Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación do artigo 1 do vixente convenio colectivo de ámbito provincial para o persoal laboral da Deputación Provincial de Lugo e do Inludes.

Vista a acta de reunión celebrada o día 26-11-1997 pola mesa negociadora do concenio colectivo único para o persoal laboral da Deputación Provincial de Lugo e do Inludes, da provincia de Lugo, (publicado no BOP número 200, do 30 agosto de 1990), na que se acorda modifica-lo artigo 1 do vixente convenio colectivo, asinado o mesmo día 26-11-1997 pola representación da dita empresa e a dos seus traballadores, e do conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre

rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrión da citada modificación do artigo 1 do convenio colectivo no Rexistro de Convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto da mentada modificación do convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dipoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de xaneiro de 1998.

José Mª Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Acta da reunión celebrada o día vinteseis de novembro de mil novecientos noventa e sete pola mesa negociadora, para a modificación do artigo 1 do viexente convenio colectivo único da Deputación Provincial de Lugo e do Inludes.

Asistentes:

-En representación da Administración:

Francisco Cacharro Pardo.

Pedro Luaces González-Rosón.

-En representación dos traballadores:

José Domínguez Fernández.

Encarna Lago González.

-Secretario.

Faustino Martínez Fernández.

No salón de comisións da Deputación Provincial, sendo as doce horas do día vinteseis de novembro de mil novecientos noventa e sete, reúnense os arriba referenciados, co obxecto de estudiaren a proposta de presidencia referente á modificación do artigo 1 vixente convenio colectivo único da Deputación Provincial de Lugo e do Inludes.

Vistas as diferentes situacións en que poden prestar servicios a esta entidade traballadores contratados en réxime laboral; e de acordo co establecido na disposición adicional 10ª do citado convenio, acórdase engadirlle un novo apartado ó artigo 1 do convenio colectivo único, o cal entrará en vigor con data do vintesete de novembro e co seguinte contido:

1.5. «Queda exceptuado do ámbito de aplicación persoal do presente convenio aquel que se contrata ó abeiro de programas específicos ou mediante concertos subscritos con organismo estatais, autonómicos ou con outras corporacións e/ou que preste servicios de carácter eventual ou conxuntural, o cal se rexerá polas especificacións que figuren no programa ou convenio ó abeiro dos que se contrata e polas condicións que especificamente se pacten no contrato laboral que se formalizará por escrito».

Non habendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión sendo as trece horas do día e mes arriba referenciados.

Rubricado

1946