Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 06 de abril de 1998 Páx. 3.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 17 de marzo de 1998 pola que se establecen normas para a asignación de cantidades de referencia suplementarias de leite da reserva nacional.

O Regulamento (CEE) 3950/92, do consello, do 28 de decembro, autoriza os estados membros a concederlles ós productores que se comprometan a abandonar definitivamente unha parte ou a totalidade da súa producción de leite unha indemnización que se pagará nunha ou varias anualidades, e a alimenta-la reserva nacional coas cantidades de referencia liberadas deste modo.

O Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime de taxa suplementaria, prevé, no seu artigo 15, a realización de plans nacionais de abandono voluntario da producción leiteira e que unha parte da cota liberada en cada Comunidade Autónoma poda ser reasignada entre os gandeiros da correspondente comunidade e, no seu artigo 10, a posibilidade de liberar, con cargo ós recursos financeiros das comunidades autónomas, cantidades de referencia para, a través da reserva nacional, serlles asignadas ou reasignadas ós productores por proposta da mesma comunidade.

O Real decreto 154/1996, do 2 de febreiro, establece un plan nacional de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira, instrumentado en Galicia de acordo co convenio de colaboración previsto na disposición adicional segunda do devandito decreto e asinado entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes o 3 de maio de 1996.

Por outra banda, o artigo 25 do Real decreto 1888/1991, do 30 de decembro, establece que cando durante dous períodos consecutivos un productor entregara ou vendera directamente leite por debaixo do 75% da súa cantidade de referencia, poderá perde-lo seu dereito á cantidade de referencia non utilizada, que pasará á reserva nacional, e o artigo 13 do Real decreto 324/1994 prevé que as cantidades de referencia de productores que non comercializaron leite nin outros productos lácteos durante un período de 12 meses engadiranse á reserva nacional. En caso de que o productor reinicie a producción antes de que remate o período seguinte, concederáselle unha cantidade de referencia de acordo co artigo 11.

A aplicación de ámbalas disposicións ós productores de leite durante o período de cotas 1996/97 deu orixe a certas cantidades existentes actualmente na reserva nacional de cotas lácteas que convén distribuír entre productores que reúnan determinadas condicións, en razón do disposto no precitado Real decreto 324/1994 e de acordo cos criterios establecidos no R.D. 1888/1991.

Pola súa vez, o Real decreto 174/1998, do 16 de febreiro, establece as normas xerais de reparto das cantidades de referencia existentes na reserva nacio

nal de cotas lácteas como consecuencia da aplicación das disposicións relativas á non comercialización de leite e productos lácteos, tendo en conta o cumprimento das esixencias do Real decreto 1679/1994, do 22 de xuño, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos e o disposto no artigo 7 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

De acordo coa dita normativa, na presente orde fíxanse nesta Comunidade Autónoma as normas que regulan as reasignacións das cantidades de referencia da reserva nacional, provenientes do plan da abandono que instrumentou o Real decreto 154/96 e das reduccións ou retiradas por falta de comercialización, para os productores de leite de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde establece o procedemento para a asignación de cantidades de referencia suplementarias procedentes da reserva nacional, por unha cantidade máxima de 32.102 toneladas para entrega a compradores procedentes do abandono da producción láctea instrumentado polo Real decreto 154/96, do 2 de febreiro, e das cantidades de referencia da reserva nacional en aplicación do previsto no artigo 25 do Real decreto 1888/1991 e no artigo 13 do Real decreto 324/94, do 28 de febreiro.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. A asignación de cantidades de referencia suplementarias realizaráselles ós productores de leite que o soliciten, que teñan a súa explotación agraria na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os requisitos que se establecen na presente orde.

2. Non poderán obter cantidade de referencia suplementaria conforme o previsto na presente orde aqueles productores ou explotacións que obtiveron asignación de cantidades de referencia suplementarias da reserva nacional en aplicación do Real decreto 2230/1994, do 18 de novembro, ou da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 9 de agosto de 1995.

Artigo 3º.-Limitacións.

As cantidades de referencia asignadas ó abeiro da presente orde non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, e serán reintegradas á reserva nacional cando o productor cese na actividade ou transfira total ou parcialmente a súa cantidade de referencia.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar cantidades de referencia da reserva nacional os productores que exerzan a actividade e a explotación dos cales tivese a 15 de decembro de 1997, cantidade de referencia asignada ou reasignada, de conformidade co disposto no artigo 1 do Real decreto 1319/1992 e cumpran ademais as seguintes condicións na data de publicación da orde:

a) Non terse acollido ós plans de abandono definitivo da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

b) Te-la a condición de productor de leite a título principal, entendendo como tal, no caso de persoas físicas, as que obtén o 50% da súa renda, como mínimo, da actividade agraria e o 50% dos seus ingresos agrarios, como mínimo, proceden da venda de leite da explotación. No caso de persoas xurídicas, o titular dunha explotación agraria prioritaria que obteña o 50% dos seus ingresos, como mínimo, da venda de leite da explotación.

