Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 09 de abril de 1998 Páx. 3.752

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

A inclusión en anteriores leis de orzamentos de diferentes materias que aínda que situadas dentro dos límites que configuran o marco xurídico das normas desa natureza podrían en ocasións afecta-la claridade e a unidade temática do conxunto fai aconsellable separar da Lei orzamentaria do actual exercicio unha serie de medidas concibidas ó servicio da política económica xeral levada a cabo pola Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, concíbense de forma independente aqueloutras que modifican con carácter permanente o contido de leis que gardan relación co desenvolvemento desa política, representando un compoñente necesario para a súa mellor execución ou, noutros casos, revestindo o carácter de mecanismos de utilidade ó servicio da acción de goberno.

Nese sentido, agrupadas para unha mellor sistemática en títulos diferenciados por materias conexas e en disposicións adicionais, intégranse nesta lei normas reguladoras de distintos aspectos fiscais, orzamentarios, patrimoniais e da función pública da Comunidade Autónoma, así como de organización e xestión de entes públicos, Portos de Galicia, e

de organismos autónomos, Servicio Galego de Saúde e Augas de Galicia.

Dentro dese conxunto de normas cabería facer unha referencia singular, pola súa novidade no ordenamento xurídico galego, ás derivadas do exercicio das competencias normativas da Comunidade Autónoma en materia de tributos cedidos, entre elas as que se concretan no establecemento de deduccións sobre o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas, o de maior capacidade recadatoria do sistema impositivo, e na determinación do tipo aplicable á transmisión de bens inmobles no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Igual referencia, aínda que desde outra perspectiva, podería realizarse á creación por razóns operativas dunha entidade de dereito público á que se lle encomenda a planificación, o desenvolvemento e a xestión dos procesos informáticos de natureza tributaria, contable e, en xeral, de carácter económico-financeiro.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

TÍTULO I

Normas tributarias

Capítulo I

Impostos directos

Artigo 1º.-Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Un.-En exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión tributaria do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co disposto na letra b) do punto 1.º do apartado un do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, e no artigo 78 bis da Lei 18/1991, do 6 de xuño, apróbase, para o exercicio de 1998, a seguinte deducción da parte autonómica da cota íntegra do imposto sobre a renda das persoas físicas:

Por nacemento de fillos:

Por cada fillo nado no período impositivo que conviva co suxeito pasivo:

-20.000 ptas., cando se trate do primeiro ou do segundo.

-30.000 ptas., cando se trate do terceiro.

-40.000 ptas., cando se trate do cuarto.

-50.000 ptas., cando se trate do quinto e sucesivos.

Cando os fillos nados no período impositivo convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción que corresponda practicarase por partes iguais na declaración de cada un.

Se o período impositivo fose inferior ó ano natural, o importe desta deducción será o que proporcionalmente corresponda ó número de días que integran o dito período, agás no caso de falecemento.

Dous.-A práctica das deduccións á que se refire o punto anterior quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do orzamento de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

Capítulo II

Impostos indirectos

Artigo 2º.- Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

En exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e conforme o disposto no apartado catro do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, e o establecido na letra a) do punto 1 do artigo 11 do Real decreto 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo impositivo aplicable á transmisión de inmobles, así como a constitución e cesión de dereitos reais que recaian sobre bens inmobles, agás os dereitos reais de garantía, será do 7%.

Capítulo III

Taxas

Artigo 3º.-Taxa fiscal sobre o xogo.

En uso das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e conforme o disposto no apartado seis do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, modifícanse as tarifas recollidas no artigo 38 do Decreto 3059/1966, do 1 de decembro, que aproba o texto refundido de taxas fiscais, e as contidas no punto 4.Dous do artigo 3 do Real decreto-lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas, quedando establecidas as seguintes:

Un.-Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

1. Rifas e tómbolas.

a) As rifas e tómbolas tributarán con carácter xeral o 42% do importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.

b) As declaradas de utilidade pública ou benéfica tributarán o 18%.

