Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 06 de abril de 1998 Páx. 3.555

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1998, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca exame teórico ordinario en maio de 1998 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer.

O Decreto 77/1996, do 29 de febreiro, asigna á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as funcións e servicios transferidos de acordo co previsto no Decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas, correspondéndolle o exercicio destas á dirección xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

A Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, establece a necesidade de realizar un exame teórico e un práctico ou, alternativamente a este, unhas prácticas obrigatorias. Para a realización tanto do exame práctico ou das prácticas é preciso ter aprobado con anterioridade o exame teórico.

Polo exposto, é preciso establece-lo calendario e condicións de inscrición nas probas teóricas das correspondentes titulacións; polo tanto, esta dirección, en uso das facultades que ten atribuídas en virtude do Decreto 206/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica e funcional da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

RESOLVE:

Proceder á convocatoria de exame teórico ordinario en maio de 1998 para a obtención das seguintes titulacións:

a) Patrón para navegación básica.

b) Patrón de embarcacións de lecer.

b) Patrón de iate.

c) Capitán de iate.

con suxeición ás seguintes:

BASES DA CONVOCATORIA

Primeira

1. Celebraranse os exames no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, polos tribunais constituídos para o efecto de acordo co previsto na base quinta da presente resolución, segundo a seguinte programación:

1. Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Patrón para navegación básica: día 5 de maio.

Patrón de embarcacións de lecer: día 6 de maio.

Patrón de iate: día 11 de maio.

Capitán de iate: día 12 de maio.

2. Escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol.

Patrón para navegación básica: día 5 de maio.

Patrón de embarcacións de lecer: día 6 de maio.

2. Os exames serán escritos e axustaranse no referente ós programas, forma e condicións mínimas para superalos, á Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento e resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante do 30 de decembro de 1997 e ás circulares da mesma dirección actualmente en vigor, que se exporán á vez cás listas de admitidos e excluídos nos taboleiros de anuncios dos centros realizadores dos exames.

Segunda.-As persoas que desexen presentarse a esta convocatoria deberán acreditar:

a) Ter cumpridos 18 anos, e no caso do patrón para navegación básica e do patrón de embarcacións de lecer, se se é menor non emancipado, ter cumpridos 16 anos e contar coa autorización dos pais ou titores.

b) Ter ingresados os correspondentes dereitos do exame.

Terceira

1. Os candidatos deberán solicita-la súa admisión ó exame mediante solicitude dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exames para a obtención das titulacións de referencia, no modelo do anexo.

2. Xunto á solicitude, será preciso presenta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Unha fotografía recente de tamaño carné.

-Resgardo para a Administración do correspondente impreso de autoliquidación de taxas debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

-No caso de que os candidatos teñan superado unha parte do programa da titulación á que se presentan, deberán presenta-lo certificado do último exame.

-Título, tarxeta ou resgardo de trámite de patrón de embarcacións de lecer, para presentarse a patrón de iate.

-Título, tarxeta ou resgardo de trámite de patrón de iate, para presentarse a capitán de iate.

3. As solicitudes presentaranse, xunto á documentación mencionada no apartado anterior, indicando o lugar de realización do exame, antes do 20 de abril, prazo improrrogable para tódolos efectos.

4. As mencionadas solicitudes poderán presentarse en calquera das seguintes dependencias administrativas:

a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais.

b) Na secretaría do Instituto Politécnico-Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo ou das escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol, segundo corresponda.

Cuarta.-Sen prexuízo do disposto na base primeira da presente convocatoria, os presidentes dos tribunais, á vista das instancias recibidas, farán públicos no taboleiro de anuncios de cada centro examinador as listas de admitidos e excluídos, así como o día

e a hora de realización das probas correspondentes a cada unha das titulacións.

Quinta.-Os tribunais que xulgarán as probas estarán formados por:

-O director do centro onde se realice o exame ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente en tódalas probas.

-Un secretario, cargo que será ocupado polo secretario do centro.

-Os vocais necesarios, que serán designados para o efecto polo presidente, cun mínimo en función do tipo de exame de:

-Un, no caso do exame de patrón de navegación básica.

-Dous, no caso do exame de patrón de embarcacións de lecer.

-Tres, nos casos de exames de patrón de iate e de capitán de iate.

Os membros dos tribunais terán preferentemente titulación náutica superior.

Sexta.-Rematadas e corrixidas as probas, expoñeranse no taboleiro de anuncios das dependencias administrativas sinaladas na base terceira.5 da presente resolución as listas das cualificacións destas.

Os interesados poderán, se é o caso, formula-las reclamacións que coiden oportunas perante o presidente do tribunal, no prazo de 15 días contados desde a data na que sexan publicadas as listas.

Sétima.-Aqueles solicitantes que se encontren en posesión de titulacións que dan lugar á validación de parte dos programas, solicitarana diante do tribunal ó tempo que solicitan a inscrición para o exame, para o que xuntarán a documentación necesaria para acreditaren que están en posesión das titulacións que alegan para a validación. O tribunal resolveraas na lista pública de admitidos e excluídos.

Oitava.-Os solicitantes deberán reuni-las condicións físicas previstas na Resolución do 30 de decembro de 1997 da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Esta condición acreditarase mediante a presentación de certificado médico expedido de conformidade coa dita resolución, cando se solicite a tarxeta acreditativa.

Novena.-A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela poderán impugnarse nos casos e na forma previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1998.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira e Investigación

2732