Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 16 de abril de 1998 Páx. 3.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 112/1998, do 2 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 6.000 m, sito no lugar de Coirón da parroquia de Dena, Concello de Meaño (Pontevedra), para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal de Meaño, reunido en sesión extraordinaria o día 23 de setembro de 1997, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 6.000 m sito en Coirón-Dena (Concello de Meaño-Pontevedra) para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do Regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Meaño acordou a cesión, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 6.000 m, situado en Coirón-Dena (Concello de Meaño-Pontevedra) que linda: norte, Laureano Manuel García Ruibal; sur, Laureano Manuel García Ruibal e Concello de Meaño; leste, Concello de Meaño; oeste, José Carballo Domínguez.

O inmoble descrito foi presentado a liquidación atopándose pendente de inscrición ata que transcorra un ano desde a súa data, conforme o disposto no artigo 205 da Lei hipotecaria e 298 do seu regulamento.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro de educación secundaria en Meaño (Pontevedra).

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dous de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3101