Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 16 de abril de 1998 Páx. 3.911

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 24 de marzo de 1998 pola que se dictan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º de acordo co 149.1º, 7 da Constitución española, recolle como competencia propia desta Comunidade Autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, asumíndose os servicios e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ó Traballo.

Na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 regúlase a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social de traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

A dita norma adecúa a regulación destas axudas consonte as novas causas de extinción de contratos de traballo previstas nos artigos 51 e 52 c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

No Decreto 106/1994, do 21 de abril, establécese o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que poderá concede-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ó que se axustarán as ordes anuais da convocatoria delas, baixo os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia de acordo co dis

posto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º-Finalidade.

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria, para o exercicio 1998, do programa de axudas previsto no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na orde do Ministerio de Traballo e Seguridad Social do 5 de outubro de 1994 (BOE nº 253, do 22 de outubro) sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

2. As subvencións reguladas pola antedita orde teñen por obxecto facilitarlles unha cobertura económica ós traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, sempre que cumpran os requisitos e condicións nela esixidos, en tanto non accedan á situación de xubilación, na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

3. A solicitude, tramitación e concesión de axudas da presente orde axustaranse ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no antedito decreto.

4. As axudas amparadas por esta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 13.03.473.0., do programa 214A Administración das relacións laborais, e financiaranse con cargo á consignación de créditos que como consecuencia da distribución territorial anual efectué a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a este tipo de axudas as empresas afectadas por procesos de reestructuración producidos por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores, para aqueles traballadores que afectados polos ditos procesos vexan extinguida a súa relación de traballo, logo de conformidade expresa e individual de cada un deles, sempre que estes, ó acaden a idade ordinaria para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, no réxime da Seguridade Social de encadramento, teñan ou puidesen ter cuberto o período de cotización esixido para causar dereito á citada pensión de xubilación no dito réxime, e estean en alta ou situación asimilada nel mesmo, e teñan 60 anos de idade, real ou teórica por aplicación dos coeficientes reductores da idade, como mínimo, cando accedan ó sistema destas axudas.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda previa á xubilación ordinaria será do 75% do resultado de dividir entre sete a suma das bases de cotización de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, excluídas as horas extraordinarias, correspondentes ós seis meses anteriores á data de efectividade dela, sen que en ningún caso poidan supera-la pensión máxima establecida no réxime xeral da Seguridade Social para o ano en que teña lugar a dita efectividade.

2. Esta axuda só poderá percibirse ata un máximo de cinco anos. A contía da axuda correspondente ó primeiro ano de percepción será a que resulte de aplica-lo disposto no número anterior. Para o segundo e sucesivos anos, a dita contía incrementarase acumulativamente de acordo coas previsións de incremento do índice de prezos ó consumo do ano en que teña efectividade. Non obstante, as empresas poderán acordar cos seus traballadores complementos adicionais sobre a referida contía, sempre que o exceso resultante dela sexa aboado integramente por aquelas, podendo solicitar que estes complementos sexan capitalizados conxuntamente coas axudas, e neste caso serán aboados pola entidade xestora correspondente.

Artigo 4º.-Cotización do traballador á Seguridade Social.

Para os efectos da determinación da base de cotización á Seguridade Social que lle corresponda ó traballador durante o período en que dure a súa xubilación previa á ordinaria, seguiranse os criterios fixados no artigo 2 da citada orde ministerial.

Artigo 5º.-Financiamento.

O financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social, corresponderálle nun 60% á empresa solicitante, e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.473.0 cunha dotación inicial de 140.299.411 pesetas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1998.

