Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.975

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 347 que afecta o monte Inxerio, da parroquia de Mercurín (concello de Ordes).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 19 de decembro de 1997, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 19 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia de Ángel Barrallo Sánchez, vicepresidente do xurado e maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña; os vocais, Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do

Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común; e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo:

Nº expediente: 347.

Monte: Inxerio.

Lugar: parroquia de Mercurín.

Parroquia: Mercurín.

Concello: Ordes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Diversos veciños da parroquia de Mercurín, concello de Ordes, solicitaron, con data 26-2-1997, deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 99,45 ha.

Lindeiros:

É o monte Mercurín, nº 223-D do CUP.

Norte, predios particulares de veciños de Pepín e Perra, do piquete nº 50 ó 52 do deslindamento, seguindo a orde de piquetes. Leste, predios particulares de veciños de Pena e Mañufo, seguindo en parte o camiño de Lesta a Mesón do Vento, do piquete nº 52 ó 1, e deste ó 19 seguindo a orde de piquetes. Sur, predios particulares de veciños de Mañufo, seguindo en parte o camiño de Lesta a Mesón do Vento, un camiño de servicio do monte, e o Rego da Pena da Loba, do piquete nº 19 ó 32 seguindo a orde de piquetes. Oeste, parroquia de Lesta, do piquete nº 32 ó 50 seguindo a orde de piquetes.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 13-6-1997, acordóu inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedíndose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ordes, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Ordes, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 183, do 23-9-1997) e taboleiro de anuncios do concello.

Terceiro.-Os veciños de Mercurín fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de forma consuetudinaria e en réxime de comunidade do monte correspondente ó dito lugar. Presentan copia do interrogatorio do catastro do Marqués de la Ensenada correspondente á parroquia de S. Clemente de Mercurín, onde xa se describe o dito monte. Inclúen, así mesmo, copia doutros documentos privados con referencias á existencia do monte veciñal.

Cuarto.-Publicados edictos no DOG, así como no taboleiro de anuncios do concello, non se presentaron alegacións por parte deste, como titular da propiedade do monte, nin por outros posibles interesados.

Quinto.-O monte Inxerio ou Mercurín foi expresamente excluído do proceso de concentración parcelaria da parroquia de S. Clemente de Mercurín, e permanece no catálogo de utilidade pública, ó seguir a se cumprir na actualidade os requisitos establecidos para a declaración de utilidade pública, conforme o artigo 25 do Regulamento de montes.O dito catálogo asigna a súa pertenza á parroquia de S. Clemente de Mercurín.

Sexto.-Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Mercurín, concello de Ordes, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente, e en especial, da comprobación do que se expresa no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal da parroquia de Mercurín, no que se cumpren os aludidos requisitos. Ésta afirmación

é reforzada pola asignación que se fai no CUP da súa pertenza á parroquia de Mercurín, así como pola súa exclusión do proceso de concentración parcelaria.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos nesta data,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da parroquia de Mercurín, concello de Ordes, o denominado monte Inxerio, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro antecedente. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 19 de decembro de 1997.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Ángel Barrallo Sánchez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

2240