Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 21 de abril de 1998 Páx. 4.085

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 26 de marzo de 1998 pola que se publica o regulamento e o calendario para as seccións de feiras do libro de 1998.

As feiras do libro, dentro das feiras culturais reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos de ampla raigame en Galicia e de crecente importancia como promotoras do libro e da lectura entre a poboación galega. O seu continuo éxito e o conseguinte aumento de actividades e mellora de programación require a continua adecuación das normativas e regulamentos que rexen estes eventos, de forma que o seu tamaño cada vez maior e complexidade non resulte unha menor efi

ciencia, senón unha máis ampla capacidade de organización e de servicios.

O citado decreto estipula, no seu artigo 4º que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo deberá publicar no primeiro trimestre de cada ano o calendario de feiras que realizarán os seus servicios.

Cómpre, pois, publica-lo regulamento e calendario de acordo co citado decreto.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este regulamento é de obrigado cumprimento por tódolos participantes nas feiras do libro que se celebrarán no ano 1998.

Artigo 2º

Os libreiros aspirantes a participar nas feiras do libro, farán a inscrición na sede da Federación de Libreiros de Galicia, nas condicións tradicionais dela.

Os editores que desexen participar nestas feiras farán a súa inscrición na sede da Asociación Galega de Editores.

Artigo 3º

A orde de admisión, para tódalas feiras, terá a preferencia seguinte:

A. Os libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e que leven un ano asociados á Federación de Libreiros de Galicia. A estes efectos o libreiro que non faga fronte, na data de presentación, a máis de dous recibos, durante o ano, será considerado como non federado, para efectos da súa participación nas feiras do libro, aínda que despois sexan feitos efectivos.

B. As editoriais galegas membros da Asociación Galega de Editores.

C. Os libreiros do resto de Galicia que reúnan as mesmas condicións cós do apartado A.

D. Os restantes libreiros e editores de Galicia.

E. Libreiros do resto do Estado que teñan establecemento aberto ó público permanentemente e editores que acudan con todo o seu fondo editorial, sen venda a prazo e cun catálogo que a comisión técnica considere suficientemente amplo, e sempre que exista dispoñibilidade de casetas.

Artigo 4º

O prazo de presentación de solicitudes para participar en calquera das feiras que se convoquen, pecharase ós 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación desta orde, exceptuando as feiras de Ordes e de Santiago de Compostela.

Artigo 5º

Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel que corresponderá ó nome da firma solicitante, e non poderá ser cedida nin arrendada a outra persoa ou entidade e tendo obrigatoriamente que contar con varios fondos diferenciados, ningún dos cales poderá supera-lo 50% do espacio dedicado a exposición. No caso das editoriais deberán levar fondos propios ou fondos galegos. No caso de fondos que leven en distribución non poderán superar en ningún caso o 50% do espacio dedicado a exposición.

Artigo 6º

Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas, será advertido pola comisión organizadora da correspondente feira ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ó seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, perdendo tódolos dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereitos a compensacións.

Artigo 7º

Na solicitude deberá constar, claramente, o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo, e, se é o caso, número de Rexistro de Librerías ou número de asociado á Asociación Galega de Editores. Tódalas solicitudes deberán presentarse cunha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente.

Os editores que desexen participar nas feiras do libro, deberán achegar coa solicitude de inscrición o catálogo de fondos que van expoñer e vender.

Artigo 8º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, farase unha relación de participantes e determinarase, no caso de que houbera máis solicitudes aceptadas que casetas, quen quedará excluído. Esta exclusión farase, no caso dos libreiros, sempre por sorteo, entre as solicitudes presentadas en cada grupo. O número de invitacións realizadas pola comisión técnica non poderá exceder do 5% do total delas, salvo no caso de que o número de solicitudes sexa insuficiente para cubri-lo número total de casetas.

Artigo 9º

Seleccionado o número de participantes, adxudicarase o número de orde da caseta, que estarán numeradas do número 1 en diante. Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola comisión organizadora dela, quen decidirá a situación das casetas institucionais ou as posibles seccións que se poidan decidir por interese da feira

ou promoción do libro galego. Dentro desa orde de colocación delas farase sempre por sorteo.

Artigo 10º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para celebrar algunha feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión dela pola comisión técnica. Se é o caso, esta suspensión será notificada por escrito pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ó director da feira correspondente e ós solicitantes.

Artigo 11º

Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas cercanías desta non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para ela. Queda, así mesmo, prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara ós outros feirantes.

A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola comisión organizadora da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá tódolos dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

Artigo 12º

Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ó libro e ó seu contido.

Artigo 13º

Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen o público, e que os participantes atendan ó público desde o exterior das casetas, co fin de acada-la necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento, poida supor un compromiso para os visitantes.

Artigo 14º

Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ó remate da feira, repoñendo pola súa conta o material que sufrira deterioración, imputable a unha mala utilización.

Artigo 15º

En cada caso, será a comisión técnica quen estudiará tódolos incidentes que se susciten, así como a súa gravidade, determinando as medidas que se adoptarán, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Artigo 16º

O calendario previsto para o ano 1998 de feiras do libro que serán celebradas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia e a Federación de Libreiros de Galicia

coa colaboración da Asociación Galega de Editores é o que segue:

Ordes: 23 de abril ó 26 de abril.

Santiago de Compostela: 2 de maio ó 10 de maio.

Lugo: 16 de maio ó 24 de maio.

Ourense: 30 de maio ó 7 de xuño.

Ponteareas: 12 de xuño ó 15 de xuño.

Ferrol: 15 de xuño ó 21 de xuño.

Vigo: 1 de xullo ó 10 de xullo.

Vilagarcía de Arousa: 16 de xullo ó 19 de xullo.

A Coruña: 1 de agosto ó 10 de agosto.

Pontevedra: 15 de agosto ó 23 de agosto.

Foz: 20 de agosto ó 23 de agosto.

Verín: 27 de agosto ó 30 de agosto.

Artigo 17º

A Consellería de Cultura, Comunciación Social e Turismo poderá, en función das solicitudes presentadas ou das propias necesidades das feiras, realizar variacións nas citadas datas. Nestes casos comunicaránselle-los cambios a tódolos interesados.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

2795