Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 20 de abril de 1998 Páx. 4.038

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 16 de abril de 1998 pola que se regulan axudas para fomento da contratación de seguros de acuicultura mariña do mexillón durante o ano 1998.

Mediante a Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, estableceuse un sistema de seguros agrarios combinados destinado a atende-las situacións que se viñan producindo no sector agrario ante as graves perdas económicas sufridas como consecuencia de condicións climatolóxicas adversas, enfermidades, etc.

A Xunta de Galicia, polo Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establecese para a comunidade autónoma as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios que lles permita facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas produccións. Así mesmo, o Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, establece no seu artigo 4, de conformidade co disposto no artigo 65 da Lei 3/1993, a obriga de dispoñer dun seguro que cubra os danos que poida experimenta-lo viveiro ou as perdas na producción cau

sadas por catástrofes naturais, así como a responsabilidade por danos a terceiros.

A orde do 17 de marzo de 1998, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, dispón que o ámbito de aplicación do Seguro de Acuicultura Mariña para o mexillón se estende a tódalas bateas de mexillón da Comunidade Autónoma de Galicia, que dispoñan da concesión correspondente, de acordo coa lexislación vixente.

A realidade galega en cuestión de seguros agrarios, e entre eles, o seguro de acuicultura mariña do mexillón amosa unha situación preocupante dada a escasa, por non dicir nula, extensión e contratación de seguros que lle garantan ós titulares de bateas de mexillón, situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con concesión vixente, fronte ás perdas económicas que poidan sufrir nas súas explotacións como consecuencia dos fenómenos naturais adversos, contaminación por marea negra e mareas tóxicas.

Co fin de atender esas necesidades, e de conformidade coas normas referenciadas, díctase a presente orde de axudas para a contratación do seguro agrario de acuicultura mariña do mexillón, de xeito que, por un lado se potencie a introducción do precitado seguro no sector do mexillón, e por outro se reduza o custo relativo das primas del, todo isto a través da liña de subvención que se establece nesta disposición.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 57/1994, do 4 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Durante o ano 1998, poderán beneficiarse das axudas establecidas pola presente orde os asegurados titulares de bateas de mexillón situadas o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan da concesión correspondente de conformidade coa lexislación vixente, e que están obrigados a subscribir pólizas de seguro de acuicultura mariña do mexillón e cumpran o establecido na presente orde.

Artigo 2º

A subscrición do seguro realizarase unicamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguro autorizados, todo isto na forma establecida a teor da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa aplicable.

Artigo 3º

A axuda que vai concede-la Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura á contratación do Seguro de Acuicultura Mariña para o mexillón, consistirá nunha porcentaxe da subvención outorgada, para o mesmo fin, pola Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa). Para o ano 1998 a porcentaxe será do 56%.

Artigo 4º

O importe da axuda que vai paga-la Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será deducida do importe da prima que vai aboa-lo tomador no momento de subscribi-la póliza.

As cantidades así descontadas serán aboadas pola Comunidade Autónoma e Agroseguro, contra certificacións de liquidacións e sempre de acordo co procedemento que se estableza no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e Agroseguro.

O convenio establecerá, entre outros, os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntarlle a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectua-las comprobacións oportunas por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura antes de realiza-los pagamentos.

Artigo 5º

O financiamento das axudas para o fomento da contratación do seguro realizarase para o exercicio 1998 con cargo ó concepto orzamentario 12.02.614B.773.0.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o secretario xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións considere necesarias no desenvolvemento da presente orde.

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

2797