Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 13 de abril de 1998 Páx. 3.804

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto denominado Planta para o tratamento de residuos sanitarios, promovido pola empresa Reciclados de Meirama, S.A. (Remesa) que se vai instalar no concello de Cerceda.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización ou, se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade, das abranguidas no anexo da devandita disposición.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do mencionado decreto, someteuse ó trámite de información pública o estudio de impacto ambiental mediante Resolución do 3 de outubro de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 209, do 29 de outubro de 1997.

Así mesmo, solicítase informe sobre o proxecto á Dirección Xeral de Montes e Medioambiente Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e ó organismo autónomo Augas de Galicia.

No citado trámite de información pública non se presentaron alegacións ó estudio de impacto ambiental.

No anexo I inclúese un resumo do proxecto.

Unha vez avaliado o estudio de impacto ambiental e a documentación relacionada co proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto denominado Planta para o tratamento de residuos sanitarios, promovido pola empresa Reciclados de Meirama, S.A. (Remesa).

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minorización dos posibles efectos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

1. Consideracións preliminares.

O proxecto promovido por Remesa ten como finalidade a esterilización mediante tratamento con vapor dos residuos sanitarios xerados na Comunidade Autónoma de Galicia, para convertelos en residuos estériles e, polo tanto, asimilables a residuos sólidos urbanos en canto ó seu tratamento.

1.1. A presente declaración de impacto ambiental refírese á Planta de Tratamento de Residuos Sani

tarios promovida por Remesa que se vai instalar no lugar de Monte A Areosa que aparece recollido nas normas urbanísticas do Concello de Cerceda como zona de polígono industrial, lugar no cal está instalada actualmente a empacadora de R.S.U. de Sogama.

Para o desenvolvemento desta actividade en calquera outra localización será necesaria unha nova declaración de impacto ambiental.

1.2. O promotor deberá te-la autorización de xestor de Residuos Tóxicos e Perigosos, así como utilizar camións autorizados para o transporte de tales residuos pertencentes ó grupo 6 do Regulamento de transporte de mercadorías perigosas por estrada (TPC). A identificación dos residuos realizarase do xeito indicado no R.D. 833/1988 e R.D. 952/1997.

1.3. O promotor deberá garantir documentalmente o destino final que se lles dará ós residuos clasificados como citotóxicos, presentando previamente á autorización de funcionamento da actividade un compromiso de recollida e eliminación deles por un xestor autorizado. Para os efectos do traslado destes residuos entre esta planta e o xestor final deles, o promotor aterase ó disposto pola Lei 20/1986, básica de residuos tóxicos e perigosos, Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 20/1986 e o Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o regulamento para a execución da Lei 20/1986.

1.4. O promotor estará suxeito ó establecido no Decreto 40/1997, do 21 de novembro, polo que se establece a normativa para a xestión dos residuos dos establecementos sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como ámbito de aplicación os residuos incluídos na clase II (residuos sanitarios asimilables a urbanos) e na clase III (residuos sanitarios especiais) que se produzan ou xestionen dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da actividade sanitaria.

2. Sobre o deseño da instalación.

2.1. A planta deberá dispor de instalacións illadas entre si para descarga dos contedores con residuos e carga dos contedores limpos para expedir cara ó centro sanitario.

Tódalas pezas e mecanismos da instalación susceptibles de mal funcionamento, avaría ou rotura que supoña a paralización total o parcial delas deberán estar duplicadas ou, pola contra, existir recambios in situ delas que permitan a súa substitución nun prazo de tempo o máis curto posible, co fin de evitar excesivas dilacións no tratamento dos residuos.

3. Medidas correctoras de protección ambiental.

3.1. Sobre a protección de augas e leitos.

Dado que pola parcela onde se proxectan as obras discorre o leito de río Rego das Cabancas, teranse en conta as seguintes condicións:

-En ningún caso se modificará ou se afectará á rede hidrolóxica da zona de actuación, agás que se dispoña de autorización expresa por parte do correspondente organismo de conca.

-Non se poderá depositar nin acumular no lugar nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados na explotación, que deberán ser levados á entulleira deseñada para ese fin, cos conseguintes permisos e autorizacións.

-No movemento de terras e demais dispositivos de obra civil terán en conta no seu deseño e execución que non se impida a axeitada drenaxe horizontal e vertical, permitindo o libre fluxo de auga, e evitando a formación de encharcamentos ou outras formas que dificulten a circulación da auga.

-Queda prohibido o vertido ós leitos fluviais de cemento proveniente do lavado de cubos ou outros materiais, sendo responsable o promotor dos danos que se puidesen producir por este motivo ó dominio público hidráulico.

-As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria, ó longo da obra ou en fase de explotación, levaranse a cabo sen riscos para a saúde ou o medio ambiente, debendo ser recollidos os seus residuos e entregados a un xestor autorizado. Especificamente, a xestión dos aceites empregados, ó tratarse de residuos clasificados como RTP, deberase facer de acordo co indicado nas ordes do 28 de febreiro de 1989 e do 13 de xuño de 1990, do anterior Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo.

