Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 16 de abril de 1998 Páx. 3.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 113/1998, do 2 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dos locais do Centro Municipal Homologado de Forcarei (Pontevedra), para a construcción dun centro de ensino secundario obrigatorio.

O Pleno da Corporación municipal de Forcarei, reunido o día 29 de agosto de 1997 acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dos locais do Centro Municipal Homologado desa vila para a construcción dun centro de ensino secundario obrigatorio.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos

nos que o Concello de Forcarei acordou a cesión, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dos locais do Centro Municipal Homologado de Forcarei.

A descrición dos anteditos bens é a seguinte:

Edificio instituto: sito en Forcarei, dunha superficie de 1.071 m. Linda: norte, rúa H e, en parte rúa tras do grupo escolar; sur e oeste, rúa tras do grupo escolar, e polo leste o edificio do grupo de educación infantil e primaria.

Figura inscrito no tomo 617, libro 77 de Forcarei, folio 216, inscrición 1ª. Predio rexistral nº 10.082.

Planta segunda dun edificio sito en Forcarei de 760 m. Linda: norte, rúa H; sur, rúa tras do grupo escolar; leste, rúa do Progreso e oeste, edificio instituto.

Figura inscrita no tomo 617, libro 77 de Forcarei, folio 219, inscrición 1ª. Predio rexistral nº 10.085.

Segundo certificación do Rexistro da Propiedade da Estrada do 10 de marzo de 1998 os anteditos bens figuran inscritos nese rexistro a favor do Concello de Forcarei, co carácter de bens patrimoniais.

Artigo 2º

Os inmobles cedidos destinaranse á construcción dun centro de ensino secundario obrigatorio.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición dos bens no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dous de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3102