c) Nas tómbolas de duración inferior a quince días organizadas con ocasión de mercados, feiras ou festas

de ámbito local nas que os premios nen excedan dun valor total de 10.000 pesetas o suxeito pasivo poderá optar entre satisface-la taxa de acordo co tipo do apartado a) ou ben a razón de 1.200 pesetas por cada día de duración en capitais de provincia ou poboacións de entre mil e cen mil habitantes, de 600 pesetas por cada día en poboacións de entre mil e cen mil habitantes e de 300 pesetas por cada día de duración en poboacións inferiores a vinte mil habitantes.

d) As rifas benéficas de carácter tradicional que durante os dez últimos anos viñan gozando dun réxime especial máis favorable tributarán só o 2% sobre o importe dos billetes distribuídos. Este beneficio limitarase ó número e ó importe dos billetes que se distribuían en anos anteriores.

2. Apostas.

O tipo será con carácter xeral o 8,5% do importe total dos billetes ou boletos vendidos.

3. Combinacións aleatorias.

Nas combinacións aleatorias o tipo será do 12% do valor dos premios ofrecidos.

Dous.-Taxa fiscal sobre os xogos de sorte, envite e azar.

1. Casinos de xogo.

Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

Porción de base impoñible comprendidaTipo aplicable

entre pesetasporcentaxe

Entre 0 e 224.620.00022

Entre 224.620.001 e 371.644.00038

Entre 371.644.001 e 741.246.00049

Máis de 741.246.00060

2. Máquinas recreativas e de azar.

A) Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 478.000 pesetas.

b) Cando se trata de máquinas ou aparellos automáticos tipo «B», nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

-Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a) anterior.

-Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 975.460 pesetas, máis o resultado de multiplicar por 2.360 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

B) Máquinas tipo «C» ou de azar.

Cota anual: 702.460 pesetas.

As cotas establecidas para as máquinas recreativas e de azar serán aplicables para os supostos de modificación do prezo máximo previstos no parágrafo

catro do artigo 3 do Real decreto-lei 16/1997, do 25 de febreiro.

TÍTULO II

Normas de réxime orzamentario

Artigo 4º.-Gastos plurianuais.

Modifícanse os puntos 1 e 3 do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que quedan redactados nos seguintes termos:

«1. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cas que a seguir se especifican:

a) Investimentos e transferencias de capital.

b) Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei.

c) Gastos en bens e servicios dos que a súa contratación, baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos das administracións públicas, non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo dun ano.

d) Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servicios da Comunidade Autónoma.

e) Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.

f) Activos financeiros.

g) Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios».

«3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), c), f) e g) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos traballos específicos e non habituais.

O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%.

Cando non, existise crédito inicial, a limitación do parágrafo anterior aplicarase sobre o crédito vixente. O total dos créditos comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas calculadas

sobre os créditos inciais, ós que se engadirán se é o caso, os procedentes de xeracións de crédito».

Artigo 5º.-Xeración de crédito.

Modifícase o punto 3 do artigo 69 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que terá a redacción seguinte:

«3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando este teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado que os cofinancien, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe».

Artigo 6º.-Fiscalización de contratos menores.

A aprobación de expedientes de gasto que correspondan a contratos menores estará sometida a fiscalización previa, excepto nos casos nos que a súa contía non exceda de 1.100.000 pesetas, suposto no que unicamente será necesaria para a súa tramitación a existencia de crédito adecuado e suficiente e o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 57 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

TÍTULO III

Normas en materia de función pública

Artigo 7º.-Situación de servicios especiais.

Modifícase o punto 15 do artigo 52 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que terá a redacción seguinte:

«15. Cando sexan nomeados membros do Consello de Contas de Galicia».

Artigo 8º.-Permisos.

Modifícase a letra f) do punto 1 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactada nos seguintes termos:

«f) Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu cuidado directo algún menor de seis anos, unha persoa de idade avanzada que requira especial dedicación ou un diminuído psíquico ou físico que non desempeñe actividade retribuída terá dereito á unha diminución dun tercio ou un medio da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións».

Artigo 9º.-Modificación do réxime do persoal funcionario e estatutario.