-As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios e as augas de limpeza deberán ser levadas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

-Sempre que a actividade se desenvolva no ámbito territorial de Galicia-Costa, as concesións de auga e autorizacións de vertido e as súas condicións deberán ser tramitadas no organismo autónomo Augas de Galicia.

3.2. Sobre os residuos sólidos.

-Os residuos procedentes da explotación da instalación serán analizados de conformidade co exposto no estudio de impacto ambiental, para comproba-la súa desclasificación como residuos tóxicos e perigosos e, naqueles casos nos que os residuos non estean satisfactoriamente tratados, deberán ser reintroducidos na unidade de tratamento. Naqueles casos nos que se garanta a desclasificación dos residuos como RTP, estes recuperaranse ou eliminaranse de acordo co indicado nas Directivas 75/442/CEE (Lei 42/1975, do 19 de novembro, de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos e Real decreto lexislativo 1163/1986, do 13 de xuño, polo que se modifica a Lei 42/1975) e 91/689/CEE e segundo a Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

-O funcionamento da instalación deberá, en tódolos casos, evita-la presencia de material non esterilizado á saída dela. O promotor deberá, antes da posta en funcionamento da instalación, establece-las medidas técnicas e de deseño suficientes que garantan a desclasificación dos residuos.

-Os residuos, no caso da súa desclasificación, manteranse á parte e, co fin de facilita-la súa recuperación ou eliminación, aplicaranse as tecnoloxías apropiadas. O transporte e/ou almacenamento temporal dos residuos realizarase en contedores pechados hermeticamente e almacenaranse nun edificio pechado e de acceso restrinxido ata o momento da súa eliminación. Este edificio deberá ser diferente ó do almacenamento de contedores que se encontran en espera de ser tratados na planta.

3.3. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Sobre ruídos e vibracións prohíbese a superación de 70 dB(A) no exterior da instalación, a edificación na que se instale a planta estará obrigada a instalar elementos illantes tales como muros, tabiques, falsos teitos, etcétera, de tal forma que non se pase dos 70 dB(A) no dito ambiente exterior. En todo caso, tanto na fase de realización das obras como na explotación das instalacións, rexerá o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia 20-8-1997).

No interior da actividade deberán adoptarse aquelas condicións que establece a lexislación vixente sobre medidas de protección dos traballadores fronte ós riscos derivados da exposición ó ruído e sobre a prevención de riscos laborais.

3.4. Sobre os residuos líquidos.

-Os residuos líquidos que se poidan producir durante a operación da planta serán almacenados independentemente e sometidos a análise unha vez tratados na instalación deseñada para tal efecto, segundo consta no estudio de impacto ambiental.

Esta instalación deberá estar axeitadamente deseñada para poder tratar escapes accidentais de residuos hospitalarios líquidos que poidan producirse na planta. Deberase solicitar autorización ó órgano competente en materia de dominio público hidráulico para o seu vertido a leito público, se é o caso. Neste sentido, especifícanse nos puntos 5.3 e 5.3 do Plan de Vixilancia as condicións e documentación, se é o caso, requiridas para o efecto.

-Existirá unha rede de drenaxe de augas pluviais que evite o seu contacto coa zona de operación, independente do sistema de tratamento de augas residuais.

3.5. Sobre a calidade do aire.

Segundo o anexo II do apartado 3.1.1. do Decreto 883/1975 do 6 de febreiro, que desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico, esta instalación correspónde

lle ó grupo C do catálogo de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera.

Esta instalación deberá realizar, polo menos unha vez ó ano e segundo programas de autocontrois aprobado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, comprobación, por unha empresa colaboradora da Administración, de que cumpre cos parámetros de emisión lexislados:

SO: 1.700 mg/mN

CO: 1.455 ppm

Opacidade (Bacharach): 2

4. Sobre as instalacións.

A edificación ou edificacións nas que se vaia situa-lo sistema de esterilización deberán contar cun almacén de residuos biosanitarios proporcional á capacidade de xestión da planta e un laboratorio para realiza-las análises de control dos residuos tratados e das augas residuais producidas. O almacén de residuos biosanitarios deberá reuni-las seguintes condicións:

-Destinado só a esta finalidade.

-Pechado e de acceso restrinxido. Deberá evitarse, mediante un sistema de depresión interna e renovación do aire a través de equipos de filtración axeitados, a posibilidade de contaminación do exterior por emisións á atmosfera no caso de rotura ou baleirado dun contedor estanco.

-Dotado con luz eléctrica, auga corrente e sumidoiro. A instalación de auga deberá incluír un depósito de seguridade que garanta que no caso de rotura e/ou baleirado dun contedor, os seus vertidos non afectarán ó exterior das instalacións. O contido do depósito de seguridade deberá ser analizado antes do seu baleirado ó sistema de tratamento de augas residuais.

