Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 06 de abril de 1998 Páx. 3.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se dictan instruccións para a organización das actividades de final de curso 1997-1998 para os centros de educación infantil e educación primaria.

Co fin de organiza-las actividades de final de curso con criterios uniformes nos centros de educación infantil e educación primaria, esta dirección xeral resolveu dicta-las seguintes instruccións:

Primeiro.-Os comedores escolares funcionarán ata o día 29 de maio inclusive.

Segundo.-A partir do día 1 de xuño ata o 23, inclusive, as actividades escolares para tódolos alumnos escolarizados no centro desenvolveranse en xornada única de 4 horas, sen prexuízo do cumprimento por parte do profesorado do horario que lle corresponda.

Terceiro.-O período comprendido entre o 24 e o 30 de xuño, será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elabora-las actas de avaliación, os informes individualizados, os informes ás familias e a cubri-los libros de escolaridade, permanecendo todo o profesorado, tanto o de educación infantil como o de educación primaria no centro ata o día 30 de xuño, inclusive.

Cuarto.-Os directores dos centros adoptarán as medidas oportunas para facilita-lo exercicio, por parte dos pais ou titores dos alumnos, do dereito a presentaren reclamación contra as cualificacións finais, segundo establece o punto 11 do capítulo IV do anexo da Orde do 22 de xullo de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 2 de setembro).

Quinto.-Durante o mes de xuño, o equipo directivo elaborará a memoria final de curso de acordo co disposto no punto 5 do capítulo I do anexo da orde citada no punto anterior. Unha copia da devandita memoria, unha vez informada polo claustro e o Consello escolar, será remitida ó Servicio Provincial da Inspección Educativa antes do 10 de xullo.

Sexto.-Os alumnos que rematen a educación primaria e tiveran feita a reserva de praza prevista no punto segundo da Orde do 5 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 10 de maio), quedarán automaticamente matriculados no centro de educación secundaria ó que estea adscrito o centro de educación primaria, de conformidade co punto terceiro da dita orde. Para tales efectos os directores dos centros de educación primaria remitirán ó centro de educación secundaria ó que estean adscritos relación nominal dos alumnos que pasan a primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, xunto cos documentos correspondentes.

Sétimo.-As sesións de avaliación final dos alumnos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria celebraranse antes do día 23 de xuño. A partir desta data o profesorado dedicarase a elabora-los informes individualizados, os informes ás familias, entrega das cualificacións e atención ás reclamacións, etc.

Oitavo.-Os centros deberán observa-las normas fixadas no Decreto 89/1993, do 19 de abril (Diario Oficial de Galicia do 27/4/1993), polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e máis no Decreto 247/1995, do 14 de setembro (Diario Oficial de Galicia do 15/9/1995), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, que no artigo 8.2º establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto expoñerán no taboleiro na primeira quincena de xuño a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 1998/1999. Unha copia da citada relación enviaráselles ós respectivos servicios provinciais da Inspección Educativa antes do día 21 de xuño.

Así mesmo, observarase a prohibición da venda e/ou distribución de libros e material didáctico nos centros, tanto por persoal do colexio como por persoas alleas a el.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1998.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Centros e Inspección Educativa

2892