A participación da empresa poderá supera-la dita porcentaxe, sempre que exista previa conformidade dela.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda serán formalizadas polas empresas en instancia individualizada, segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais atendendo ó lugar onde radique o seu centro de traballo, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude deberase xunta-la seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada, conforme a lexislación vixente:

a) Nos supostos dos despedimentos colectivos regulados polo artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a

que sexa requirida en cada caso, a teor do disposto no Real decreto 43/1996, do 19 de xaneiro polo que se regulan os procedementos de regulación de emprego para a aplicación do Estatuto dos traballadores, para acredita-la existencia de causa económica, técnica, organizativa ou de producción, e que figura no anexo I desta orde.

b) Nos supostos previstos no artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores acreditarase de forma que faga fe o cumprimento dos requisitos previstos nos apartados a) e c) do artigo 53.1º do dito texto legal, ós que se xuntará o acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, no que deberá constar expresamente o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda ó seu cargo na forma e prazos establecidos legalmente; será esencial para a adopción da medida de xubilación anticipada a acreditación de forma que faga fe do consentimento do traballador de acollerse a ela e cesa-la súa relación laboral na empresa, dándose por integrados neste acordo os documentos que se requiren con carácter xeral nos parágrafos d) e e) seguintes.

O dito acordo, e para os únicos efectos de concesión da axuda de xubilación previa, poderá ser homologado pola autoridade laboral competente.

c) Relación dos traballadores para os que se solicitan as axudas, indicando con claridade as súas circunstancias persoais e laborais, número de afiliación á Seguridade Social, documento nacional de identidade e certificado de nacemento.

d) Documento no que se acredite a conformidade individualizada dos traballadores afectados, de acollerse a estas axudas.

e) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de3 realiza-la súa achega o financiamento destas axudas, na forma e prazos que se establecen no artigo 10º desta orde e 7 da citada O.M.

f) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de lles anticipar ós traballadores as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses desde a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables a ela, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, logo de acreditación delas no momento de efectua-la súa achega.

g) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que consten os extremos seguintes:

-Que o traballador se encontre en alta ou en situación asimilada á alta no momento da solicitude da axuda.

-Que o traballador para o que se solicita a axuda teña cuberto o período de cotización establecido para ter dereito á pensión de xubilación ordinaria, computando tamén o período que puidese transcorrer desde a data da solicitude ata a data en que cumpra a idade ordinaria de xubilación.

Á dita certificación xuntaranse os boletíns TC/1 e TC/2 de cotización á Seguridade Social correspondentes ós seis meses anteriores á data en que deba comezar a percibi-la axuda o traballador.

h) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, sobre bonificación da idade que corresponda, se é o caso.

i) Calquera outra documentación que se considere esencial polo instructor do expediente ou pola comisión de valoración, para a avaliación e resolución das axudas.

Ás solicitudes presentadas outorgaránselle por rigorosa orde de entrada, un número correlativo.

Artigo 7º.-Instrucción.

O xefe do Servicio de Relacións Laborais da delegación provincial correspondente procederá a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores. De apreciarse algún defecto na documentación presentada, ou se fose esta insuficiente, o citado órgano instructor requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, efectúe as correcións oportunas ou achege os documentos preceptivos, con advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da referida Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.

1) Unha vez completados os expedientes, pasarán para o seu informe preceptivo á comisión de valoración que, unha vez estudiada cada solicitude e logo de consulta da existencia de crédito, efectuará proposta de resolución elevándolla ó correspondente delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Terán carácter prioritario as solicitudes presentadas por empresas radicadas en zonas nas que exista unha problemática sociolaboral máis apremiante.

2) Para os efectos do disposto no apartado anterior, a comisión de valoración estará composta polo xefe do Servicio de Relacións Laborais, que actuará como presidente, e serán vocais o secretario da delegación, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial, designado polo delegado.

3) Se por calquera causa no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e sempre que sexa posible o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có susbstituído.

Artigo 9º.-Resolución.

Unha vez emitido o preceptivo informe pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas de resolución polas correspondentes intervencións, a resolución das axudas corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no prazo máximo de 6 meses a partir da presentación da solicitude, de acordo co establecido no artigo 42.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se consignasen os correspondentes créditos pola Administración central do Estado, e notificaráselles ós interesados.

