Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 1998 Páx. 3.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1998 de delegación de funcións do presidente do Instituto Galego de Consumo no xerente para a realización dos gastos dos capítulos 1 e 2.

A Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, establece no seu artigo 7 as funcións do seu presidente, entre as que se atopa a de ordena-los pagamentos do organismo.

Por outra banda, o artigo 72.2 e 4 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, establece que lles corresponde ós presidentes ou directores dos organismos autónomos da comunidade a autorización e disposición dos gastos e créditos, respectivamente, o recoñecemento de obrigas e a ordenación de pagamentos que correspondan a eles. Estas facultades poderán ser obxecto de delegación ou desconcentración nos termos que regulamentariamente se establezan.

A actividade administrativa do Instituto Galego de Consumo supón unha concentración de funcións arredor do seu presidente que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no xerente do organismo autónomo, sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio, tanto da administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo único.-Delegar no xerente do Instituto Galego de Consumo a autorización de gastos e disposición de créditos así como o recoñecemento de obrigas e a ordenación de pagamentos relativos ós capítulos 1 gastos de persoal e 2 gastos en bens correntes e servicios ata os límites dos créditos autorizados que figuran no orzamento do organismo autónomo.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1998.

Jorge Rodríguez Vázquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo

2594