Un.-Os funcionarios de carreira e o persoal estatutario das diferentes administracións públicas que

de acordo co seu réxime retributivo teñan dereito á percepción de complemento de destino correspondente ó nivel do posto de traballo, que desempeñen ou desempeñasen postos na Administración da Xunta de Galicia, agás como persoal eventual, comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, consolidarán, con efectos económicos desde a aprobación desta lei, o grao persoal correspondente ó nivel de complemento de destino 30, sempre que pertenzan ó grupo A; noutro caso terán dereito a percibi-lo importe equivalente ó dito nivel, en lugar do que puidese pertencerlles conforme o grupo que corresponda.

Así mesmo, nas condicións sinaladas no parágrafo anterior, os funcionarios e o persoal estatutario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que, conforme a normativa que lles é aplicable, estean excluídos da posibilidade de consolida-lo grao persoal terán dereito a percibi-lo importe equivalente ó nivel 30 de complemento de destino.

Para obter esta consolidación ou o recoñecemento do dereito a percibi-lo importe equivalente ó nivel 30 debéronse desempeñar estes postos durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción, a partir do primeiro de xaneiro de 1982.

Dous.-A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia acreditaralles ós funcionarios de carreira e ó persoal estatutario das distintas administracións públicas, a partir do seu ingreso nela e mentres manteñan esta situación, os dereitos establecidos no apartado anterior ós que, durante dous anos continuados ou tres con interrupción, desempeñasen posto de alto cargo noutra administración pública, sempre que esta lles recoñeza dereitos análogos ós funcionarios da Administración da Xunta de Galicia.

Tres.-A acreditación dos dereitos referidos nos apartados precedentes levarase a cabo por resolución da Dirección Xeral da Función Pública.

TÍTULO IV

Normas de organización e xestión

Artigo 10º.-Director do ente público Portos de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 9 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que quedará redactado do seguinte xeito:

«2. Será nomeado polo conselleiro competente en materia de portos, por proposta do presidente da entidade, entre técnicos de recoñecida experiencia».

Artigo 11º.-Competencias da Administración hidráulica.

Modifícase a letra a) do punto 1 do artigo 4 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Admi

nistración hidráulica de Galicia, que quedará redactada da forma seguinte:

«a) A ordenación e a concesión dos recursos hidráulicos en tódalas concas comprendidas integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma, así como o outorgamento de autorizacións e o exercicio do réxime sancionador para o vertido en leitos públicos e desde terra ó litoral galego, ou para a utilización ou o aproveitamento do dominio público hidráulico e da policía de augas e leitos nas devanditas concas».

Artigo 12º.-Competencias de Augas de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 7 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. Dentro da competencia da Administración autonómica, correspóndelle ó ente autónomo Augas de Galicia:

a) A elaboración, o seguimento e a revisión dos plans hidrolóxicos.

b) A administración e o control do dominio público hidráulico.

c) A administración e o control dos aproveitamentos hidráulicos.

ch) O proxecto, a construcción e a explotación de obras hidráulicas.

d) A autorización das obras e instalacións de vertidos desde terra ás augas do litoral galego e o exercicio das funcións de policía sobre eles.

e) O exercicio de calquera outra función que lle sexa atribuída polo Consello da Xunta de Galicia».

Artigo 13º.-Réxime xurídico de Augas de Galicia.

Modifícase o artigo 8 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 8º

Augas de Galicia, como organismo autónomo de carácter administrativo, ten personalidade xurídica e patrimonio propios e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, de acordo con esta lei e coa lexislación xeral sobre entidades autónomas que lle é aplicable. En consecuencia, pode adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear calquera tipo de bens do seu patrimonio, concertar créditos, subscribir contratos, contratar e explotar obras e servicios, obrigarse, interpoñer recursos e exercita-las accións previstas polas leis. Os seus actos e resolucións son susceptibles de ser impugnados mediante a interposición de recurso ordinario ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, agás o previsto nesta lei».

Artigo 14º.-Atribucións do presidente de Augas de Galicia.

Modifícase a letra a) do artigo 12 da Lei 8/1993,

do 23 de xuño reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que terá a redacción seguinte:

«a) Outorga-las autorizacións e concesións relativas ó uso e aproveitamento do dominio público hidráulico e tamén as referentes ó réxime de policía das augas e dos seus leitos e dos aproveitamentos hidráulicos de competencia da Xunta de Galicia, así como as autorizacións de vertido de augas residuais desde terra ó litoral galego».

