Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 22 de abril de 1998 Páx. 4.152

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión y Operaciones Portuarias, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Gestión y Operaciones Portuarias, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-3-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, o 6-3-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que figura nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de marzo de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a empresa Gestión y Operaciones Portuarias, S.L.

Texto do convenio

I. Normas Xerais.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais e económicas da empresa Gestión y Operaciones Portuarias, S.L. e os seus traballadores.

Artigo 2º. Ámbito persoal.

1. Como traballadores, afecta á totalidade dos traballadores fixos.

2. Igualmente afecta ós traballadores fixos discontinuos, ou ós que eventualmente se contratasen.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP e a súa vixencia será ata o 31 de decembro de 1999, prorrogándose tacitamente por períodos anuais sempre que non sexa denunciado, exceptuándose no relativo á táboa salarial, que será revisada anualmente.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes, con dous meses de antelación como mínimo, poderá denuncia-lo convenio por escrito, a través dos seus representantes legais ante a autoridade laboral competente.

Será indispensable, para os efectos de formalizar tal denuncia, a comunicación por escrito desta de calquera das partes á outra.

Efectuada a indicada denuncia, o disposto neste convenio subsistirá, mesmo fóra da súa duración, ata a entrada en vigor da nova normativa que o substitúa.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio formarán un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto previsto no artigo 90.5º do Estatuto dos traballadores, aplicarase o que resolva a xurisdicción competente, de non alcanzarse previamente un acordo entre as partes.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la aplicación do presente convenio créase unha comisión paritaria, segundo establece o artigo 85.2º do Estatuto dos traballadores, a cal estará composta por igual número de membros entre as partes asinantes.

A composición será de dous membros por cada parte.

Poderán asistir ás sesións da comisión paritaria, con voz pero sen voto, os asesores que as partes consideren conveniente, cun máximo de dous por cada parte.

II. Condicións laborais.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo máxima será de 40 horas semanais, de luns a venres.

A xornada queda establecida cos seguintes horarios:

Xornada partida: 8 a 13 horas e 15 a 18 horas.

1ª intensiva: 8 a 14 horas.

2ª intensiva: 14 a 20 horas.

Xornada nocturna: 23 a 7 horas.

Artigo 8º.-Vacacións.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio desfutarán cada ano de 30 días naturais e retribuídos segundo o salario mensual.

As quendas de vacacións serán rotativas.

A empresa establecerá por cada centro de traballo ou dependencia o cadro de vacacións do persoal afecto a ela, coidando de que os servicios queden debidamente atendidos, e porcurando acceder ós desexos daquel. As incompatiblidades serán resoltas outorgando preferencias de xeito rotativo.

As vacacións desfrutaranse dentro do ano natural correspondente.

Dará dereito a vacacións o tempo servido na empresa, así como os períodos de suspensión de contrato debidos a ILT.

O salario correspondente ó período vacacional será o mesmo que lle corrrespondería ó traballador estando de servicio no mesmo período.

As vacacións non se iniciarán en domingo ou día festivo.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo do aviso e con xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e polo tempo que se indica a seguir:

a) 15 días hábiles en caso de matrimonio.

b) 2 días hábiles en caso de nacemento de fillo/a e 4 días en caso de desprazamento a outra provincia.

c) 2 días hábiles en caso de enfermidade grave de familiares de ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade (4 días en caso de desprazamento a outra provincia).

d) 2 días hábiles en caso de falecemento de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (4 días en caso de desprazamento a outra provincia).

e) 1 día por cambio de domicilio.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

En todos estes casos, o traballador terá dereito a percibi-lo 100 % do salario correspondente á súa categoría profesional, e aboarase na nómina do mes no que se produzan as ditas licencias.

Artigo 10º.-Excedencia.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia. Concederase pola designación ou elección dun cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó do cesamento no cargo público.

2. O traballador, con polo menos unha antigüidade dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto se é por natureza coma por adopción, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai e a nai

traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que o citado período sexa computado para efectos de antigüidade. Rematado este e ata o remate do período de excedencia, serán de aplicación, salvo pacto colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

4. Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente voluntario conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 11º.-Festas anuais.

As festas que cada ano desfrutarán os traballadores serán as que estableza a autoridade laboral no calendario correspondente da localidade respectiva.

Artigo 12º.-Dereitos sindicais.

Aplicarase o que dispón e regula a vixente Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 13º.-Réxime disciplinario.

As partes acordan que nesta materia se aplicará o disposto no Estatuto dos traballadores.

III.Condicións económicas.

Artigo 14º.-Estructura retributiva.

Fíxase a estructura retributiva na seguinte forma:

A) Salario mensual.

B) Salario día e horas extraordinarias.

C) Plus de transporte.

D) Pagas extraordinarias.

A) Salario mensual.

O salario mensual correspondente ás distintas categorías de persoal reflíctese no anexo I do presente convenio.

B) Salario día e horas extraordinarias.

Inclúese no anexo II do presente convenio.

C) Plus de transporte.

Establécese o aboamento diario dun plus de transporte de 600 pesetas por día laborable.

D) Pagas extraordinarias.

O traballador percibirá nos meses de xuño e decembro unha paga extraordinaria polo importe do salario mensual.

Artigo 15º.-Roupa de traballo

Os medios de protección persoal, simultáneos para os traballadores, serán de uso obrigatorio e establécense para a súa entrega segundo relación:

- Un par de botas de punteira de protección.

- Un par de botas altas.

- Un par de botas de media cana.

- Roupa de auga.

- Dúas fundas de traballo e unha chaqueta e pantalón.

- Un par de luvas de goma.

- Un par de luvas de la.

- Unha peza de roupa de abrigo.

Artigo 16º.-Seguridade e hixiene.

A empresa en cada caso, estará obrigada ó exacto cumprimento sobre seguridade e hixiene no traballo, co obxecto de facer efectivo o dereito do traballador a unha protección eficaz.

Así mesmo, aplicarase o previsto na Lei de prevención de riscos laborais 31/1995, do 8 de novembro.

Artigo 17º.-Formación.

As partes conveñen na necesidade prioritaria de establecer uns plans permanentes de formación profesional dos traballadores. Constituirase unha comisión bipartita pola empresa e os traballadores para avaliar e potencia-las necesidades formativas.

Tódalas accións formativas deberán garantírlle-la igualdade de oportunidades a tódolos traballadores.

Os cursos de formación impartiranse, preferentemente e sempre que sexa posible, fóra da xornada de traballo.

ANEXO I

Táboa salarial

Grupos e categoríasSalario mensual/ptas.

I Administrativos

Xefe de negociado136.690

Oficial administrativo120.666

Auxiliar administrativo92.172

II Servicios varios

Encargado de operacións149.600

Especialista132.000

Peón110.000

ANEXO II

Salario díaXornada diurnaXornada nocturna

Especialista6.000 ptas.9.000 ptas.

Peón5.000 ptas.7.500 ptas.

Horas extraordinariasNormalNocturna

I Administrativos.

Xefe de negociado1.500 ptas.1.800 ptas.

Oficial administrativo1.350 ptas.1.600 ptas.

Auxiliar administrativo1.050 ptas.1.250 ptas.

II Servicios varios.

Encargado de operacións1.000 ptas.1.250 ptas.

Especialista850 ptas.1.100 ptas.

Peón700 ptas.1.000 ptas.

2796