Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 07 de abril de 1998 Páx. 3.573

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de marzo de 1998 pola que se suprime un posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello de Poio (Pontevedra).

Por orde desta Consellería da Presidencia e Administración Pública do 13 de xaneiro de 1997 (Diario Oficial de Galicia nº 23, do 4 de febreiro de 1997), modificouse a clasificación dos postos de Secretaría e de Intervención do Concello de Poio (Pontevedra), ámbolos dous postos reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, quedando establecida en clase segunda.

Con respecto ó posto de Tesourería, tamén reservado a funcionarios/as de habilitación nacional, o Pleno da Corporación adoptou o acordo de modifica-la relación de postos de traballo (RPT) no sentido de que sexa desempeñado por un dos seus funcionarios/as debidamente cualificados/as e, consecuentemente, a súa supresión en canto reservado á habilitación nacional.

En relación co acordo adoptado pola entidade, o R.D. 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no seu artigo 2.f), con referencia ós portos de Tesourería das corporacións locais clasificadas en clase segunda que non estean agrupadas con outras para efectos de soster en común un posto único de Intervención, establece que será a RPT a que determine a reserva a habilitados/as nacionais ou se é desempeñado por un/unha funcionario/a da propia Administración local.

Na súa virtude, vista a proposta do Pleno do Concello de Poio, esta Consellería da Presidencia e Administración Pública, de conformidade co previsto no R.D. 1732/1994, do 29 de xullo, e no artigo 159.1º do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e no uso da competencia atribuída polo Art. 13.2º.17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Suprimi-lo posto de Tesourería do Concello de Poio (Pontevedra), reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, que será desempeñado por un/ha funcionario/a da corporación de conformidade coa súa RPT.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto no artigo 58 da Lei reguladora de xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, logo

de comunicarllo a esta consellería segundo o previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2976