Artigo 15º.-Réxime sancionador da Administración hidráulica.

Modifícase o punto 1 do artigo 32 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«1. A Administración hidráulica de Galicia sancionará as infraccións administrativas ó réxime xeral do dominio hidráulico de competencia da Comunidade Autónoma, así como as relativas ós vertidos de augas residuais efectuados de terra ó mar».

TÍTULO V

Normas de réxime patrimonial

Artigo 16º.-Permuta de bens inmobles.

Modifícase o artigo 29 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que terá a redacción seguinte:

«Artigo 29º

1. Os bens inmobles da Comunidade Autónoma poderán ser permutados por outros, logo de taxación pericial e xustificación da súa conveniencia, sempre que a diferencia no seu valor non fose superior ó 50% do que o teña máis alto.

2. Corresponderalle autoriza-la permuta a quen, por razón da contía, fose competente para acorda-lo alleamento.

3. A disposición que autorice a permuta levará implícita, se é o caso, a desafectación do inmoble do que se trate e a declaración de alienabilidade».

Artigo 17º.-Cesión de bens patrimoniais.

Modifícase o artigo 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que quedará redactado como segue:

«Artigo 30º

1. Os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia Administración poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, en favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

2. O acordo de cesión, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, expresará a finalidade concreta á que as entidades beneficiarias deben destina-los bens, así como as súas condicións.

3. Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixasen de estalo con posterioridade, se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Gomunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

4. A Consellería de Economía e Facenda poderá compraba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e iniciará os expedientes de reversión que procedan».

Artigo 18º.-Adscrición de bens patrimoniais.

Modifícase o artigo 31 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 31º

Os bens patrimoniais da Comunidade Autónoma, as súas rendas, froitos ou productos poderán ser adscritos a organismos autónomos ou outros entes dependentes da súa administración para o cumprimento dos fins específicos que determine o acordo de adscrición».

Artigo 19º.-Explotación dos bens patrimoniais.

Modifícase o artigo 63 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 63º

1. Se o Consello da Xunta dispuxese que a explotación se encomende a particulares mediante contrato, aprobará as bases do concurso, que será convocado e resolto pola consellería titular da xestión patrimonial. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o establecido no apartado anterior, o Consello da Xunta poderá acorda-la adxudicación directa da explotación de bens patrimoniais cando concorran circunstancias que así o aconsellen, logo de xustificación razoada no expediente».

Disposicións adicionais

Primeira.-Modificación do réxime xurídico e retributivo do persoal sanitario.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes, a dicta-las disposicións e adopta-los acordos que afecten o réxime xurídico e retributivo do persoal sanitario funcionario pertencente ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares que sexan necesarios

para a implantación da nova ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e, en particular, a deseña-lo tránsito do actual réxime xurídico funcionarial ó réxime xurídico propio do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, garantindo o principio de voluntariedade na integración e con respecto ó status funcionarial tanto do persoal que se integre coma do non integrado, e sen prexuízo da adecuación funcional, territorial e retributiva dos postos de traballo pertencentes á clase de matronas titulares.

Segunda.-Servicio Galego de Saúde. Persoal.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Terceira.-Declaración de utilidade pública e urxente ocupación.

Decláranse de utilidade pública as infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais que o Consello da Xunta aprobe conforme o procedemento sinalado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

A aprobación definitiva polo Consello da Xunta dun plan ou proxecto sectorial levará implícito o recoñecemento en concreto da utilidade pública e a urxente ocupación para efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a execución das infraestructuras, dotacións e instalacións, sempre que o promotor o solicitase e o proxecto inclúa a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos de necesaria expropiación.

Cuarta.-Declaración de utilidade pública.

Para os efectos do artigo 9 da Lei de expropiación forzosa declarense de utilidade pública:

1. As obras necesarias para a construcción e rehabilitación de edificios destinados a alberga-los servicios, instalacións, organismos, entes ou institucións dependentes da Comunidade Autónoma no seu ámbito territorial.