Non obstante, dada a natureza e as canles de financiamento deste tipo de axudas, segundo se recolle na disposición adicional segunda desta orde, con carácter excepcional e motivadamente poderán dictarse resolucións fóra do prazo legal que se di no parágrafo precedente, de conformidade co establecido no artigo 12.2º do Decreto 106/1994, do 21 de abril, excluíndose expresamente para os efectos xurídicos previstos no artigo 43.2º c) da lei anteriormente citada.

As resolucións dictadas polos delegados provinciais, xunto coas copias dos documentos contables que procedan, remitiranse á Dirección Xeral de Relacións Laborais para a súa tramitación de forma centralizada ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Artigo 10º.-Forma de ingreso das achegas con cargo á empresa e á Administración pública.

Dos custos totais das axudas concedidas, o 40 % será financiado pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e serán libradas por unha soa vez poñendo á disposición da Tesourería Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o seu aboamento.

O 60 % restante será a por conta da empresa solicitante, podendo efectua-lo ingreso da súa achega en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo as axudas, cun máximo de cinco. Nembargantes, poderá optar por realizar un único pagamento se así o manifesta por escrito á Tesourería Xeral da Seguridade Social, e deberá efectua-lo ingreso que lle corresponda dentro do prazo dos trinta días seguintes ó da súa notificación polo órgano xestor.

De acollerse ó financiamento por anualidades o ingreso correspondente á primeira delas deberá realizarse no prazo de trinta días naturais, a partir da notificación da concesión das axudas polo órgano xestor, presentando no mesmo prazo garantías suficientes en dereito, a xuízo da Tesourería Xeral da Seguridade Social, de acordo co previsto no artigo 10 da reiterada O.M., para responder do pagamento das obrigas pendentes. A validez destas garantías estenderase desde que os traballadores deban comezar a percibi-las axudas ata un ano despois do vencemento da anualidade que se garante, como mínimo. De prestarse a garantía mediante aval, utilizarase o modelo que figura no anexo II.

O prazo para o aboamento das anualidades restantes será dos trinta días naturais inmediatemente anteriores á iniciación da anualidade de que se trate.

O incumprimento por parte da empresa das obrigas contraídas no financiamento de axudas desta clase concedidas con anterioridade poderá motiva-la denegación de novas axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente orde será de aplicación unicamente dentro do exercicio económico de 1998, e as axudas terán, como límite global, o crédito asignado a esta Comunidade Autónoma na distribución territorial anual da Administración Central do Estado, correspondente ás axudas previas á xubilación ordinaria no sis

tema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

Non obstante o sinalado no parágrafo anterior e no artigo 5º desta orde, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá propoñe-la concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas na presente orde, ó abeiro do previsto no artigo 36.1º B) do Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, naqueles supostos de empresas galegas con problemas económicos e sociolaborais por excedentes de cadro de persoal, apremiantes e que polo seu obxecto se consideren de utilidade e interese social, e sempre que aquelas acrediten mediante un plan de viabilidade a súa permanencia no mercado.

Segunda.-Segundo se dispón no artigo 15.1º do citado Decreto 106/1994, do 21 de abril, o incumprimento, total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais de calquera Administración pública constituirá causa determinante de revogación da axuda e de reintegro total ou parcial dela polo beneficiario ou solicitante, de conformidade co disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de decembro de 1990, mediante acordo adoptado polo órgano competente, logo de informe da comisión de valoración e garantíndolle á audiencia ó interesado.

Igualmente extinguiranse estas axudas polas causas previstas no artigo 6 e consonte o procedemento fixado no artigo 9 da dita O.M.

Terceira.-Os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditaren mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas, sempre que aquela non se atope xa en poder da Administración.

Quinta.-En todo aquilo non disposto na presente orde, será de aplicación o establecido pola orde ministerial do 5 de outubro de 1994 e demais disposicións que lle sexán de aplicación.

Disposiciones derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1998.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1518