Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 1998 Páx. 3.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de marzo de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás corporacións locais encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, co fin de que as corporacións locais teñan cobertura radifónica de carácter local que facilite ós cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma unha liña de subvencións de capital.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade, a teor do sinalado no artigo 78.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o que esixe a realización na correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual poderá conceder subvencións encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite sinalado no artigo 9 desta orde.

Artigo 2º

O obxectivo é incentiva-la iniciativa local para a dotación de estudios e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo 3º

1. Poderán ser beneficiarios dunha subvencións, en réxime de concurrencia competitiva, as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servicio de radiofusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia para emisoras municipais.

2. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se xunta como anexo a presente orde, e a ela uniranse os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que hai que realizar.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servicio.

3. As peticións de subvención presentarase no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (edificio administrativo nº 3, de San Caetano, Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte o da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Para a valoración das peticións, teranse en conta os seguintes criterios:

-O fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia e, en especial, o emprego do galego na programación.

-Horario de emisión, porcentaxe de producción propia e porcentaxe de programas informativos, culturais ou educativos.

A resolución de concesión de subvencións será adoptada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos 3 meses contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43. 2º C), en sentido contrario, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º

Os concellos ós que se lle conceda unha subvención ó amparo do disposto nesta orde, estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, debendo xustifica-lo antes do 30 de setembro mediante certificación na que se fará consta-la realización do investimento e a contía do gasto realizado.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos cos que se concederon as subvencións.

Artigo 8º

1. As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada dirección xeral para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintrego, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 9º

As subvencións que se concedan en execución da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación 10.04.361.A 760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, na que existe un crédito para este efecto por importe de 15.000.000 de pesetas.

Disposición adicional

A presente orde tramítase anticipadamente ó amparo do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, artigo 1, parágrafo 2, e de conformidade co disposto no artigo 3, apartado 2, da referida orde a autorización do gasto e a contratación de obrigas demorarase ata a aprobación definitiva do crédito que deba ampara-lo gasto. Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles actos.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, observarase o disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2223