Se se trata dunha comunidade de bens, deberán te-la condición de productor de leite a título principal tódolos membros dela ou un deles, como mínimo, se existe un pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de seis anos contados a partir do 1-1-1997.

c) Non ter transferido cantidades de referencia.

d) Que no período 1996/97 de taxa suplementaria entregaran leite e productos lácteos alomenos polo 95 por 100 da súa cantidade de referencia a 1 de abril de 1996, e que no período transcorrido desde o 1 de abril de 1997 ó 31 de xaneiro de 1998 tivese entregado alomenos o 80% da súa cantidade de referencia ó 15 de decembro de 1997.

e) No caso de persoas físicas, ter unha idade inferior ós 60 anos.

Artigo 5º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 15 do Real decreto 1888/1991, a clasificación de solicitudes para a asignación de cantidades de referencia efectuarase co seguinte baremo de puntuación:

a) Explotacións con superficie forraxeira sita nas zonas declaradas como parques naturais indicadas no anexo III e instalacións gandeiras situadas nunha parroquia comprendida nas devanditas zonas ou nunha parroquia limítrofe: 3 puntos.

b) Ser agricultor xove, tal como se define no punto 7 do artigo 2 da Lei 19/1995: 3 puntos.

c) Producir leite que, de acordo coas análises do Laboratorio Interprofesional Galego de Análises do Leite (LIGAL) ou laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, teña un contido inferior a 100.000 xermes/ml e inferior a 400.000 células somáticas/ml e ausencia de inhibidores: 2 puntos.

d) Te-la explotación integrada no Control de Rendemento Leiteiro Oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 23 de xaneiro de 1997, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX): 1 punto.

e) Ter sido destinatario de transferencia de cantidade de referencia doutra explotación no marco do Real decreto 2307/1994, con validez para a campaña 97-98 ou precedentes: 1 punto.

g) Ser socio de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores que sexa primeiro comprador de leite autorizado polo FEGA ou que participe en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en 1997: 1 punto.

2. Para que poidan ser obxecto de puntuación, as condicións establecidas na alínea anterior terán que cumprirse o 31 de xaneiro de 1998.

3. En todo caso, as cantidades de referencia suplementarias asignaránselle a cada solicitante en función da cantidade de referencia individual dispoñible na explotación o 15 de decembro de 1997 (Q), e serán, como máximo, as indicadas no cadro seguinte para os diferentes estratos:

Cantidade de referencia dispoñible

productor solicitante quilogramos

Cantidade máxima que se asignará (kg)

1º Ata 25.0000,5 x Q
2º De 25.0001 a 50.0005.000 + 0,3 x Q
3º De 50.001 a 100.00010.000 + 0,2 x Q
4º De 100.001 a 200.00020.000 + 0,1 x Q

Ós productores con cantidade de referencia dispoñible superior a 200.000 quilogramos asignaráselles, como máximo, unha cantidade igual á que corresponda ós primeiros 200.000 quilogramos.

4. No caso de titulares persoas xurídicas con cantidade de referencia asignada a nome da entidade, esta dividirase entre o número de socios que sexan agricultores a título principal para os efectos da aplicación da porcentaxe máxima de asignación establecida na alínea 3.

Artigo 6º.-Procedemento para a asignación.

1. A distribución entre os productores das cantidades de referencia da reserva nacional efectuarase tendo en conta a puntuación alcanzada segundo o baremo establecido na alínea 1 do artigo 5º e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas porcentaxes máximas previstas na alínea 3 do devandito artigo.

Para tal fin, tódolos expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no Art. 4º relacionaranse polo número total de puntos alcanzados, e procederase á distribución das cantidades de referencia suplementaria por orde de puntuación, de maior a menor, ata que sexan esgotadas as cantidades de referencia dispoñibles da reserva nacional que poidan ser obxecto de asignación.

2. No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós productores que se atopen nas seguintes circunstancias, pola orde que se cita:

1º Que produzan leite con menos de 100.000 xermes , menos de 400.000 células somáticas e ausencia de inhibidores, segundo a alínea 1, d) do artigo 5º.

