Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 21 de abril de 1998 Páx. 4.131

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DA COMARCA DO RIBEIRO

BASES da convocatoria da praza de xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca do Ribeiro.

En cumprimento do establecido na Lei de Galicia 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e de conformidade co acordo adoptado polo Padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca do Ribeiro, na reunión do día 5 de decembro de 1997, convócanse probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, unha praza de xerente para facerse cargo da xestión da dita fundación.

As condicións específicas do contrato de traballo así como as funcións que terá que realiza-lo xerente da fundación, estarán á disposición dos interesados na sede da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, sita na estrada Santiago de Compostela-Noia Km 3. A Barcia (Santiago de Compostela).

I. Requisitos xerais:

-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.

-Ser maior de 18 anos.

-Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida desempeña-las funcións correspondentes.

-Acreditar titulación superior ou experiencia demostrable de polo menos, dous anos nun posto semellante, indistintamente.

-Dispoñer do carnet de conducir.

II. Condicións específicas das prazas:

a) Aptitudes para o posto:

-Natureza sociable.

-Carácter dinámico.

-Capacidade de traballo.

-Capacidade de liderado.

-Dispoñibilidade para mobilidade xeográfica.

b) Coñecementos específicos para cubrir este posto:

-As regulacións legais que afectan ó modelo de desenvolvemento comarcal.

-Metodoloxías e planificación estratéxica do desenvolvemento comarcal.

-Xestión de programas de desenvolvemento local e creación de emprego.

-Xestión e administración de fundacións de interese galego e de institucións sen finalidade de lucro.

-Estructura social e económica da Comarca do Ribeiro.

c) Coñecementos complementarios:

-Acredita-lo coñecemento da lingua galega.

-Posuír e acredita-lo coñecemento de informática a nivel usuario.

III. Documentación que hai que presentar:

-Fotocopia DNI.

-Currículum vitae xunto coa documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite os coñecementos, méritos e a titulación ou experiencia esixida.

-Escrito de solicitude.

IV. Lugar e prazo de presentación:

-As solicitudes presentaranse nas dependencias da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dirixidas ó conselleiro delegado desta socie

dade, sita na estrada Santiago de Compostela-Noia, Km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela.

-O prazo de presentación será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

V. Proceso de selección:

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión seleccionadora publicará as listas previas de admitidos e excluídos, coa motivación da exclusión, se é o caso; establecerase un prazo de cinco días hábiles para que, por petición do interesado, se poida reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos e fixarase o lugar e data en que comezarán as probas. Os candidatos deberán asistir provistos do DNI. Estas listas publicaranse no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. As probas de selección consistirán en:

a) Valoración do currículum vitae. Para a valoración do currículum teranse en conta os seguintes criterios:

CriteriosPuntuación

máxima

1. Responsabilidade na xestión de fundacións ou empresas, cooperativas, asociacións e outras institucións (grupos de cotización á Seguridade Social 1 ou 2) (puntuación 0,2/mes).4

2. Promoción e xestión de programas comunitarios (puntuación 0,1/mes).1

3. Promoción e xestión de iniciativas de desenvolvemento (puntuación 0,1/mes).1

4. Coñecemento da língua galega (cursos de iniciación e perfeccionamento).0,5

5. Coñecemento de informática.0.5
Puntuación total7

A puntuación máxima que se poderá acadar na valoración do currículum é de 7 puntos.

b) Proba tipo test de coñecementos específicos sobre os contidos que se recollen no apartado II b). A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 10 puntos.

Unha vez valoradas as probas anteriores, a comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia a lista provisional dos resultados, e incluirá o lugar e data en que se realizarán as entrevistas persoais ós cinco candidatos que acaden maior puntuación.

c) Entrevista persoal. A puntuación máxima que se poderá obter por este concepto é de 5 puntos.

3. Unha vez rematado todo o proceso anterior, a comisión de selección publicará os resultados no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1998.

Andrés Precedo Ledo

Presidente do Padroado da Fundación