Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 15 de abril de 1998 Páx. 3.845

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 26 de marzo de 1998 pola que se convoca a participación das corporacións locais na execución e desenvolvemento dos proxectos Guieiro e Achego, financiados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Fondo Social Europeo, dirixidos ó acceso e incorporación dos grupos sociais máis desfavorecidos ós dispositivos de integración social e inserción laboral e a facilita-los procesos de adaptación ou readaptación social e económica ou profesional dos emigrantes retornados, dos inmigrantes e das persoas ameazadas de procesos de exclusión.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúe, no seu artigo 27.23º, á Comunidade Autónoma, en coherencia co artigo 148.1.20 da C.E., competencias exclusivas en materia de acción social. Na súa virtude aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade cos decretos 347/1997, do 9 de decembro e 351/1997, do 10 de decembro, polos que se establece, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos, así como no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, é o órgano da Xunta de Galicia ó que lle corresponde levar a cabo a política a seguir en materia de servicios sociais.

Neste eido, e de conformidade co disposto no artigo 26 da Lei 4/1993, de servicios sociais, correspóndelle a planificación xeral dos servicios sociais coa finalidade de atender de xeito ordenado e global as necesidades, facer rende-los recursos dispoñibles e garanti-la calidade deles.

Por outra banda, a comunicación ós estados membros da Comunidade Europea do 10 de xullo de 1996 fixa as orientacións modificadas para os programas operativos ou as subvencións globais que os estados membros están invitados a presentar no marco dunha iniciativa comunitaria de emprego e desenvolvemento dos recursos humanos destinada a fomenta-lo crecemento do emprego, principalmente mediante o desenvolvemento dos recursos humanos.

As ditas modificacións recollen a introducción dun novo capítulo destinado a mellorar o acceso ó mercado de traballo e as posibilidades de emprego dos grupos vulnerables, denominado íntegra.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Dirección Xeral de Servicios Sociais presentou diante da UAFSE e esta acaba de aprobar e para a súa execución durante o bienio 1998-1999 o proxecto Guieiro dirixido á procura do acceso e

incorporación dos grupos sociais máis desfavorecidos ós dispositivos de integración social e inserción sociolaboral e o proxecto Achego encamiñado a facilita-los procesos de adaptación ou readaptación social e económica ou profesional dos emigrantes retornados, dos inmigrantes e das persoas ameazadas de procesos de exclusión.

Os programas que se van desenvolver axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Comunidade Autónoma de Galicia, e ó proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998.

Os ditos programas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.03.212D.461.0 e 11.03.212D.461.1, correspondentes ó proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 1998.

Consecuentemente co anterior, e facendo uso das atribucións e facultades conferidas, resolve publica-la seguinte convocatoria de acordo coas seguintes instruccións:

Artigo 1º.- Obxecto.

O obxecto da presente orde é convoca-la participación das corporacións locais á execución e desenvolvemento dos proxectos Guieiro e Achego, durante o bienio 1998-1999, financiados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Fondo Social Europeo, dirixidos ó acceso e incorporación dos grupos sociais máis desfavorecidos ós dispositivos de integración social e inserción laboral e a facilita-los procesos de adaptación ou readaptación social e económica ou profesional dos emigrantes retornados, dos inmigrantes e das persoas ameazadas de procesos de exclusión.

Artigo 2º.- Destinatarios e obrigas.

Poderán solicita-la súa participación na execución e desenvolvemento dos programas recollidos polos proxectos ós que se refire a presente orde, as corporacións locais da Comunidade Autónoma galega, de acordo cosas condicións que nela se regulan, asumindo, en todo caso, os compromisos que nela se dispoñen. En todo caso as corporacións locais participantes obríganse a:

Executa-las accións correspondentes ós proxectos deseñados de conformidade coa súa normativa reguladora.

Participar nas comisións mixtas de seguimento que se establezan e asistir a cantas reunións sexan convocadas co obxecto do seguimento e control da execución e desenvolvemento dos programas.

Facilita-lo seguimento dos correspondentes órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co fin de supervisa-lo cumprimento das obrigas contraídas e a calidade dos servicios dispensados.

Remiti-los informes e demais documentos que reclamen os órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre a execución dos programas obxecto da presente orde.

Facer constar na publicidade e información referente ós servicios ofertados polos programas obxecto da presente orde, a condición de cofinanciados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Fondo Social Europeo.