2º Resto dos productores.

En cada un dos grupos ordenaranse as solicitudes por orde ascendente de cantidade de referencia o 15 de decembro de 1997 e, en caso de igualdade, terá preferencia o solicitante de menor idade ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes de asignación de cantidades de referencia suplementarias da reserva nacional, formalizadas no modelo que se xunta como anexo I, presentaranse, preferentemente, nas oficinas comarcais de Extensión Agraria ou nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo dun mes a partir da entrada en vigor da presente disposición, xunto coa seguinte documentación:

1. Solicitante persoa física, con cantidade de referencia.

a) Fotocopia do DNI e NIF del solicitante.

b) Fotocopia compulsada da declaración do IRPF do exercicio 1996 ou documento 037 «Declaración censual» no caso de terse incorporado á actividade agraria despois do 1-1-97. No caso de cambio de titularidade da explotación entre o 01-01-96 e o 31-12-96 deberán xuntarse fotocopias da declaración do IRPF do exercicio 1996 de ámbolos titulares.

c) No caso de entregas a compradores, certificado do comprador ou compradores das cantidades de leite entregadas no período 1-4-96 a 31-3-97 e desde o 1-4-97 a 31-1-98, así como do importe da venda de leite realizada do 1-1-96 ó 31-12-96, segundo o modelo do anexo II.

d) No caso de vendas directas, fotocopia compulsada da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente no período 1-4-96 a 31-3-97 presentada ó Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) de acordo co establecido na Resolución do 5 de abril de 1994 (BOE 9-4-94), e declaración dos comercializados no período 1-4-97 a 31-1-98, así como fotocopia compulsada das facturas de venda directa ou da contabilidade que deba levarse segundo a normativa vixente, correspondente ás vendas de leite e productos lácteos realizados entre o 1-1-96 e 31-12-96.

e) Se é o caso, fotocopia compulsada dun boletín de análises do LIGAL ou doutro laboratorio autorizado pola consellería, correspondente a mostras obtidas no período 1-11-97 a 31-1-98.

f) Se é o caso, certificado da asociación provincial de control do rendemento leiteiro (AFRICOR) de que a explotación da que é titular o solicitante está integrada nel e cumpriu o establecido na orde da consellería do 23 de xaneiro de 1997 de desenvolvemento do PIMX, como mínimo no período do 1-10-96 ó 30-9-97.

g) Se é o caso, declaración do solicitante na que se indiquen as parcelas da superficie forraxeira actual da explotación situadas en zonas declaradas parque natural, segundo o modelo do anexo IV.

h) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado no punto 1 g) do artigo 5.

2. No caso de comunidades de bens.

a) Fotocopia do NIF.

b) Copia do documento de constitución da comunidade.

c) Certificación do órgano rector da comunidade autorizando o representante para solicita-la cantidade de referencia e indicando a relación nominal co NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 1, alíneas a) e b) para tódolos membros da comunidade ou, como mínimo, para un deles e documento xustificativo do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 6 anos, neste último caso.

e) Se é o caso, os documentos indicados nas alíneas c), d), e), f), g) e h) do punto 1.

3. No caso de persoas xurídicas.

a) Fotocopia do CIF.

b) Certificación da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou do ILGG acreditativa da cualificación da explotación como explotación agraria prioritaria, ou solicitude da dita cualificación de acordo co modelo incluído no anexo da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 22 de maio de 1996 (DOG 4-6-96), xunto coa documentación indicada nel.

c) Copia do documento de constitución da entidade.

d) Copia de certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento, na que conste a identificación da persoa autorizada para solicitar cantidade de referencia adicional en nome da entidade, e relación nominal, co NIF, de tódolos socios.

e) Se é o caso, os documentos indicados nas alíneas c), d), e), f), g) e h) do punto 1.

f) Se é o caso, fotocopia compulsada da declaración do IRPF do exercicio 1996 de cada un dos socios que cumpran a condición de agricultor a título principal.

g) Fotocopia compulsada da declaración do imposto de sociedades do exercicio 1996.