-Tanto o solo como as paredes acondicionaranse de forma que se garanta unha axeitada limpeza e desinfección.

-O tempo máximo de almacenamento dos residuos será de dous días para os residuos non refrixerados e de sete días para os mantidos a temperatura non superior a 5ºC, polo que deberá posuír unha cámara frigorífica para o caso de que se queiran mante-los residuos almacenados por tempos superiores ós dous días.

-Os residuos deberán atoparse en todo momento dentro de contedores herméticos que garantan a súa estanquidade e a imposibilidade de manipulación do interior por ningún axente externo. Deberase redactar un procedemento de emerxencia para a eventualidade de rotura e baleirado dun dos contedores. O devandito procedemento deberá ser sometido a aprobación por esta dirección xeral.

5. Plan de vixilancia ambiental.

Ademais do especificado no estudio de avaliación ambiental presentado, o promotor deberá remitirlle

á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, se é o caso, a seguinte documentación:

5.1. O promotor remitiralle a esta dirección xeral os documentos de control e seguimento e o aviso previo de traslado dos residuos de acordo coa lexislación vixente en materia de RTP.

5.2. Realizaranse, por parte dunha entidade colaboradora coa Administración, tódolos controis descritos no Es.I.A. relativos ó mantemento e inspección das instalacións e, en especial, as revisións e comprobacións do correcto funcionamento dos equipos e elementos de control do proceso de esterilización e dos dispositivos de seguridade. O informe correspondente a estes controis remitirase anualmente a esta dirección xeral.

5.3. Controlarase, na correspondente arqueta de rexistro (que terá capacidade suficiente para o seu control en situacións de emerxencia), a calidade dos efluentes que se incorporan á rede de saneamento. Para iso, a partir do inicio da actividade, efectuarase, durante os tres primeiros meses, unha mostraxe quincenal das características microbiolóxicas das augas residuais vertidas, pH e temperatura, e mensualmente o resto dos parámetros de vertido. Este informe remitirase mensualmente a esta dirección xeral. Despois dos primeiros tres meses, a mostraxe realizarase trimestralmente, remitíndose os resultados das análises a esta dirección xeral semestralmente.

Se a implantación da actividade se realiza antes de ser construída a infraestructura de saneamento do parque, deberase presentar un estudio onde se especifique a solución que se vai adoptar para as augas de limpeza (destino dos vertidos, características de tratamento, etcétera). Este estudio deberase presentar antes do inicio da actividade, sendo necesaria a súa aprobación por esta dirección xeral.

Non obstante, se a implantación da actividade se realizase unha vez construída a infraestructura do parque empresarial, deberanse respectar as condicións de vertido a rede que se impoñan ós usuarios do parque. Ó respecto, se é o caso, tamén se informará, logo do inicio das obras, a esta dirección xeral.

5.4. Deberase presentar un programa de control que defina as condicións que hai que adoptar (plan de procedemento), no caso de fugas ou vertidos ocasionais de augas contaminadas.

6. Condicións adicionais.

6.1. O titular da instalación estará obrigado a conservar durante cinco anos os documentos de control e seguimento. Estes datos terán que se reflectir nun libro de rexistro, que se manterá permanentemente actualizado e á disposición das autoridades competentes.

6.2. O promotor deberá fixa-los procedementos de descarga da instalación en caso de emerxencia, ben sexa total ou parcial, e o destino dos materiais obtidos nesta descarga, materiais que serán en todo momento considerados como RTP. O procedemento

deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, previamente á autorización da actividade.

6.3. O promotor poderá solicitar desta dirección xeral a revisión das medidas contidas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, implicasen modificacións importantes na actividade industrial ou os avances tecnolóxicos permitan mellores solucións. Nestes casos o promotor solicitará da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental achegando documentación técnica que xustifique as novas propostas, que en todo caso deberán permitir acada-los obxectivos e fins indicados na presente declaración.

6.4. O presente acordo non exime o promotor de solicitarlles tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

6.5. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 1998.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

A planta estará situada en lugar Monte A Areosa que aparece recollido nas normas urbanísticas do Concello de Cerceda como zona de polígono industrial, lugar no cal está instalada actualmente a empacadora de R.S.U. de Sogama.

A planta consta das seguintes zonas:

a) Área de descarga de residuos clínicos, na que se realizará a descarga dos envases procedentes de centros sanitarios, e área de descarga de contedores novos.

b) Zona de almacenaxe de contedores novos, dotada de equipos frigoríficos encargados de mante-la temperatura a 4ºC, e almacén xeral.

c) Zona de tratamento: inclúe os equipos de fragmentación e esterilización dos residuos. O equipo de fragmentación-esterilización e un conxunto compacto e pechado de funcionamento automático que se completa cos equipos de transporte cara á zona de compactación dos residuos estériles.

d) Área anexa.

e) Invernadoiro.

f) Zonas de servicio e control.

g) Laboratorio.

A capacidade de tratamento da planta é de 120 Kg/hora en dúas unidades de 60 Kg/h cada unha.

2608