Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 1998 Páx. 3.191

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de marzo de 1998 pola que se convocan bolsas para estudio e investigación sobre materias turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que as administracións públicas se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día ó sector, para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de concederlles axudas, mediante a figura de bolsa, para estudios e investigacións sobre materias turísticas ós titulados superiores universitarios ou na de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Por todo isto e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita Lei e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse unha serie de bolsas de convormidade coas seguintes bases:

Primeira.- Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarios destas becas, ben a título individual ou formando un equipo multidisciplinar, os titulados superiores universitarios ou na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade, en ámbolos dous casos, ó 1 de xaneiro de 1991.

Segunda.- Obxecto:

O obxecto das bolsas convocadas é a realización polos beneficiarios de tarefas de estudio e investigación sobre unha das seguintes materias turísticas, referidas ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

A) Ordenación do territorio e desenvolvemento turístico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obligatoriamente algún destes elementos: usos turísticos do solo e capacidade de carga do territorio, infraestructuras territoriais, distribución territorial de dotacións e instalacións, protección de determinadas áreas.

B) O turiso galego como sector económico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: xeración de emprego, gasto turístico, análise estatística, tecido empresarial, novas medidas de fomento.

C) Turismo e medio ambiente.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: os recursos turísticos naturais e medioambientais, o impacto medioambiental do turismo, a contaminación acústica, a situación do litoral. Calidade das augas marítimas e fluviais, a montaña como recurso turístico, os residuos sólidos e o turismo.

D) A aplicación das novas tecnoloxías ó turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: informatización da xestión e comercialización das empresas turísticas, Internet na empresa turística, mercadotecnia informática, integración dos sistemas informáticos das empresas nos sistemas de información públicos.

E) Análise da calidade no servicio e dos niveis de profesionalización do turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: diagnose da satisfacción da demanda, proposta de estándares de calidade nos diferentes subsectores, artellamento de sistemas voluntarios de calidade, análise do nivel formativo dos recursos humanos e vías de perfeccionamento e reciclaxe.

F) Posibilidade de novos productos turísticos en Galicia e factores de diversificación da oferta turística galega.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: termalismo, talasoterapia, turismo activo e de natureza, turismo urbano, estacións marítimas, turismo relixioso.

G) Historia do turismo en Galicia.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: historia económica do turismo en Galicia, estudios históricos das vilas turísticas de Galicia, visión histórica da hotelería e da balneoterapia en Galicia, evolución histórica do litoral galego.

Terceira.- Determinacións orzamentarias:

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo concederá estas bolsas con cargo á aplicación 10.05.651A.480.0 dos seus créditos orzamentarios. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin así como as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Cuarta.- Requisitos dos participantes:

A) Ser titulado superior universitario ou técnico de empresas e actividades turísticas.

B) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

Quinta.- Dotación das bolsas:

A dotación das bolsas serán de ata un máximo de 1.000.000 (un millón) de pesetas para cada un dos beneficiarios ben cando se concedan individualmente ou ben para cada un dos membros que conforman o equipo multidisciplinar. O importe será proposto polo tribunal sinalado na base oitava en función da complexidade, interese e calidade do estudio e investigación proposto.

Sexta.- Natureza xurídica da relación:

A condición de beneficiario da bolsa obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Sétima.- Solicitudes e documentación:

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa, se é o caso.

-Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas.

-Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida no apartado B) da base cuarta, sempre que estes documentos non se refiran ós estudios da titulación esixida.

-Memoria descritiva, na que se expliquen os obxectivos concretos do proxecto de investigación. Esta memoria deberase de recoller nunha extensión mínima de 5 folios e máxima de 10.

No caso de equipo multidisciplinar o anexo I deberano asinar cada un dos membros e o resto da documentación, agás o referido á memoria descritiva, que será única e asinada por todos, será de cada un deles, conformando todo un só expediente.

2. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

3. Os solicitantes emendarán, a requirimento da Dirección Xeral de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes que se necesiten, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo sen máis trámite, daquelas que non se tramitasen en tempo e forma.

Oitava.- Selección das solicitudes e resolución.

1. A selección das solicitudes realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico, ata 3 puntos.

b) Currículum vitae, ata 3 puntos.

c) Formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria, ata 2 puntos.

d) Coñecementos da lingua galega, ata 1 punto.

e) Memoria, ata 5 puntos.

Para a valoración das solicitudes constituirase un tribunal que estará formado polos funcionarios da Dirección Xeral de Turismo seguintes:

Presidente:

O subdirector xeral de Fomento e Cooperación.