4) Se no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1996 e a data de presentación da solicitude se producira, por causa xustificada, un cambio de titularidade na explotación do solicitante, xuntaráselle copia do impreso oficial comunicación de transferencia de cantidade de referencia. Neste caso na contabilización de entregas e vendas de leite terase en conta as realizadas pola explotación a nome de cada titular, no período correspondente.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. As solicitudes que se presenten remitiranse ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) para a súa comprobación e análises, tendo en conta os requisitos e puntuacións previstos nos artigos 4º e 5º da presente orde, e efectuarán un informe, coa proposta correspondente, ó director do ILGG.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais e distribuídas as cantidades de referencia suplementarias por orde de puntuación conforme o baremo da presente orde, elaborarase unha lista coa clasificación provisional. Por resolución do director do ILGG, publicada no Diario Oficial de Galicia, procederase a indicar que está confeccionada a devandita lista e que os interesados poderán comproba-los parámetros para a asignación na axencia de Extensión Agraria da súa comarca.

3. Os interesados disporán dun prazo de quince días hábiles desde aquela publicación para formula-las alegacións e presenta-la documentación que consideren conveniente ó seu dereito.

4. Transcorrido o dito prazo, e tendo en conta, se procede, as alegacións que fosen presentadas, efectuarase a clasificación definitiva, determinándose os solicitantes que teñen dereito a asignación de cantidade de referencia suplementaria en función dos criterios establecidos e da cantidade máxima para repartir.

5. O director do ILGG elevará a proposta favorable de asignación á Dirección Xeral de Produccións e Mercados Gandeiros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que efectuará a reasignación das cantidades de referencia suplementarias que procedan.

6. Aprobada a devandita proposta polo director xeral de Produccións e Mercados Gandeiros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o director do ILGG comunicaralles ós interesados as reasignacións correspondentes.

Artigo 9º.-Incumprimento.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou da documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de conformidade coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de toda orde que se puidesen derivar, especialmente as relacionadas coa aplicación da taxa suplementaria.

Artigo 10º.-Inspección e control.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor estará obrigado a colaborar nas ditas inspeccións proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposición adicional

Os productores que obteñan asignación de cantidade de referencia de acordo co previsto na presente orde e que, con posterioridade, como consecuencia de resolucións favorables de recursos ou alegacións, obtivesen asignación no marco do R.D. 2230/1994 ou da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 9 de agosto de 1995, perderán a asignación obtida en aplicación desta orde, que será reintegrada á reserva nacional para ser reasignada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

ANEXO II. MODELO DE CERTIFICACIÓN DO COMPRADOR DE ENTREGAS DE LEITE

E PRODUCTOS LÁCTEOS EFECTUADAS POLO PRODUCTOR

Don/Dona con DNI ,

en calidade de da empresa , con CIF

e enderezo en , concello de

provincia de

CERTIFICA:

Que Don/Dona con DNI enderezo en

, concello de provincia de

entregoulle a esta empresa durante os períodos abaixo indicados, o leite e productos lácteos transformados en equivalente de leite polas seguintes cantidades:

kg leiteGraxa %kg leite corrixido por graxa

Período 1-4-1996 a 31-3-1997

Período 1-4-1997 a 31-1-1998

Que o importe do lete adquirido ó dito productor no período 1-1-1996 ó 31-12-1996 foi de

................................. ptas. correspondente a ............................. kg.

Para que conste, a petición do interesado para os efectos de xunta-la solicitude de asignación

de cantidade de referencia suplementaria da reserva nacional, asínase a presente certificación

en ................................................., ....... de .............................. de 199...

Sinatura

ANEXO III. PARQUES NATURAIS DECLARADOS EN GALICIA

Parque naturalDeclarado porConcellos

Baixa Limia-Serra do XurésD 29/1992, do 11 de febreiro (DOG 22-2-1993)Entrimo (Ourense)
Lobios (Ourense)
Muíños (Ourense)
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e VixánD 139/1992, do 5 de xuño (DOG 15-6-1992)Ribeira (A Coruña)
Fragas do EumeD 218/1997, do 30 de xullo (DOG 11-8-1997)Cabanas (A Coruña)
A Capela (A Coruña)
Monfero (A Coruña)
Pontedeume (A Coruña)
As Pontes de G.R. (A Coruña)

ANEXO IV

DECLARACIÓN DE TITULARIDADE DE PARCELAS DEDICADAS A FORRAXES SITUADAS EN PARQUES NATURAIS

Don/Dna con DNI/CIF

DECLARA:

Que é titular dunha explotación leiteira cunha superificie forraxeira total de .............. ha das que están situadas no parque natural de un total de ............................ ha segundo se detalla a continuación:

Superficies (ha)Réxime

Prov.ConcelloPolígonoParcelaCatastralForraxetenza

Superficies (ha)Réxime

Prov.ConcelloPolígonoParcelaCatastralForraxetenza

Sinatura

2917