Artigo 3º.- Criterios de prioridade na valoración das solicitudes de participación:

a) Existencia de programas de inserción social ou sociolaboral dirixidos ó sector de persoas en situacións de exclusión social ou que se atopen en risco de exclusión social, que poidan ser complementarios dos proxectos Guieiro e Achego, e produzan sinerxias entre eles. Co fín de valorar debidamente a debida complementariedade especificaranse os créditos orzamentarios destinados polas respectivas corporacións locais solicitantes para tales fines e para o ano 1998.

b) Número de beneficiarios da renda de integración social de Galicia en proporción ó número de habitantes do ámbito territorial de aplicación dos proxectos, e outros indicadores que permitan a ponderación da problemática social relacionada coa poboación destinataria das accións dos proxectos e que se acrediten na solicitude.

c) A axeitada distribución territorial no ámbito provincial das actuacións que se van desenvolver na procura de experiencias que poidan ser transferidas respecto das distintas problemáticas socias existentes na Comunidade Autónoma galega.

d) No caso de municipios de menos de 20.000 habitantes, será requisito imprescindible a agrupación voluntaria de dous ou máis, manifestada a través dos acordos plenarios correspondentes, e nos que se comprometan a participar nun órgano conxunto de seguimento e avaliación da execución e desenvolvemento das accións previstas nos proxectos de actuación no ámbito territorial correspondente á dita agrupación, e que designará de común acordo a un dos concellos participantes responsable da xestión administrativa e económica dos proxectos e para o conxunto da agrupación.

Artigo 4º.- Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días contado a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde.

Artigo 5º.- Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude de participación e o resto da documentación que se require presentarase, de conformidade cos modelos normalizados, nos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.- Tramitación dos expedientes.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, os servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde, e procederán a reclamarlles por escrito ás corporacións locais solicitantes ou á corporación local que ostente a representación da agrupación voluntaria constituída, os datos, documentos e aclaracións que consideren necesarios para completa-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixera nun prazo de dez días, consideraranse desistidos da súa petición, arquivándose sen máis trámites segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, seranlle remitidos á comisión de valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación da solicitude de participación, segundo os criterios recollidos na presente orde.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: o director xeral de Servicios Sociais.

-Vocais: o subdirector xeral de Acción Social e o subdirector xeral de Administración e Inspección; actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do director xeral de Servicios Sociais. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

Si por algunha causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non poidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente dela e sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección que o substituído.

Artigo 7º.- Resolución.

1. A resolución das solicitudes de participación, por proposta da comisión de valoración, unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, corresponderalle ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

2. As resolucións de concesión seranlles notificadas ás corporacións locais. Por outra parte, as ditas resolucións poderán ser modificadas ou ampliadas, polo órgano competente, ante calquera alteración das condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 8º.- Xustificación e pagamento.

Unha vez dictada a resolución pola que se estima a participación nas actividades dos respectivos programas, procederase á xustificación e pagamento na forma en que se indica a continuación:

Ó abeiro do establecido no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para 1998, o pagamento

poderá efectuarse nos seguintes prazos:

1. Procederá a efectuarse pagamentos parciais ata o 80% da contía concedida na medida que as corporacións locais xustifiquen ter realizado un gasto equivalente mediante certificación do órgano competente.

2. O 20% restante farase efectivo no momento da completa xustificación pola corporación local correspondente do cumprimento da finalidade e das demais condicións para que a dita contía foi concedida.

En todo caso, a corporación local deberá expedir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da cantidade concedida, figurando o destino final para que foi concedida.

Artigo 9º.- Órganos de seguimento e avaliación.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a través da Dirección Xeral de Servicios Sociais efectuará o labor de seguimento da execución e desenvolvemento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións reguladoras deste tipo de actuacións sexan respectadas, e para este fín constituirase a correspondente comisión mixta de seguimento dos programas que estará integrada do seguinte xeito:

-Presidente: o director xeral de Servicios Sociais ou persoa no que este delegue.

-Vocais:

Pola Dirección Xeral de Servicios Sociais: o subdirector xeral de Acción Social.

Dous funcionarios da Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Polas corporacións locais: o alcalde-presidente ou persoa na que este delegue.

O concelleiro con competencias en materia de servicios sociais ou persoa na que este delegue.

Dous funcionarios nomeados polo órgano munipal competente.

No caso da agrupación voluntaria de municipios recollida na presente orde os representantes da Administración local necesariamente corresponderanse co concello sinalado como responsable da xestión administrativa e económica dos proxectos para o conxunto da agrupación.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Servicios Sociais que contará con voz pero sen voto.

As comisións mixtas de seguimento dotaranse das súas propias normas de funcionamento.

Disposición adicional

As solicitudes de participación poderán referirse a todos ou só a un dos proxectos de actuación referidos na presente orde de convocatoria.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1998.

José Mª. Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3108