Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 28 de abril de 1998 Páx. 4.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1998 pola que se convoca un curso sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Incidencia práctica no réxime local.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 1998, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Incidencia práctica no réxime local, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.- Obxectivos.

Actualización de coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial referencia ás peculiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.- Destinatarios.

Persoal da Administración xeral ó servicio das entidades locais, pertencentes a grupos C, D ou asimilados.

Terceira.- Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial de instancia que figura ó final da convocatoria, e cubrir en tódolos epígrafes. Cando solicite o curso máis dun interesado da mesma corporación, o responsable do persoal poderá especifica-la orde de preferencia. No caso de que non se especifique, a EGAP aplicarálle-los criterios de selección ós que se fai referencia na base sétima.

2. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección será motivo de exclusión automática.

Cuarta.- Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública e presentaranse no rexistro da EGAP, polígono das Fontiñas s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas, e do procedemento administrativo común.

Seguidamente efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos.

Quinta.- Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais, contados a partir da data de publicación da convocatoria.

Sexta.- Selección.

Os criterios de selección, dirixidos a concilia-las necesidades da organización na que prestan servicios os aspirantes e os intereses individuais destes, terán en conta a maior relación do posto de traballo desem

peñado co contido do curso. Terán preferencia aqueles que non realizasen ningún curso de similares características ó convocado.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto), pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP.

Sétima.- Modificacións.

A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailo contido do curso anunciado para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A EGAP reserva para si a facultade de anula-lo curso se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Fíxase en 15 o número mínimo de asistentes.

Oitava.- Desenvolvemento.

8.1. Duración: 21 horas.

8.2. Lugar: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra.

8.3. Datas: tódolos martes e xoves laborables, comprendidos entre o 2 e o 23 de xuño.

8.4. Horarios: das 17 ás 20 horas.

8.5. Prazas: 30 en cada localidade.

Novena.- Certificado de asistencia.

Outorgaráselle-lo certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Décima.- Contido.

Dereitos e deberes dos cidadáns: análise dos artigos 35 e seguintes da Lei 30/1992. Actos e resolucións administrativas: estudio dos actos presuntos (certificación e silencio administrativo). A revisión da actuación da Administración: revisión de oficio e recursos: o recurso ordinario. Referencia á vía contenciosa. A responsabilidade dos funcionarios públicos. Innovacións na nova normativa de procedemento administrativo. Incidencia da normativa en materia de procedemento administrativo no réxime local: formación da vontade dos órganos colexiados; tramitación e documentación dos acordos; recursos. A nova Lei de réxime local de Galicia. Vixencia do ROF. Uso da lingua na Administración local. Problemática xurídica: dereitos e obrigas dos funcionarios. A Lei 5/1988, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

3637