2. As obras dos encoros de Caldas de Reis, para a regulación do río Umia, e de Acheiro, para a regulación da conca do río Anllóns.

Quinta.-Creación do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

Un.-Créase o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O seu obxecto será o desenvolvemento de proxectos e aplicacións informáticas, a súa xestión, planificación, supervisión, asesoramento e coordinación, así como a subministración dos equipos necesarios para levar a cabo os procesos informáticos da Xunta de Galicia de natureza tributaria, contable, orzamentaria e económico-financeira, e, en xeral, os relacionados cos anteriores.

O CIXTEC adscríbese á Consellería de Economía e Facenda.

Dous.-O CIXTEC actuará, en nome propio e por conta da Xunta de Galicia, no exercicio das funcións que lle confire esta lei. Desempeñará as ditas funcións gratuitamente e de xeito exclusivo no ámbito da Consellería de Economía e Facenda, no cal se entenderán incluídas as entidades oficiais colaboradoras daquela.

O CIXTEC axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico privado salvo cando exercite potestades administrativas. Neste suposto estará sometido á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás demais normas administrativas de xeral aplicación.

Nas súas actividades de contratación aplicaráselle a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, de acordo co artigo 1.3 desta.

Tres.-Os órganos de goberno do CIXTEC serán o consello de dirección, o presidente e mailo director.

O consello de dirección estará composto por un número impar de membros da Consellería de Economía e Facenda, cun mínimo de tres e un máximo de sete. Será presidido polo presidente do CIXTEC ou pola persoa en quen delegue.

O presidente do CIXTEC será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.

O director será nomeado e destituído polo consello de dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación.

Catro.-O persoal ó servicio do CIXTEC poderá ser contratado en réxime de dereito laboral, ser fun

cionario ou asimilado ó servicio da Administración da Xunta de Galicia adscrito ó citado ente.

Pertencer ó consello de dirección non xerará dereitos laborais.

Cinco.-A Consellería de Economía e Facenda dispoñerá dos fondos informáticos xestionados ou depositados no CIXTEC para o exercicio das súas competencias. Así mesmo, o CIXTEC poderá facilitarlles ás restantes consellerías, se así o solicitasen, aqueles fondos informáticos directamente relacionados coas competencias de cada unha delas, sen prexuízo do disposto na normativa aplicable respecto da adecuada utilización da dita información.

Seis.-O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, aprobará o estatuto do CIXTEC e determinará o momento do inicio da súa actividade. No citado estatuto regularanse, cando menos e de conformidade co previsto nesta lei, as funcións, os órganos, a composición e as atribucións destes, así como o réxime económico, patrimonial e de persoal do ente.

Disposición transitoria

Única.

Un.-A tarifa fixada no punto 1 do apartado dous do artigo 3 desta lei producirá efectos sobre os ingresos brutos obtidos durante o ano 1998.

Dous.-Os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre os xogos de sorte, envite e azar presentarán autoliquidación no primeiro período de pagamento fraccionado que se abre trala entrada en vigor desta lei pola diferencia entre as cotas fixas establecidas no artigo 3 e as cotas vixentes o 1 de xaneiro, procedendo ó seu ingreso en pagamentos fraccionados trimestrais da seguinte maneira:

a) Os pagamentos trimestrais xa vencidos á entrada en vigor desta lei, no primeiro período do ingreso que se abra tras ela, de acordo co disposto no punto 5 do artigo 3 do Real decreto-lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas.

b) Os restantes pagamentos trimestrais, en cada un dos correspondentes períodos de ingreso non vencidos, segundo o sinalado no punto 5 do artigo 3 do Real decreto-lei 16/1977, mencionado na letra anterior.

Disposición derrogatoria

Única.

Queda derrogado o capítulo II da Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, polo que

se crea o recargo sobre a taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, así como todas aquelas referencias que se fan na lei a aquel no capítulo III, de disposicións comúns.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Un.-Terán vixencia permanente os artigos 2, 3, 4, 5, 7, 8, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18 e 19 e maila disposición adicional quinta desta lei.

Dous.-O restante contido normativo terá vixencia exclusiva para o exercicio de 1998.

Segunda.

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei, que entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente