Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 1998 Páx. 3.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de marzo de 1998 pola que se establecen axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares e entidades sen fin de lucro para a realización de estudios sobre medios de comunicación en Galicia.

A importancia da comunicación oral e escrita, como instrumentos de vertebración dun país, e aínda como ferramentas útiles para facilitar, mediante o achegamento entre os pobos, o afondamento da democracia, fan especialmente recomendable un mellor coñecemento desas técnicas.

A conciencia desa necesidade levou á inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos créditos destinados á realización de investigacións nese campo. Para o gasto derivado da presente orde disponse de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para 1998, nembargantes a teor do disposto na Orde de 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio 1998 en trámite parlamentario.

Coa finalidade de asegura-la publicidade e obxectividade na concesión, así como para promove-la participación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Establécense axudas para fomenta-la realización de estudios sobre medios de comunicación. O importe global das axudas será de doce millóns setecentas mil (12.700.000) pesetas.

Segundo.-A contía de cada axuda será de cincocentas mil a un millón cincocentas mil pesetas (500.000 a 1.500.000 ptas.).

Terceiro.-Poderán solicita-las axudas particulares e entidades sen fin de lucro.

Cuarto.-A solicitude das axudas farase mediante instancia, segundo modelo do anexo, dirixida ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos, e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

b) Acreditación da representación con que actúa, se é o caso.

c) Memoria explicativa do contido, con indicación da súa dimensión e prazo de realización.

d) Currículum vitae do autor ou autores do estudio.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Sétimo.-Os estudios presentaranse por triplicado, debidamente foliados e encadernados e coa sinatura do autor ou autores. A súa extensión non será inferior ós 100 folios de 1.800 caracteres, e non se computarán as copias íntegras ou parciais das publicacións ou estudios xa existentes.

Oitavo.-A resolución das axudas será realizada polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública por proposta dunha comisión que avaliará as solicitudes presentadas e que será presidida polo secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e que estará integrada por un funcionario desa secretaría xeral con categoría non inferior a xefe de Negociado, que actuará de secretario, como vocais o xefe do Servicio de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria e o xefe de Gabinete. A comisión terá en conta a finalidade do estudio e a súa relación coa realidade galega na materia, o seu carácter inédito, o currículum vitae do autor ou autores e calquera outra circunstancia que contribúa á modernización do sector.

A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos tres meses contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Noveno.-Os estudios resultantes das memorias seleccionadas serán entregados na Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos antes do día 30 de setembro de 1998.

Décimo.-A concesión das axudas farase con cargo á aplicación 04.08.361 A 480.0 que dispón de crédito adecuado e suficiente no proxecto de presuposto da Comunidade Autónoma para 1998, nembargantes o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de 1998, neste instante en trámite parlamentario (Orde 11 de febreiro de 1998).

Décimo primeiro.-O pagamento tramitarase unha vez entregado o estudio obxecto da axuda.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que se atopan ó día da súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Décimo segundo.-De non entregarse o estudio no prazo sinalado, ou de entregarse cun contido distinto ó previsto na memoria, o beneficiario perderá o seu dereito á percepción da axuda.

Décimo terceiro.-A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos reserva para si o dereito de publica-los traballos presentados baixo esta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e ó artigo 40 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das suas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2715