrigas dos beneficiarios

Artigo 19º.-Fianza.

Xunto coa aceptación da resolución de concesión os beneficiarios deberán aporta-lo resgardo de que constituíron na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda unha fianza por importe de 30.000 pesetas para garanti-lo cumprimento das súas obrigas.

A fianza será devolta contra a entrega no rexistro do Igape, dentro dos prazos previstos no artigo 17º da presente orde, de 3 exemplares do plan de empresa co informe do titor asignado a este e o visto e prace do director da Área de Innovación, Formación e Información do Igape.

Artigo 20º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Asistir a máis do 70 por cento da duración da acción formativa, sempre e cando fosen admitidos para participar nela.

b) Entregar tres copias do plan de empresa, informado favorablemente polo titor asignado ó proxecto, nos prazos previstos na presente orde.

c) Contestar ós requirimentos que o Igape realice co obxecto de comprobar ou amplia-la información achegada polos solicitantes.

O incumprimento destas obrigas implicará a perda da fianza, así como a perda dos beneficios do programa.

O alcance do incumprimento será determinado en función do grao e da entidade da condición cumprida.

Capítulo V

Da condición de Proxecto Lanza

Artigo 21º.-Certificación de Proxecto Lanza.

Unha vez que os beneficiarios entregasen o plan de empresa conforme os artigos 13º e 17º da presente orde, este será valorado por un comité que avaliará as capacidades empresariais dos promotores e a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto co obxecto de cualificalo ou non como Proxecto Lanza para efectos dos beneficios que para este tipo de proxectos poida establece-lo Igape nas súas convocatorias de axudas e subvencións.

O comité de avaliación emitirá unha proposta resultado da avaliación, elevándoa ó director xeral do Igape para a súa resolución.

A resolución de cualificación incluirá o título do proxecto, a atividade e os nomes dos emprendedores que subscribisen o plan de empresa.

Disposición adicional

Corresponde ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación das accións recollidas na presente orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aqueles participantes en accións relativas ó Programa Lanza de convocatorias anteriores que non presentasen no seu día o plan de empresa disporán dun prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente orde para solicitar ó Igape a expedición da certificación á que se refire o artigo 21º, debendo xuntar á solicitude tres copias do plan de empresa informadas polo seu titor.

Disposición derrogatoria

Sen prexuízo do establecido na disposición transitoria primeira da presente orde, queda derrogada a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 24 de febreiro de 1997, pola que se establece o programa de fomento de emprendedores de iniciativas empresariais, Programa Lanza.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3831