Vocais:

* A xefa do Servicio de Ordenación.

* O xefe do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

Secretario:

O xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

O tribunal realizará una preselección que se considerará superada polos aspirantes que obteñan unha puntuación de 7 ou máis puntos, segundo o baremo.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes preseleccionados sobre os seus méritos curriculares e a memoria por tempo máximo de 15 minutos.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicialmente asignada nun máximo do 25% da que lle correspondese por aplicación do baremo.

Os acordos do tribunal faranse públicos mediante a inserción de anuncios nos taboleiros da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, isto é, na Secretaría Xeral e na Dirección Xeral de Turismo.

2.1 No caso de que dous ou máis solicitantes acadasen a mesma puntuación e non fose posible conceder máis bolsas por mor das limitacións orzamentarias, proporase a súa adxudicación ó solicitante de maior idade.

2.2 No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas xurdisen renuncias, adxudicarase esta ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O director xeral de Turismo, vistos os acordos e proposta do tribunal e logo de fiscalización, resolverá a concesión de conformidade co establecido na presente orde no prazo dun mes desde o remate

do prazo de presentación de solicitudes, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias. Na resolución de concesión o director xeral de Turismo poderá establecer, para o proxecto, o apoio dun profesor-titor que será designado polo beneficiario entre profesores de recoñecido prestixio na materia de estudio e investigación.

Novena.- Obrigas dos bolseiros.

1º No caso de que un equipo multidisciplinar reciba a subvención, as relacións deste equipo coa Dirección Xeral de Turismo realizaranse por un dos seus membros, que deberá acredita-la representación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal de todo o equipo.

2º Os aspirantes seleccionados farán entrega do proxecto de investigación, que será conforme coa memoria presentada e coas condicións sinaladas na resolución de concesión e, se é o caso, coa aceptación do profesor-titor, ós quince días da aceptación da bolsa. Esta aceptación farase no anexo II a esta orde no prazo de seis días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

3º Os beneficiarios realizarán o seu proxecto baixo as indicacións do xefe do Servicio de Fomento e Promoción e o prazo de presentación será ata o 15 de outubro de 1998. O dito prazo poderase prorrogar por un mes máis por petición do beneficiario e cando exista causa fundada para isto.

4º O traballo realizado será entregado á Direccón Xeral de Turismo en triplicado exemplar e o seu soporte será en copia impresa e en soporte magnético (disquete, en formato Word).

5º Os traballos realizados, do que alomenos un exemplar, nos dous soportes esixidos, será en galego, quedarán en propiedade da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que os poderá publicar cando o considere conveniente coa única condición de indicación do autor ou autores.

Décima.- Aboamento das axudas:

A Dirección Xeral de Turismo, consonte o artigo 36.dous.A) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 e trala presentación do proxecto de investigación así como a súa aceptación pola Dirección Xeral de Turismo, aboaralles ós beneficiarios un anticipo de pagamento do 80% da bolsa concedida. O 20% restante librarase cando o beneficiario presente o proxecto realizado.

No caso de equipo multidisciplinar, calquera aboamento farase de xeito individual a cada membro sempre e cando o equipo, no seu conxunto, cumpra tódalas obrigas da bolsa concedida.

Undécima.- Incumprimento das obrigas:

A Dirección Xeral de Turismo, logo do trámite de audiencia ó interesado, poderá, por proposta do xefe

do Servicio de Fomento e Promoción, anula-la bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios. A dita anulación obriga, en todo caso, o interesado a devolución do importe que recibise da dotación da bolsa.

A solicitude destas bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Disposición adicional

O equipo multidisciplinar considerarase como unha unidade en canto ás obrigas de realización do estudio e/ou investigación. No caso de ruptura do equipo, e no prazo de 15 días desde que esta se producira, os outros compoñentes están obrigados a comunicarllo á Dirección Xeral de Turismo así como a substituír, dentro dos 15 días seguintes á sinalada comunicación, a persoa ou persoas que o abandonaron por outros da mesma titulación e similar currículo e experiencia. Esta substitución ten que ser autorizada polo director xeral de Turismo e, no caso de denegarse, esta circunstancia determinará a perda da axuda así como a devolución das cantidades xa

percibidas ata ese momento por cada un dos membros do equipo solicitante da bolsa.

Disposición transitoria

Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto realizados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, ó se dicta-lo acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que foron producidos aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde haberá que aterse ó disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2589