Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 21 de abril de 1998 Páx. 4.104

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 10 de febreiro de 1998 pola que se convoca o I Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os

artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Por outra banda, o artigo 1.3º da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, permite a posibilidade de iniciar expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma no período de prórroga destes, e unha vez aprobado o proxecto de orzamentos sempre que exista crédito axeitado e suficiente neste, co beneficio que isto supón para o administrado ó evitarse unha demora nas actuacións administrativas previas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o I Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primera.- Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

I Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 98.

I. Participantes:

Poderán participar neste certame tódolos grupos e solistas galegos ou residentes en Galicia.

II. Condicións xerais:

1. O número máximo de compoñentes de cada grupo será de oito.

2. Os participantes terán como máximo 30 anos de idade, cumpridos no ano 1998. No caso dos grupos, poderán superar esta idade un de cada catro compoñentes.

3. Os participantes non poderán ser profesionais, entendendo por tal, manter relación contractual con algunha compañía discográfica.

4. Cada grupo ou solista poderá presentar un máximo de tres obras, cunha duración máxima de catro minutos cada unha. Deberanse gravar por separado en cintas de casete, sendo obrigatorio polo menos que unha delas sexa en galego.

5. A temática é libre.

6. Os solistas ou grupos poderán emprega-los instrumentos musicais que precisen, achegándoos eles mesmos, coa excepción da batería, que a achega a organización.

7. As cintas casete presentaranse cada unha nun sobre pechado, figurando no exterior o lema elixido polo grupo ou solista. Presentarase, ademais, outro sobre pechado, no exterior do cal figurará o lema, e no interior o boletín de inscrición e maila documentación que se indica no anexo III.

8. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións:

1. Os participantes deberán envia-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II xunto cos sobres pechados referidos anteriormente ó Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser a:

Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales, 20-entreplanta, 36203 Vigo e

r/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra

antes do 15 de xuño de 1998.

IV. Desenvolvemento:

O xurado seleccionará os autores e as obras que considere de máis calidade para actuar na fase final que terá lugar en Lalín (Pontevedra), o día 31 de xullo de 1998.

A organización farase cargo dos gastos do equipo de son e luces.

Ós finalistas entregaráselles en concepto de axuda por gastos de desprazamento e manutención a cantidade de 15.000 ptas. para os solistas e 30.000 ptas. para os grupos.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos grupos ou solistas participantes seleccionados para a fase final nas distintas modalidades dun diploma que acredite a súa participación neste I Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 98.

V. Premios:

Establécense os premios seguintes:

Modalidade solistas:

1º premio: 50.000 ptas. e gravación, edición de compact disc single de 20 minutos de duración (e mantemento durante os días de gravación).

2º premio: 25.000 ptas.

Modalidade grupos:

1º premio: 100.000 ptas. e gravación, edición de compact disc single de 20 minutos de duración (e mantemento durante os días de gravación).

2º premio: 75.000 ptas.

Accésit: existirán como máximo 3 por cada unha das modalidades, de:

Solistas: 20.000 ptas. cada un.

Grupos: 50.000 ptas. cada un.

Celebrarase un Concerto Xuventude 98 en lugar e data por determinar, no que se procederá á entrega dos compact disc ós primeiros clasificados.

VI. Xurado:

O xurado será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, por proposta da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra, e estará composto por persoas cualificadas no campo da canción e da expresión musical. A secretaría recaerá nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A súa decisión será inimpugnable.

3247